Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

[Translate to Galego:] © Adolfo Luján

Blog

Que é o feminismo? Definir a cuestión

Por Eugenia Fernández Bustamante, Equipo de Mujeres de Amnistía Internacional,

Dependendo da persoa a quen lle preguntes, podes recibir múltiples respostas: do teu tío nunha cea de Nadal ou dunha conta troll de Twitter. É fácil escoitar que feminismo é iso que queren as histéricas esas, que as mulleres sexan superiores aos homes e algún outro temible plan de dominación mundial. Porén, en realidade, o feminismo non ten nada que ver con esa esaxerada caricatura, senón que é o principio de igualdade de dereitos da muller e do home.

Se nos cinximos unicamente a esa primeira acepción da RAE, falamos da dimensión teórica do feminismo: a idea de que as mulleres merecen aquilo que tradicionalmente ten sido reservado só para os homes, e que as deixou a elas nun lugar de discriminación e opresión. Sería, por tanto, unha idea.

Non obstante, é máis que iso. É unha idea, pero unha que nos impulsa a mudar a nosa forma de actuar para transformar o mundo e que ten efectos comprobables nas nosas vidas. A segunda acepción da RAE na entrada “feminismo” é movemento que loita pola realización efectiva en todas as ordes do feminismo. Son esas ideas de igualdade as que crean no mundo enteiro un movemento de persoas, tanto homes como mulleres, que queren usalas para transformar o mundo, un mundo en que as mulleres, polo feito de selo, ven en perigo os seus dereitos fundamentais. Un mundo que non debería ser así, e polo que se loita desde hai máis de cen anos.

Día Internacional da Muller

Día Internacional da Muller. © SOPA Images

Como comezou todo isto? Un repaso histórico

A primeira onda do feminismo sitúase nunha marxe ampla: durante o século XIX e ata principios do século XX. A reivindicación principal das feministas foi o dereito ao voto, mais nas súas reclamacións incluíron algúns dereitos civís e políticos, como o acceso á educación. O feminismo desenvolveuse da man doutros movementos reivindicativos do momento, en especial o abolicionismo. E non só as feministas dos EE. UU. estiveron implicadas na abolición da escravitude. Tamén en España as mulleres apoiaron a fin da escravitude, con figuras tan importantes como Concepción Arenal á cabeza.

O slogan da segunda onda do feminismo é “o persoal é político”. As feministas que nas décadas dos sesenta e setenta repetían estas palabras mantiñan que a desigualdade experimentada polas mulleres no social, cultural e político estaba ligada ao xeito en que levaban as súas propias vidas, e reproducían nelas estruturas de poder sexistas e opresoras para a muller, no ámbito privado e no público, desde o doméstico ao laboral e social. Para elas, cambiar as nosas vidas era unha maneira de cambiar a ideoloxía dominante, ao non participar nela.

A terceira onda do feminismo, nacida na década dos noventa, pode definirse cun concepto central: interseccionalidade. Malia abranguer moitas correntes dentro dela, dependendo de onde se poña o foco desta interseccionalidade, o que todas esas correntes teñen en común é que ven como o problema da opresión das mulleres se une a outros factores (clase, sexualidade, etnia, xeografía...) e fai diferentes as súas experiencias como oprimidas.

Actualmente debátese acerca da existencia ou non dunha cuarta onda do feminismo, e de cal sería o seu plan de actuación. Antes de falar de definir unha nova onda de pensamento e de correntes críticas e intelectuais, é importante considerar e analizar todo este percorrido e analizar as necesidades do momento en que nos encontramos.

E agora, que?

Coñecer de onde vén un movemento é importante para saber a onde vai. Porque o feminismo debe seguir adiante mentres as mulleres sigan sendo oprimidas e discriminadas.

A que problemas nos enfrontamos hoxe en día?

Á violencia de xénero, cando as mulleres son atacadas polo feito de selo. Á violencia sexual e ao acoso, que, aínda que poden afectar a calquera persoa, afectan desproporcionadamente a mulleres e nenas. Ao salario desigual. Á ameaza dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, os cales se ven ameazados por lexislacións que non as protexen ou apoian en caso de seren vítimas de violencia sexual. A medidas que non dan acceso a anticonceptivos seguros e que restrinxen enormemente o seu acceso a abortos legais e seguros ou que os prohiben directamente.

Dáse a circunstancia de que estes problemas están moi presentes no mundo. Aproximadamente o 30% das mulleres que viviron unha relación sufriron violencia sexual por parte da súa parella, e, en xeral, seguen a ser máis propensas a sufrir agresións, incluída a violación. As mulleres gañan aproximadamente o 77% do que gaña un home polo mesmo traballo. Os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres seguen en perigo, mesmo os que xa foran conquistados. Iso, ou son directamente inexistentes.

A policía antidisturbios custodia a casa de Jaroslaw Kaczynski

A policía antidisturbios custodia a casa de Jaroslaw Kaczynski, líder do partido gobernante en Polonia, durante unha manifestación contra unha decisión do Tribunal Constitucional sobre a lei do aborto. Varsovia, 23 de outubro de 2020. © Grezgorz Zukowski

Porén, estas desigualdades e inxustizas non quedan sen resposta. Como ao longo da historia, a loita polos dereitos continúa. Hai multitude de exemplos que nos enchen de inspiración: en Polonia, a resposta á nova lei de restricións do aborto espertou unha gran marea de protestas á que se comeza a chamar revolución. É coñecida como “Women’s strike”, aínda que nin sexa unha folga nin estea só formada por mulleres. As continuas protestas en todo o país, e no mundo enteiro, conseguiron que o goberno atrasase a entrada en vigor da nova lei, aínda que non recuase de todo. Un caso parecido é o de Eslovaquia. Igualmente, houbo unha proposta de lei que pretendía restrinxir enormemente o aborto, mais neste caso si se conseguiu que a lei non se puxese en marcha.

E aínda que non se consigan resultados, o importante é que iso inspira a que se siga a loitar polos dereitos e renova a forza necesaria para facer fronte á opresión e á discriminación. Na Arxentina, a discusión acerca da legalización do aborto espertou a marea verde, o nome dado á multitude de persoas que, co pano verde como símbolo, apoiaban a autonomía das mulleres sobre os seus corpos e o seu dereito a decidir sobre estes. A mediados de decembro, a Cámara dos Deputados aprobou o proxecto de lei de interrupción voluntaria do embarazo e xa só falta a aprobación por parte da Cámara do Senado.

Non só se trata de movementos sociais: tamén as nosas vidas son susceptibles de cambios que as acheguen un pouco máis á plena igualdade de xénero. É importante comezar desde os pequenos detalles para chegar a algo moito máis grande. Unha acción feminista tamén é revisar como os estereotipos e desigualdades afectan a forma en que actuamos na nosa vida diaria e cambialo para que sexa o máis igualitaria posible. Por exemplo, se nos comprometemos a non tolerar que nos discriminen polo noso xénero nos nosos ambientes sociais e de traballo, iso é unha acción feminista igualmente importante, xa que axuda a cambiar a sociedade desde a súa base: as persoas que a forman.

Loujain al-Hathloul

Loujain al-Hathloul, defensora dos dereitos da muller en Arabia Saudita. © Marieke Wijntjes

As pequenas accións contan: aínda que admiramos e nos inspiran as activistas que loitan de forma visible polos dereitos humanos das mulleres (como Loujain al-Hathloul, que foi encerrada por querer informar as mulleres dos seus dereitos en Arabia Saudita; Nasrin Sotoudeh, que defende o dereito das mulleres a decidiren libremente se queren usar ou non o hijab; mesmo rapazas referentes que xa comezan a sacudir o mundo, como Greta Thunberg, activista ecoloxista contra o cambio climático cunha enorme presenza mediática), todos e todas contamos e axudamos igualmente a cambiar o mundo no noso día a día. Negarse a aceptar un trato inferior por ser muller, aínda que non saia nos medios, é loitar pola igualdade. Decidir saír á rúa sen querer facernos de menos, chamar a atención ás persoas dos nosos círculos que amosan actitudes discriminatorias, examinar criticamente as nosas palabras para asegurarnos de que non caemos en desigualdades... é loitar polo feminismo.

Por todo isto, é importante que continuemos con este movemento que leva tanto tempo loitando por acabar coa discriminación para as mulleres: porque aínda queda traballo que facer, mais cada vez conquistamos máis dereitos grazas ao noso desexo de transformar o mundo e avanzar nos dereitos humanos.