Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Grupo de estudantes na India © Pixabay

Grupo de estudantes na India © Pixabay

Blog

Os nenos e as nenas e os Dereitos Humanos

  • Ata hai relativamente pouco tempo na historia da humanidade, os nenos e as nenas eran considerados persoas sen dereitos e totalmente sometidas aos seus pais e familias. Esa situación só comezou a mudar co século XX.
Juan Ignacio Cortés, colaborador de Amnistía Internacional,

A evolución dos dereitos humanos é a historia de como a humanidade subiu a pendente do gran reino animal, ampliando tanto a complexidade como o alcance deses dereitos. Ao principio, estes só eran recoñecidos para unhas poucas persoas, os cidadáns (incluso no berce da democracia, Atenas).

Co tempo, o número de beneficiarios pasou a abranguer o conxunto da poboación masculina e, tras incluír a muller, da poboación adulta. Porén, mesmo en réximes políticos relativamente avanzados, o recoñecemento dos dereitos de nenas e nenos era nulo.

Fronte a esta realidade, a Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada en 1989, establece catro principios que deixan claro que nenas e nenos, aínda que sexan seres en desenvolvemento, teñen dereitos:

  • Non discriminación (“Os Estados Partes respectarán os dereitos enunciados nesta Convención e asegurarán a súa aplicación a cada neno suxeito á súa xurisdición, sen distinción ningunha”, artigo 2.1).
  • Interese superior do neno (“En todas as medidas concernentes aos nenos [...] unha consideración primordial a que se atenderá será o interese superior do neno”, artigo 3.1).
  • Dereito á vida, á supervivencia e ao desenvolvemento (artigos 6.1 e 6.2).
  • Participación infantil (“Os Estados Partes garantiranlle ao neno [...] o dereito de expresar a súa opinión libremente en todos os asuntos que afectan o neno”, artigo 12.1).

Antecedentes da Convención

En 1924, a Sociedade de Nacións aproba a Declaración de Xenebra sobre os Dereitos do Neno. Son só cinco artigos que recoñecen o dereito do neno ao desenvolvemento material e espiritual, á asistencia en casos de necesidade e á protección fronte á explotación.

En 1948, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece no seu artigo 25.2: “A maternidade e a infancia teñen dereito a coidados e asistencia especiais”.

En 1959, a Declaración dos Dereitos do Neno, un sinxelo texto de dez artigos aprobado pola ONU, recoñece o dereito do neno a protección especial e fala por primeira vez do “interese superior do neno”. Porén, non ten forza legal.

En 1966, o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais chama a adoptar “medidas especiais de protección e asistencia en favor de todos os nenos e adolescentes” (artigo 10.3). É a primeira vez que un tratado internacional, texto legal de obrigado cumprimento para os seus Estados Parte, lles recoñece dereitos aos menores.

Nos anos seguintes, declaracións e textos legais recoñecen distintos dereitos de nenas e nenos:

Despois da Convención

O 20 de novembro de 1989, tras máis dunha década de traballo no texto, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aproba a Convención sobre os Dereitos do Neno.

Desde entón, a Convención converteuse no instrumento de dereitos humanos con maior número de apoios da historia. Tras a ratificación de Somalia e Sudán do Sur en 2015, está asinada polos 197 Estados Membros de Nacións Unidas, e ratificada por todos menos os Estados Unidos.

A protección dos dereitos das nenas e nenos tense reforzado desde entón coa adopción de tres protocolos facultativos da Convención.

O ano 2000, a ONU aproba os relativos á venda de nenos, á prostitución infantil e á utilización de nenos na pornografía e á participación de nenos nos conflitos armados, que obrigan os Estados a tomar medidas para impediren que os nenos participen en conflitos armados e sexan explotados sexualmente.

En 2011, un novo protocolo permítelle ao Comité dos Dereitos do Neno, o órgano de 18 expertos independentes que supervisa a aplicación da Convención, recibir denuncias de violacións dos dereitos da infancia e investigalas.

Como lembraba recentemente Amnistía Internacional ao presentar o libro Know Your Rights and Claim Them (Coñece os teus dereitos e reclámaos), “os gobernos comprometéronse en 1989 a protexer os dereitos da infancia, mais moitos deles seguen sen escoitar a súa voz”.

Resultado: nalgúns países, nenas de tan só nove anos son obrigadas a contraer matrimonio; máis de 61 millóns de nenos e nenas non asisten á escola primaria; e, en 2019, un de cada seis nenos e nenas vivía na pobreza extrema.

Queda moito camiño por percorrer para que os dereitos de nenas e nenos sexan plenamente recoñecidos. A boa noticia é que, malia todo, camiñamos.

A clave é que, como dixo no 18.º aniversario da Convención Louise Arbour (alta comisionada dos Dereitos Humanos da ONU), xa se asumiu que “os nenos non son propiedade dos pais ou titores, nin obxecto de xenerosidade ou boa vontade, senón titulares de dereitos”.