Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Primeiro plano dunha ringleira de libros. © Michal Jarmoluk

Primeiro plano dunha ringleira de libros. © Michal Jarmoluk

Blog

Non deixemos as mulleres escritoras no esquecemento

  • A visibilidade das mulleres escritoras segue a ser necesaria. Sacar os seus nomes á luz, reivindicar as súas obras e incorporalas nos libros de texto é imprescindible e debe ser todo un compromiso para completar a historia da Literatura. Sería inxusto borrar o seu legado ás letras. Ademais, se o seu traballo é silenciado, é imposible que as novas xeracións crezan con referentes de mulleres escritoras.
Vega Alonso del Val (@VegaAlonsoV), colaboradora de Amnistía Internacional,

Nos libros de texto de Literatura en España non encontramos referencias a unha muller escritora ata o século XVI, con santa Teresa de Xesús, en cuxa honra se celebra o Día das Mulleres Escritoras o luns máis próximo á súa festividade, o 15 de outubro. Os seus nomes non aparecen nos nosos apuntamentos, non porque non existisen, senón porque non foron incluídos. Un exemplo máis de invisibilidade e de brecha de xénero.

A iso hai que sumar os atrancos que as mulleres se encontraron ao longo da historia para poder escribir. As súas obras eran consideradas “textos menores” polo simple feito de estaren escritos por unha muller. Moitas escritoras víronse obrigadas a asinar cun pseudónimo masculino, co nome dos seus maridos ou de forma anónima para non ser desdeñadas ou non ser rexeitadas no mundo editorial.

Este é o caso de Cecilia Böhl de Faber y Larrea (1796-1877), que usou o pseudónimo de Fernán Caballero nun momento en que non era fácil publicar baixo o nome dunha muller. Como Fernán Caballero publicou as súas primeiras novelas, e converteuse en pioneira da narrativa moderna en España.

Noutras ocasións, as escritoras usaban pseudónimos para non verse expostas a un xuízo social ao non cumpriren co seu “papel”, que non era o de escribir senón o de estar na casa e ter descendencia. Como se a literatura non puidese ser asunto dunha muller! Á poeta Rosalía de Castro (1837-1885) dicíanlle que debía deixar a pluma e dedicarse a zurcir os calcetíns do seu marido.

Retrato de Rosalía Castro de Murguía, arredor de 1880. /Luis Sellier

A famosa novela Curutos treboentos(Wuthering heights) foi publicada baixo o pseudónimo de Ellis Bell, cando en realidade era de Emily Brontë (1818-1848). A novelista Amandine Dupin (1804-1876), considerada como unha das escritoras máis notables do romanticismo francés, escribía como George Sand. Pseudónimos como Gabriel Luna ou Perico el de los Palotes están detrás da escritora e periodista Carmen de Burgos y Seguí (1867-1932).

Tampouco hai que ir moi lonxe no tempo con algúns exemplos. A escritora J. K. Rowling (nacida en 1965), autora dos libros de Harry Potter, decidiu usar as siglas “J. K.”, evitando mencionar o seu nome de muller, Joanne, aconsellada polos seus primeiros editores. Por que? Porque consideraban que Harry Potter estaba dirixido a lectores masculinos que poderían ter prexuízos ao leren una saga como esta escrita por unha muller.

Retrato das irmás Brontë/Patrick Branwell Brontë

Varias obras da escritora e dramaturga María Lejárraga (1874-1974), como a famosa Canción de cuna, foron asumidas polo seu marido como propias. Á morte deste, Lejárraga reivindicou o seu traballo na súa autobiografía Gregorio y yo. Non foi un caso illado. Hai outros, como o da francesa Sidonie-Gabrielle Colette (1873-1954). O seu marido suplantou a súa autoría na saga de novelas de Claudine. Mentres elas facían o traballo, eles levaban as gabanzas da crítica.

Unha crítica literaria que non cría que Frankenstein fose escrita por unha muller. A primeira publicación deste best seller non levaba nome, e a súa autora, Mary Shelley (1797-1851), decidiu revelalo na segunda edición, algo que causou confusión dentro do mundo literario, que insistía en que fora escrito polo seu marido. Algo similar ocorreu coa novela Adam Bede, eloxiada nun primeiro momento e criticada negativamente tras coñecer que era unha muller, Mary Ann Evans (1819-1880), a que estaba tras a sinatura de George Eliot.

Retrato de Mary Shelley/Hulton Archive

Escritoras que usaron pseudónimo para asinar as súas obras sinalaron a posteriori que así se sentían máis libres ao seren lidas sen prexuízos e en igualdade de condicións.

“Atreveríame a aventurar que Anónimo, que tantas obras ten escrito sen asinar, era a miúdo unha muller”, dicía Virginia Woolf, no seu libro Un cuarto de seu (A room of one’s own). E non ía descamiñada. Agora temos a oportunidade de rachar esta dinámica, porque aquilo que non se nomea non existe. Non deixemos as mulleres escritoras no esquecemento.