PROBLEMAS COS QUE VOS PODEDES ENCONTRAR E SOLUCIÓNS

1. Non temos suficiente tempo para reunións produtivas!

 •    Organizade pequenas reunións antes de que comecen as aulas ou cando saiades. Algúns recreos poden ser unha boa solución.
 •    Convocade reunións con máis frecuencia.
 •    Elaborade unha axenda realista, que se axuste ás posibilidades do grupo.
 •    Traballade na casa: tarefas previas, orde de temas que tratar nas reunións...
 •    Reunídevos en pequenos grupos para discutir puntos e temas, e logo poñédeos en común de forma plenaria.
 •    Limitade os temas que tratar en función do tempo.

2. Non conseguimos poñernos de acordo sobre a mellor hora para nos reunir!

 •    Se non vos poñedes de acordo, decidide por maioría.
 •    Pensade na minoría. Buscade tarefas que poidan asumir fóra das reunións. Poden encargarse de actividades específicas? Teñen intereses ou habilidades que poidan facerse fóra das reunións?
 •    É importante que as persoas se sintan incluídas e escoitadas; non queredes que deixen de formar parte.

3. A xente chega tarde ás reunións!

 •    Comezade os que esteades presentes.
 •    Cando se incorpora xente tarde, procurade non volver atrás para poñelos ao día.
 •    Preguntádelles se poden quedar despois da reunión para comentar o que se falou mentres non estaban.

4. Sentimos que hai falta de entusiasmo e compromiso no grupo.

 •    É importante identificar as razóns: deseño pobre das reunións, falta de progreso no grupo, sobrecarga...
 •    Facede unha sesión cara a cara por parellas para encontrar a causa.
 •    Quizá o grupo necesite unha actividade interesante: un debate, a visita de alguén doutro grupo para coñecer os seus intereses, ver e comentar un vídeo etcétera.

5. Hai resistencias para asumir un traballo!

 •    Identificade a causa do problema. Por exemplo, a persoa pode estar comprometida con outra causa, mais non quere abandonar o grupo, ou está sobrecargada... Como traballar en equipo sen que ninguén se sinta só?
 •    Intentade axustarvos e adaptarvos a calquera circunstancia. Creade oportunidades para que todos poidan contribuír e que se sintan involucrados/as.
 •    Problemas deste tipo poden ser unha oportunidade para conseguirdes opinións das persoas do grupo. Estade preparados/as para escoitar o que cadaquén teña que dicir.

6. As tarefas non se fixeron ou imos mal de prazo!

 •    Faládeo para comprender o porqué e axustar as causas do problema.
 •    Podedes buscar un compañeiro/a para compartir e asumir o traballo.
 •    Se é unha actividade cunha data de entrega inminente, pode axudar elaborar pequenos informes regulares previos.

7. Os detalles da reunión non están ben anunciados! A xente non sabe cando nos reunimos!

 •    Tratade de utilizar o máximo de ferramentas que estean ao voso alcance: taboleiros no centro escolar, anuncios por megafonía, avisos por correo electrónico, grupo de Facebook...
 •    Avisade con tempo das reunións e enviade recordatorios delas.

8. As reunións non van a ningures.

 •    Asegurádevos de que tendes un cronograma, unha planificación que conteña o que queredes facer. Na sección de recursos adicionais tendes modelos de planificación que podedes utilizar.
 •    Seguide a planificación. Se a avaliades para ver o seu cumprimento, poderedes ir axustándoa en función dos tempos das persoas e do grupo.
 •    Se aparecen novas ideas que non estaba previsto tratar, anotádeas para volver sobre elas nas seguintes reunións.

9. Alguén deixou de participar!

 •    Cando tentamos adiviñar por que, non resolvemos nada e iso xera en nós preocupación. A comunicación, de novo, é a clave. Preguntarlle á persoa que deixa o grupo os seus motivos é a mellor maneira de entendela e ver se pode seguir participando nun futuro.
 •    Pensade como grupo en cuestións preventivas. Por exemplo, as aspiracións ou expectativas do grupo están a cumprirse para as persoas que forman parte del? Organizade un espazo para debaterdes sobre estas cuestións de cando en vez.

10. Non conseguimos espazo para reunirnos!

 •    Falade co profesor/a que vos estea a botar unha man para que valore máis opcións.
 •    Consultade co equipo directivo a posibilidade de que poidades utilizar algunha aula.
 •    Sempre podedes reunirvos no patio ou na cafetaría!