Blog

Actúa no teu centro polos nenos/as de Belarús!

En Belarús, tras as eleccións presidenciais do 9 de agosto de 2020, os opositores saíron ás rúas para
impugnar os resultados. O actual presidente, Aliaksandr Lukashenka, declarou unha vitoria esmagadora,
mentres que Sviatlana Tsikhanouskaya se converteu nunha candidata popular para os votantes da
oposición. As protestas pacíficas continúan en todo o país, e as represalias contra os manifestantes tamén.
Os nenos e nenas teñen sido vítimas de violacións dos dereitos humanos a raíz das manifestacións, polo
que che propoñemos que poñas en marcha unha acción de solidariedade na aula.

ÚNETE Á NOSA ACCIÓN SOLIDARIA


Obxectivos:
1. Sensibilizar ante as violacións de dereitos humanos de nenos e nenas.
2. Solidarizarse coas vítimas e as súas familias, facéndolles chegar mensaxes de apoio.
Actividades:

En primeiro lugar, descarga o documento de casos e testemuños sobre Belarús nesta ligazón, e
dedica un momento de 10-15 minutos para lles explicar aos teus estudantes o que está a pasar en Belarús
e algún dos testemuños que máis te impresionasen.
1. Debuxar unha flor (branca, vermella, flor do liño), recortala.
2. Escribir mensaxes de solidariedade coas persoas de Belarús nos pétalos, ou nunha etiqueta engadida.
3. Colocar as flores en paneis para exhibir nun espazo común.
4. Fotografalos e publicar as imaxes en Instagram, Facebook ou Twitter, usando a etiqueta
#StandWithBelarus.
5. Incluír @amnesty para podermos compartilos.


NOTA: As flores de liño figuran no emblema de Belarús; as brancas úsanse como símbolo de paz e as
vermellas remiten a unha das cores da bandeira.