EE. UU. suspendeu os fondos para a UNRWA, e Israel comezou a aplicar varias leis que se aprobaron no último trimestre de 2024 para prohibir a actividade da axencia en Israel e o Territorio Palestino Ocupado. A consecuencia é que as oficinas da UNRWA en Xerusalén Leste (anexionada ilegalmente por Israel), desde onde a UNRWA coordinaba a súa actividade, tiveron que pechar. Porén, é o veto de Trump ao financiamento estadounidense o que terminou de rematar a actividade da axencia, que apenas poderá ofrecerlle axuda humanitaria á poboación palestina, especialmente na Faixa de Gaza.
Ata o de agora, a UNRWA era a principal axencia internacional que lle proporcionaba axuda á poboación palestina. Ademais, non debemos esquecer que, desde o inicio da ofensiva sobre a Faixa de Gaza e segundo a propia axencia, 272 membros perderon a vida mentres tentaban axudar as vítimas.
Aínda por riba, Trump retirou os EE. UU. do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, con acusacións de “antisemitismo”.
Desde a Rede queremos tentar achegar o noso humilde granciño de area para apoiar a UNRWA. Para iso, pedímosvos que lles propoñades aos centros que lles pidan aos alumnos elaborar cartas e debuxos de solidariedade coa axencia e mandalas á oficina de Amnistía Internacional (Calle Fernando VI, 8, 1.º izquierda, centro, 28004 Madrid) para nós envialas á oficina da UNRWA. Tamén podedes propoñer elaborar pancartas ou carteis que colgar polo centro.
Parece pouco, mais todo xesto, por simbólico que sexa, conta e axuda, e lanza un raio de esperanza, por pequeno que sexa.
Podedes escribirnos para informarnos sobre como vai esta proposta e sobre calquera dúbida que teñades.
Información de contexto e materiais educativos
Actualmente, o conflito armado entre Israel e os Territorios Palestinos Ocupados é un dos máis prolongados da historia moderna. Tamén é susceptible de diversas interpretacións e historias, e de desinformación.
É precisamente no caos da guerra cando a protección e a promoción dos dereitos humanos resultan aínda máis esenciais. Á dereita anexámosvos uns materiais educativos, chamados “Dereitos humanos e conflitos armados”; constan de dúas partes:
- Parte 1 – “Incluso as guerras se rexen por leis”. Inclúe explicacións gráficas, mitos e realidades sobre o Dereito Internacional Humanitario.
- Parte 2 – “A escalada do conflito en Israel e Gaza”. Inclúe explicacións gráficas sobre como se lle aplica o Dereito Internacional Humanitario ao conflito, sobre que accións son lexítimas e cales non, mitos e realidades sobre o conflito e unha guía de conversación e preguntas para a reflexión tanto individual como en grupo.
Resultados de aprendizaxe:
- Coñecer os principios básicos do dereito internacional humanitario e a importancia de respectar os dereitos humanos nos conflitos armados.
- Reflexionar sobre os mitos e as ideas erróneas aplicados ao dereito internacional humanitario no marco dos conflitos armados.
- Entender as responsabilidades legais de Israel, Hamas e outras partes implicadas no conflito, facendo fincapé nas obrigas vinculantes relativas á protección da poboación civil.

