- Contacta co grupo de Amnistía Internacional máis próximo á túa localidade se tes pensado desenvolver algunha actividade de dereitos humanos na aula ou crear un grupo escolar.
- Pon énfase nos valores educativos da túa acción. Presenta as túas ideas e propostas dunha maneira construtiva: non se trata de crear unha división no centro, senón de promover un debate ou unha acción educativa sobre un tema social importante.
- Encontra persoas aliadas. Poden ser profesores/as, nais e pais, así como outros estudantes que te apoien se te encontras con algunha dificultade. Se precisas apoio podes pórte en contacto con: equipo.educacion@es.amnesty.org.
- Utiliza a diplomacia. Abriránseche máis portas e encontrarás máis posibilidades. Lembra que ás veces é máis importante como chega a túa mensaxe que a propia mensaxe en si. Comunícate de maneira respectuosa e apropiada coas persoas responsables do centro para contarlles a túa iniciativa.
Que é un grupo escolar? Primeiros pasoss
Ti e mais outras persoas do teu centro estades preocupados polas vulneracións de dereitos humanos e decidistes crear un grupo escolar de Amnistía Internacional? Parabéns pola iniciativa!
A xente nova ten estado historicamente á fronte dos movementos polos dereitos humanos. Formar parte de Amnistía Internacional é unha maneira de unirse ao movemento pola xustiza social, aprender máis sobre cuestións globais e educar en dereitos humanos. Xeralmente, nos grupos novos de mozos e mozas hai persoas do centro con experiencia de anos anteriores e poden achegar os coñecementos necesarios para conseguir que o grupo que se cree sexa operativo. Mais se este non é o caso, non te desanimes!
Os grupos escolares están compostos por estudantes de secundaria e teñen as seguintes características:
- Reúnense regularmente (cada semana o cada dúas semanas), fóra do horario lectivo ou durante os recreos.
- Poden estar coordinados por un estudante, un profesor/a ou un pai/nai (preténdese que sexan os estudantes os que leven a voz cantante, mais, sen ser indispensable, pode facilitar moito o traballo do grupo contar con algunha persoa adulta).
- Escollen un tema de dereitos humanos sobre o que traballaren en profundidade e sobre o que se formaren.
- Súmanse a diferentes accións de mobilización que se lles propoñen desde Amnistía Internacional. Isto pode supor recoller sinaturas para liberar unha persoa condenada a morte, ou pedir aos nosos gobernos que respecten os dereitos humanos das persoas refuxiadas.
O grupo deberá poñer a proba os seus coñecementos en dereitos humanos para aumentalos e conseguir convertelos en accións que promovan o cambio. E sempre tendo en conta as preocupacións de Amnistía Internacional respecto á temática escollida.
O éxito de levar a cabo unha acción vai depender da eficacia do grupo, as súas reunións e o grao de participación.
Despois de vos reunir as persoas interesadas, é conveniente que fagas tres cousas:
- Ponte en contacto coa Rede de Escolas a través do correo electrónico redescuelas@es.amnesty.org, para informarnos de que queredes iniciar un grupo de mozos e mozas. OLLO! Isto é moi importante. Se non o fas, non saberemos que existides... e non poderemos enviarvos propostas nin información.
- Fala coa dirección para que dea o seu consentimento para realizar actividades de Amnistía Internacional nas instalacións do centro educativo.
- Solicita o permiso asinado de nais/pais ou titores dos menores de idade. Poremos á túa disposición un modelo de autorización na web.
Como conseguir que se impliquen máis persoas no grupo?
1. Fala con outros compañeiros/as do centro e establece unha rede
- Nos recreos, durante o xantar, antes o despois das clases..., mantén conversas informais coas persoas máis próximas do teu centro.
- Fala con pequenos grupos de estudantes, mostrando interese polas súas opinións e escoitando con atención as ideas de todo o mundo.
- Cando coñezas persoas que están realmente interesadas, consigue involucralas para que á súa vez falen con máis xente. Desta maneira poderás acceder a novas persoas ou grupos que non coñecías.
- Identifica quen podería ser relevante no grupo, que teña determinadas habilidades que consideras necesarias ou contactos que poidan beneficiar as actividades que queredes levar adiante.
- Pregunta ás túas amizades e compañeiros/as de clase se coñecen alguén que poida ter interese en formar parte do grupo.
- As redes de contacto son unha ferramenta moi efectiva, porque a xente adoita responder mellor ás interaccións directas, persoais.
- Tamén podes consultar a canle de vídeos de Amnistía Internacional España e escoller algún que che guste para a súa difusión.
- Leva os actos de mobilización a outros centros da localidade: aproveita encontros deportivos, culturais e artísticos e dá a coñecer o traballo de Amnistía Internacional para que se involucre máis xente.
- Como material de apoio, podes consultar na web:
- O labor que se fai nalgúns países en favor dos dereitos humanos.
- Os temas que se traballan.
- As campañas.
- E algo moi importante, os casos que tiveron éxito!
2. Fala con grupos
- Acorda reunións con grupos que coñezas ou outros colectivos do centro, como o consello escolar, os delegados/as de clase, a ANPA...
- Propón unha sesión informal. Require esforzo e tempo, mais é unha maneira efectiva de chegar a un gran número de persoas ao mesmo tempo. Como alternativa, podes investigar se é posible colgar un anuncio nos taboleiros do centro.
- Pregunta ao teu titor/a se podería deixarche 5 ou 10 minutos ao final da clase para invitar os teus compañeiros/as a formaren parte do grupo. Esta é unha das maneiras máis efectivas para que se animen.
Como aproveitar 10 ou 15 minutos do final da clase
- Dedica o primeiro minuto a presentarte: di o teu nome e o motivo polo que estás aí.
- A continuación, se tes acceso a medios audiovisuais na aula, recomendámosche que proxectes este vídeo:
- Mentres se proxecta, podes aproveitar para repartir a ficha de apoio que che facilitamos na sección de recursos adicionais. Nela cóntase o que é Amnistía Internacional, e inclúe un recortable para que poidas levar os datos de contacto das persoas interesadas e os motivos polos que desexan formar parte do grupo.
- Conta brevemente o que é Amnistía Internacional e o que é un grupo escolar. Para iso podes utilizar o contido do kit “Que é Amnistía Internacional e en que consiste o seu traballo?” e “Como iniciar o teu grupo escolar de Amnistía Internacional”.
- Non esquezas cal é o teu obxectivo! Queres captar o interese das persoas ás que te dirixes, coas que compartes moitas horas de clase ou coas que coincides nos corredores. Anima a xente a que pase pola seguinte reunión.
3. Crea o teu propio cartel anunciando un novo grupo
- Pensa na mensaxe que queres transmitir, algo que sexa sinxelo.
- Inclúe información básica e atractiva (hora e lugar das reunións...).
- Non esquezas animar a xente a que forme parte do grupo. Inclúe sempre un nome e un teléfono de contacto, suxerindo de que forma poden involucrarse.
4. Fai seguimento
- Realiza seguimento de todas as persoas con que falaches. Elabora unha lista cos seus datos e anota os seus intereses, motivacións, habilidades ou preocupacións relacionados con temas que cres que poderedes tratar no grupo escolar. Utiliza a ficha da sección recursos adicionais para comentala na primeira reunión.
- A persoa que se vai incorporar necesita que se contacte axiña con ela, e nun período de 24-48 horas sentirá que estás a atender as súas peticións... Se precisa de información adicional, facilitala nese tempo sería estupendo. Se ves que non vai ser posible, contacta igualmente para te asegurares de que sabe que non esqueciches o seu interese ou a súa petición.
- A quen acode por primeira vez e sexa menor de idade, lembra proporcionarlle o modelo de autorización da nai ou o pai necesaria para participar no grupo escolar, que se pode encontrar na sección de recursos adicionais.
- Fai seguimento con chamadas ou a través de wasaps. Non satures a xente por correo electrónico (é unha boa ferramenta para comunicarte con aquelas persoas que xa están activas, pero non substitúe o trato persoal).
- Lembra que a maioría das persoas toman parte en accións a través do contacto directo.
Como conseguir a implicación do centro e o espazo?
1. Fala coa dirección do centro
- Acorda unha reunión co equipo directivo para lles mostrar a Rede de Escolas e o traballo que se desenvolve nesta. Consulta previamente a web e utiliza parte do kit para te preparares.
- Durante a reunión, fai énfase na importancia da educación en dereitos humanos e o teu interese e motivación por traballar co alumnado neste sentido. Aínda que calquera materia pode ser válida para aplicar os talleres propostos por Amnistía Internacional, resulta especialmente interesante aplicalos nas optativas a Relixión e nas titorías.
- Se podes demostrar que estás ben informado/a sobre un tema en que queres traballar, as túas posibilidades de éxito aumentarán. Non pasa nada por teres desacordos coa dirección ou a administración dun centro (asegúrate de que sempre sexa cunha actitude de respecto). Dedica algo de tempo a escribir a información que vas presentar, incluíndo as ideas que tes sobre como traballar un tema que xerará beneficios á comunidade educativa. Os dereitos humanos afectan a todo o mundo!
2. Busca un lugar para reunirte!
- SSe se van levar a cabo reunións de forma habitual, o ideal é ter un espazo estable onde poder facelo e deixar os vosos materiais, folletos etc. Fala co profesor/a que vos estea a botar unha man para que valore posibilidades, ou consulta directamente o xefe/a de estudos ou director/a do voso instituto. Mostra entusiasmo: estás a pedir sitio para defender os dereitos humanos!
- Se non hai espazo, trata de buscar un lugar en que vos poidades ver despois da clase ou durante os recreos. A cafetaría? O patio? Calquera lugar onde estades cómodos/as e non dificultedes a dinámica habitual do centro é bo para preparar as vosas accións.