Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Estudantes integrantes de Do the Right Thing © privada

Estudantes integrantes de Do the Right Thing © privada

Blog

Un programa de radio do IES San Fernando de Badaxoz, altofalante do dereito á educación das nenas afgás

Lucía, Carlos, Antonio, Rocío e Marina conforman Do the right thing, un programa da radio educativa SF do IES San Fernando de Badaxoz, realizado en colaboración con Amnistía Internacional, sobre a defensa dos dereitos humanos no mundo. O seu primeiro capítulo está dedicado á situación das mulleres e as nenas en Afganistán.

Desde Amnistía Badaxoz comentáronme que estaban cunha campaña sobre o dereito á educación das nenas afgás. Animáronnos a facer un programa de radio na emisora do instituto, pasáronme información e preparámolo”, explica José Tato González, profesor do centro e director do programa de radio. Así nacía esta iniciativa radiofónica comprometida cos dereitos humanos e co obxectivo de sensibilizar o alumnado, a comunidade educativa e a sociedade en xeral sobre as violacións de dereitos no mundo.

“A radio é un medio de aprendizaxe que pon os nosos alumnos e alumnas en contacto con realidades que non viven. Fainos pensar e reflexionar sobre estes temas, que se non se tratasen desta forma, non lles chegarían" cóntanos Tato González.

O nome do programa, Do the right thing, colle o título do filme de Spike Lee. “Significa ‘Fai o correcto’, e pensei que viña moi ben para o noso programa”, explica Tato González. Este profesor do centro é o encargado de organizar os temas que se van abordar, co apoio de Amnistía Internacional Badaxoz, e preparalos co alumnado.

A idea é tratar un tema de dereitos humanos cada mes. A súa primeira parada foi Afganistán, para pór o foco de atención na situación das mulleres e as nenas desde que os talibáns se fixeron co control do país en agosto de 2021. Desde esa data, os talibáns violan os dereitos das mulleres e as nenas á educación, ao traballo e á libre circulación; deciman o sistema de protección e apoio para as persoas que foxen da violencia de xénero no ámbito familiar; deteñen mulleres e nenas por infraccións menores de normas discriminatorias, e contribúen ao aumento do número de matrimonios precoces e forzados en Afganistán. Amnistía Internacional puxo en marcha unha campaña para apremar os talibáns, conseguir cambios e mostrar solidariedade coas nenas, que podes pór en marcha no teu centro.

Como pasa coa sociedade en xeral, hai temas de dereitos humanos que quedan lonxe do alumnado, mais encontramos que unha parte, como os que fan este programa, é consciente de que en moitas partes do mundo se cometen violacións de dereitos. Estes alumnos preocúpanse por todos os problemas de dereitos humanos no mundo”, relata con orgullo Tato González.

Xunto a el, o equipo de Do the right thing está formado por Carlos Fernández Mata, Antonio Núñez Piquer, Lucía Ramos Ramos, Natalia Vivas Barragán, Rocío García Rico e Marina Soto Fermoselle. Falamos con eles e elas, e estas son as súas reflexións sobre a situación en Afganistán e o papel da radio como altofalante dos dereitos humanos.

Lucía Ramos Ramos

Este programa achegoume moitas cousas, porque é verdade que desde agosto de 2021, cando os talibáns tomaron o poder en Afganistán, non se falou tanto nas noticias como se falau nese momento. Tratouse unhas dúas semanas, e a partir de aí é coma se todo fose de novo normal. É importante que se siga a falar deste problema e defender uns dereitos humanos recoñecidos pola ONU e que se están a violar no país.

Preocúpanos a situación das nenas afgás que non teñen acceso á educación. Para termos un mundo totalmente desenvolvido necesítase unha educación tanto para nenos como para nenas, para que teñan un criterio propio e poidan formarse. É un problema que non se eduque as nenas, porque iso permite tamén que sexan manipuladas, por exemplo, para que pensen o que eles queiran. Tamén é un problema porque así réximes como o talibán poden seguir durante moitos anos”.

Foto de Lucia Ramos ©Privada

Natalia Vivas Barragán

Parece que xa se esqueceu a situación de Afganistán, e non pode quedar no esquecemento, porque segue a estar aí e seguen a ocorrer cousas. Temos que seguir loitando e non esquecer o que está a pasar, coma se xa se acabase”.

Hai unha parte do programa en que facemos unha especie de teatro e na que nos metemos na pel das mulleres contando testemuños recollidos. É unha parte importante para sentir e transmitir os sentimentos que están a vivir nese momento”.

Foto de Natalia Vivas ©privada

Antonio Núñez Piquer

Unha vez que EE. UU. non conseguiu o que quería en Afganistán, a situación no país esqueceuse. Ademais, a información que nos chega está nesgada polos intereses do mundo global”.

Que as nenas non poidan acceder á educación en países como Afganistán fai que se perpetúe o patriarcado, un ciclo que sen educación é difícil de rachar".

Foto de Antonio Nuñez ©privada

Rocío García Rico

Abordar un tema tan serio coma este no programa é coma darlle visibilidade a unha realidade moitas veces esquecida, e tamén un exemplo de falar de democracia. Temas como a situación das nenas en Afganistán teñen que seguir visibilizándose”.

Foto de Rocio García ©privado

Marina Soto Fermoselle

Da información que lemos, chamoume a atención a situación das nais das nenas afgás, que se senten mal porque as súas fillas teñen que casar antes de ter un nivel mínimo de estudos, mais que, por outro lado, se senten ben porque as súas fillas poidan casar e continuar coa súa vida adiante cun marido que as poida manter, aínda que non tivesen a posibilidade de estudar”.

Carlos Fernández Mata

A radio pode ser un altofalante para sensibilizar e levarlle estas mensaxes á xente; sobre todo, unha radio educativa como a nosa, onde se pode falar con total transparencia e que non se move por intereses coma os medios convencionais, onde inflúe a audiencia, os gobernos onde non hai liberdade de expresión etc. O bonito desta radio educativa é esa liberdade que temos”.

O problema de non ter acceso á educación, á parte de que non se forme a persoas críticas coa súa sociedade e os seus gobernos, é que esas persoas son o futuro do país, e hai que formalas para que poidan ter un traballo. Non lles dar acceso á educación ás mulleres significa omitir ou perder o 50% da poboación, que podería estar mellorando a situación do país".

Foto de Carlos Fernandez @privada

Eles e elas alzan a voz para que a situación das nenas e mulleres afgás non quede no esquecemento. Tamén para sensibilizar noutros temas en materia de dereitos humanos. Así mesmo, animan a sociedade a informarse, a non mirar para outro lado e seguir o mantra que lle dá nome ao seu programa: Do the right thing. Xa están a preparar o seguinte capítulo, onde abordarán a situación en Irán. Poderémolos escoitar en SF Radio premendo na seguinte ligazón.