Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Muller pintando un rostro. © Pexels/Karolina Grabowska

Muller pintando un rostro. © Pexels/Karolina Grabowska

Blog

Máis artistas e menos musas: reescribir a historia da arte para incluír as mulleres

  • Cantas pintoras ou escultoras aparecen no teu libro de texto? Seguro que nin sequera che fan falta os dedos dunha man para contalas, e, no entanto, mulleres de todas as disciplinas e épocas teñen contribuído á creación do coñecemento e da cultura. Para coñecer a historia da arte completa é necesario ter en conta unha metade que foi excluída e invisibilizada. É necesario reescribir a historia da arte, tal e como ten sido contada ata o de agora, para vela cunha perspectiva de xénero, onde a muller é protagonista e non mera musa.
Vega Alonso, colaboradora de Amnistía Internacional,

Para que Artemisia Gentileschi, María Blanchard ou Camille Claudel teñan o lugar que lles corresponde, a asociación La Roldana trata de incluír mulleres artistas nos currículos educativos. Unha iniciativa que naceu en Change.org e que chegou ao Congreso dos Deputados. Toman o nome de Luisa Ignacia Roldán Villavicencio, primeira escultura española rexistrada, coñecida como La Roldana. Porén, o seu nome e o seu traballo son practicamente descoñecidos entre o alumnado. Para profundar neste tema, charlamos con Miriam Varela, vicepresidenta da asociación e historiadora da arte.

Como La Roldana, moitas mulleres artistas non están incluídas nos currículos de ESO e Bacharelato. Por que?

Ten moito que ver co currículo educativo que o Ministerio de Educación e as Consellerías de cada comunidade están a manexar. Se as consellerías non inclúen as mulleres no ensino, os libros de texto, obviamente, non as van incluír, porque digamos que investir nesas tintas é diñeiro tirado, á parte de que hai un recoñecemento nulo das mulleres na historia da arte.

integrantes de la Roldana frente al Ministerio de educación @privada

Chegastes ata o Congreso para mudar isto. Houbo avances coa nova lei educativa?

Co novo decreto de educación vaise producir un cambio, xa que o currículo insiste na importancia da integración das mulleres e en aplicar a perspectiva de xénero nas materias. Nosoutras esperabamos maior concreción. Por exemplo, en filosofía incluíuse a María Zambrano: vai entrar na Avaliación para o Acceso á Universidade (EvAU). Non obstante, na nosa rama non se especifican tanto os contidos. Non hai unha lista de autoras propostas, senón que esta inclusión se deixa en mans das comunidades e do profesorado. A lei marca unhas directrices, mais as comunidades teñen transferidas as competencias de educación, polo que son elas as que teñen a derradeira palabra.

Estamos a favor da liberdade de cátedra e de que se lle deixe ao profesorado máis liberdade para explicar, mais, no caso das mulleres, que foron sempre infravaloradas, si que habería que atar un pouco máis eses contidos para que se impartisen en todo caso. Cando falan de “incluír a perspectiva de xénero”, moitas veces incluirán unha muller e pensarán que con iso xa é suficiente.

Notastes xa cambios nalgunhas comunidades?

Temos constancia de que algunhas están comezando a incluír mulleres nas probas da EvAU, o que lles dará maior visibilidade. Destaca Galicia, que vai incluír oito mulleres. Isto é un fito, un récord total, o primeiro paso do cambio.

Se non son incluídas no currículo educativo, moitas artistas seguirán a ser descoñecidas para o alumnado...

Si. Isto é tremendo, porque ti quedas cunha explicación a medias da historia da arte neste caso, aínda que se podería xeneralizar a todos os campos (ciencia, historia, xeografía, matemáticas etc.). Explicáronche só a metade. Perdes todo o coñecemento que achegaron as mulleres e un intercambio de fluxos e coñecemento que había entre mulleres e homes. Non é que as creadoras estivesen a traballar no seu cuarto e non falasen con ninguén, senón que eran compañeiras dos homes e se influían mutuamente. Xa non é que perdas unha parte, senón moito máis.

Desde La Roldana facedes un traballo de visibilización. É algo de xustiza artística?

Visibilizar a obra destas creadoras é algo fundamental. Por iso, o primeiro que fixemos foi crear uns materiais accesibles para o profesorado. Se non conseguimos que se inclúa no currículo –o que se conseguiu en parte, e noutra parte non, por esa falta de concreción da que falabamos–, polo menos así chegamos ao profesorado. Se estás explicando o Renacemento e imprimes a ficha de Sofonisba Anguissola, de súpeto un montón de xente xa sabe que no Renacemento había mulleres que pintaban. Ese simple xesto significa que cae o veo dos alumnos e alumnas. Talvez paren niso menos porque non entra na EvAU, mais saben que existiron, e iso é un paso de xigante.

Podemos destacar algunhas destas mulleres?

Por exemplo, Lavinia Fontana foi a primeira muller en dirixir un taller artístico no Renacemento. Sofonisba Anguissola foi quen pintou o retrato máis célebre de Filipe II, e é incrible que non se coñeza ese dato. Rosalba Carriera foi unha pintora que revolucionou o retrato cortesán coa técnica do pastel. Antes, esta técnica utilizábase para facer os primeiros bosquexos e despois terminábase ao óleo. Carriera comezou pintando caixiñas de tabaco con pastel, e era tan boa que acabou pintando retratos de corte con esta técnica. Ademais, revolucionou o mercado, porque non é o mesmo pintar un óleo, que son muchas sesións, moito tempo de posado, secado etc. O pastel é unha técnica rápida e todo o mundo quería un Rosalba Carriera porque era máis barato e máis fácil posar para ela que para outros que facían óleo. Rosa Bonheur tiña ata bonecas dela mesma; ata ese punto foi importante no século XIX, e, no entanto, é moi pouco coñecida. E como elas hai moitas mulleres máis que deberían ser estudadas.

Falando de arte e muller, temos a imaxe da muller máis como musa que como artista.

Moitas das mulleres que estaban nos círculos artísticos son coñecidas hoxe como modelos de cadros de homes, mais realmente elas tamén pintaban, só que os seus cadros, aínda que fosen igual de bos, non se valoraban. É importante valorar o papel da muller na historia da arte como suxeito creador e non como suxeito pasivo. As mulleres tamén estivemos aí, somos suxeitos creadores, achegamos cousas, mesmo contribuímos á visibilización das “musas” dunha forma real. Moitas veces valorámolas pola súa aparencia estética, cando realmente eran mulleres intelixentes que non simplemente posaban. Detrás da palabra “musa” hai mulleres artistas, coas que os pintores tiñan conversas válidas e interesantes, intercambiaban opinións etcétera. Temos que quitar a “musa” dese encadramento na parte estética.

Veremos como se reescribiu algún día a historia da arte?

É algo co que soñamos. Tense feito un gran labor de investigación, temos moita información sobre mulleres artistas, estanse a dar pasos para dalas a coñecer, hai moitas publicacións etc., mais chega agora o momento de unir as dúas historias, de crear esa historia da arte común.

Que balance facedes do voso percorrido?

Os datos din moito, e ata o ano pasado nunca aparecera unha muller artista nas probas de acceso a profesorado. O ano pasado foi un boom, e case choramos de alegría. En certa medida, sentiámonos un pouco responsables, por alzarmos a voz e irmos ao Ministerio de Educación a protestar. Ao mellor o que estabamos facendo repercutiu un pouco nesta visibilización que se está a dar.

Que significa impartir unha materia con perspectiva de xénero?

Mencionar na clase nomes de mulleres non é aplicar a perspectiva de xénero. Sería darlles o mesmo valor ás obras de homes e mulleres. Algo que chama a atención é que, cando se inclúe unha muller nos libros de texto, se fai nunha epígrafe á parte ou nunha sección nunha esquina, ou non se relaciona cos homes da súa época. Parece que estaba pintando no soto da súa casa, como se non houbese intercambio cultural. Tamén é curioso como unha das propostas do anterior currículo pedía comparar as pintoras impresionistas cos seus homólogos masculinos. Isto non é perspectiva de xénero, porque estás intentando comparar homes e mulleres cando realmente poderías estudar esas mulleres no grupo de traballo en que estaban. Todo o mundo coñece a Monet, Renoir ou Degas, mais tamén había mulleres a traballar no mesmo grupo, como Berta Morrison ou Mary Cassatt. Comparalas cos seus homólogos masculinos é sacalas dun contexto e tratalas diferente. O obxectivo é que sexan tratadas igual que os homes.