Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Unha muller sostén un cartel que di "Paren o xenocidio" en Gaza.

Manifestación “Marcha por Gaza” levada a cabo en Edmonton (Alberta, Canadá). © Artur Widak/NurPhoto

Blog

As claves do xenocidio de Israel contra a poboación palestina de Gaza

Alejandro Gálvez (@Alex_Galvez7), experto en Israel e Territorios Palestinos Ocupados en Amnistía Internacional España, 9 de decembro de 2024 ,

O novo informe de Amnistía Internacional Es como si fuéramos seres infrahumanos”: El genocidio de Israel contra la población palestina de Gaza”non existiría sen o traballo e a entrega de todo un equipo de profesionais que fixeron posible esta investigación, enfrontándose en moitos casos a duras situacións persoais e familiares. Queremos trasladar o noso máis sincero agradecemento, admiración e solidariedade a todas aquelas persoas que sacaron adiante este traballo nun contexto terriblemente complicado, así como a todo o persoal humanitario que arrisca a vida, cando non directamente a perde, por levarlle un mínimo de dignidade e humanidade á poboación palestina.

Non hai outra forma de dicilo: Israel cometeu e está a cometer xenocidio contra a poboación palestina de Gaza despois dos terribles atentados de Hamas do 7 de outubro de 2023 mediante as súas políticas, as súas accións e as súas omisións.

Así o recoñece o novo informe de Amnistía Internacional, centrado en tres dos cinco actos prohibidos pola Convención sobre o Xenocidio: matanza de membros do grupo, lesión grave á súa integridade física ou mental e sometemento intencionado do grupo a condicións de existencia que haxan de carrexar a súa destrución física, total ou parcial. Estes actos cometéronse coa intención específica de destruír a poboación palestina de Gaza.

Este é o resultado dun ano de investigación nun contexto imposible, coas infinitas dificultades e riscos persoais e familiares que comporta para solicitar, analizar, contrastar e documentar as diferentes probas, incluídas investigacións sobre o terreo, que permitan demostrar o patrón de ataques ilexítimos e a intención xenocida de Israel, calculada e deliberada.

Ruinas tras ataque israelí

Ruínas tras un ataque israelí. © Omar Ashtawy/apaimages/SIPA/2411291401

Clave 1: De que falamos cando falamos de xenocidio?

O que se entende por xenocidio atópase codificado internacionalmente en dous textos fundamentais: a Convención sobre o Xenocidio e o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional (CPI). Ambos coinciden en definir o xenocidio como unha serie de actos cometidos “coa intención de destruír, total ou parcialmente, un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso como tal”. Eses actos son un total de cinco, dos que Amnistía Internacional documentou que Israel está a cometer os tres primeiros:

  • Matanza de membros do grupo.
  • Lesión grave á integridade física ou mental dos membros do grupo.
  • Sometemento intencionado do grupo a condicións de existencia que haxan de carrexar a súa destrución física, total ou parcial.
  • Medidas destinadas a impedir nacementos no seo do grupo.
  • Traslado pola forza de nenos do grupo a outro grupo.

O Estatuto de Roma da CPI tipifica como crimes internacionais “os crimes máis graves de transcendencia para a comunidade internacional no seu conxunto”. É dicir, os crimes máis graves que se poden cometer. Tan graves que afectan toda a comunidade internacional, independentemente de onde e contra quen se cometan. Son catro crimes: o crime de xenocidio, os crimes de lesa humanidade, os crimes de guerra e o crime de agresión.

O crime de agresión ocorre cando as autoridades dun Estado atentan contra a integridade, a independencia ou a soberanía doutro Estado. É o que sucede, por exemplo, en Ucraína. Ao non estar internacionalmente recoñecido o Estado de Palestina, o crime de agresión non pode cometerse neste momento contra a poboación palestina.

“Amnistía Internacional documentou como Israel cometeu crimes de guerra, o crime de lesa humanidade e, agora, o crime de xenocidio contra o pobo palestino. Iso significa que Israel cometeu e está a cometer todos os crimes internacionais máis graves que neste momento poden cometerse contra a poboación palestina.”

Iso deixa ao descuberto unha verdade terrible. Amnistía Internacional, co paso dos anos, documentou como Israel cometeu crimes de guerra, o crime de lesa humanidade e, agora, o crime de xenocidio contra o pobo palestino. Iso significa que Israel cometeu e está a cometer todos os crimes internacionais máis graves que neste momento poden cometerse contra a poboación palestina.

Un soldado israelí xesticula cara a unha ambulancia da Media Lúa Vermella Palestina á entrada dun campo de persoas refuxiadas durante unha operación militar. © Marco Longari/AFP vía Getty Images

Clave 2. Non é unha cuestión de parcialidade

Son moitas as fontes e voces que acusan a Amnistía Internacional de parcialidade. De que só sinalamos a Israel. Desde o mesmo 7 de outubro, e desde moito tempo antes, Amnistía Internacional documentou como Hamas e outros grupos armados cometeron numerosos crimes de guerra polos que deben render contas perante a xustiza internacional.

Do mesmo xeito, moitos medios e autoridades acusan a quen denuncia os abusos de Israel de antisemitismo ou de ser “anti-Israel”. Como organización de dereitos humanos, a función de Amnistía Internacional é investigar vulneracións do dereito internacional cometidas por gobernos de todo o planeta, expolas ao mundo e facer campaña para que se poña fin a tales violacións, independentemente de quen as cometa e de onde se cometan.

As voces que acusan a Amnistía Internacional e outras organizacións e institucións de antisemitismo ou de seren “anti-Israel” parecen obviar que existe todo un corpus cada vez maior de investigacións e análises xurídicas de especialistas, xuristas, institucións e organizacións da sociedade civil de todo o mundo que conclúen que Israel está a cometer o crime de xenocidio en Gaza. Que conclúen que Israel está a cometer o crime de apartheid. Que conclúen que tanto o bloqueo de Gaza como a ocupación militar de Cisxordania son ilegais. Que conclúen que Israel leva décadas oprimindo a poboación palestina.

Moitas desas organizacións que denuncian os crimes de Israel son xudías. Moitas desas voces son orixinarias de Israel. Son igualmente antisemitas?

Non pode ser que Israel leve décadas cometendo crimes internacionais de diferente tipo contra a poboación palestina, que fixese caso omiso de numerosísimas resolucións obrigatorias do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, que vulnerase sistematicamente o dereito internacional (sendo plenamente consciente diso), que recentemente ignorase de forma deliberada ordes ditadas pola Corte Internacional de Xustiza (CIX), que levase a cabo ataques indiscriminados contra a poboación palestina de Gaza, que a estea constantemente privando de subministracións que poden salvar vidas, que obstrúa a distribución de axuda humanitaria, que a escala de devastación en Gaza non teña precedentes, que morresen 44.000 persoas palestinas en só un ano en Gaza, a maioría mulleres, nenas e nenos, e que Israel non teña ningún tipo de responsabilidade.

E non só iso, senón que ademais Israel se sinta unha vítima dun ordenamento xurídico internacional que supostamente conspira na súa contra. Que calquera crítica e denuncia dos seus abusos sexa un exercicio de antisemitismo e de odio contra o pobo xudeu, e que Israel non sexa en ningún caso responsable do devir dos acontecementos na rexión desde 1948. Como podería afirmarse tal cousa despois de escoitar autoridades israelís falaren das persoas palestinas coma se fosen “animais humanos”? Cando autoridades do Ministerio de Defensa israelí alegan que a poboación de Gaza terá “o inferno”?

Israel impuxo un bloqueo total a Gaza. Non teredes electricidade nin auga, só destrución. Queredes o inferno: teredes o inferno”. Ghassan Alian, director da COGAT (Oficina de Coordinación das Actividades nos Territorios Ocupados do Ministerio de Defensa israelí).

Israel deslexitimou sistematicamente, cando non directamente criminalizou, calquera organización civil ou institución internacional, incluídas axencias e organismos das Nacións Unidas, que denunciase os seus abusos. Actuou de maneira similar contra os dous máximos tribunais internacionais: a Corte Penal Internacional e a Corte Internacional de Xustiza. Non pode ser que Israel pretenda ser parte deste mundo e que ao tempo busque vivir á marxe da lei internacional.

A crítica e denuncia ao goberno e ás autoridades de Israel non é unha crítica ao pobo xudeu. Non é un ataque antisemita, un acto de odio ás persoas xudías polo feito de selo, senón un exercicio lexítimo do dereito á liberdade de expresión ante a comisión, con total impunidade, desde hai case 80 anos, dos crimes máis graves que un Estado pode cometer: crimes de guerra, crime de lesa humanidade e de apartheid e, desde o 7 de outubro de 2023, crime de xenocidio.

Población palestina desplazada regresa a Gaza

Persoas palestinas desprazadas toman a estrada costeira de Rashid para regresar á cidade de Gaza ao seu paso por Nuseirat, no centro da Faixa de Gaza, o 14 de abril de 2024. © AFP vía Getty Images

Clave 3. Isto é moito máis que unha campaña militar contra Hamas

Non hai ningunha dúbida de que un dos obxectivos da ofensiva militar de Israel contra Gaza é eliminar a Hamas. Porén, a investigación de Amnistía Internacional confirma que a súa intención é tamén destruír a poboación palestina de Gaza.

Sexa para alcanzar o seu obxectivo militar ou de forma paralela a este, Israel seguiu un patrón de conduta en Gaza, incluídas declaracións de altas autoridades israelís, que demostra unha intención xenocida e que en ningún caso pode xustificarse nas accións de Hamas.

Segundo o dereito internacional, un obxectivo militar como a intención de destruír a Hamas non nega en si mesmo a existencia dunha intención xenocida. Aquelas voces que defenden que a magnitude da devastación ten as súas raíces no desexo de Israel de acabar con Hamas esquecen que Israel é perfectamente capaz de librar unha guerra máis selectiva contra o grupo armado, unha guerra que cumpra coas esixencias do dereito internacional humanitario, pero que escolleu deliberadamente non facelo.

Un bo exemplo diso é o ataque ao Campamento de Paz de Kuwait (situado ao oeste de Rafa, en Gaza), o 26 de maio de 2024. A xustificación israelí do ataque era a presenza de catro milicianos de Hamas no citado campamento.

Efectivamente, había milicianos de Hamas. Pero mesmo se estivesen situados deliberadamente no campamento coa intención de non ser obxectivos militares (o que implica pór en perigo a poboación civil, cometendo o crime de guerra de utilizar infraestruturas e persoas civís como “escudos humanos”), e mesmo se puidese existir unha suposta “necesidade militar imperiosa”, iso non exime a Israel de cumprir coas súas obrigas, en virtude do dereito internacional humanitario, de tomar todas as precaucións posibles para evitar danos á poboación civil e de evitar ataques indiscriminados ou desproporcionados. Os crimes de guerra cometidos por un grupo armado non poden servir de xustificación para que un Estado que se di democrático incumpra as súas obrigas internacionais; menos aínda nunha zona pequena moi densamente poboada como é a Faixa de Gaza, e menos aínda cando Israel dispón de capacidade militar para librar unha guerra selectiva.

En lugar de utilizar os métodos menos lesivos posibles, Israel decidiu lanzar dúas bombas GBU-39, de fabricación estadounidense, sobre o pequeno campamento de refuxiados densamente poboado. Estas bombas liberan mortíferos fragmentos de metralla nun amplo radio ao impactar, o que non as fai eficaces para discriminar obxectivos militares de civís. Utilizar un método indiscriminado con alta capacidade de destrución nunha zona reducida densamente poboada implica que dá igual onde se sitúen os milicianos de Hamas no campamento e onde se lancen as bombas: moitas persoas inocentes van morrer igual. E que, aínda así, se decidise optar por ese método demostra o terrible desprezo de Israel pola vida humana en Gaza.

Esta é só unha mostra do patrón claro de ataques ilexítimos, incluídos ataques directos contra a poboación civil e bens de carácter civil, e ataques indiscriminados en Gaza para os que non pode haber ningunha xustificación.

En definitiva, trátase dun dos moitísimos exemplos que demostran a intención xenocida de Israel. Esa é a “única inferencia razoable” do seu patrón de conduta.

Un palestino inspecciona os danos tras un ataque israelí contra o campo de persoas refuxiadas de Nuseirat, no centro da Faixa de Gaza, o 7 de decembro de 2024. © Majdi Fathi/NurPhoto

Clave 4. Os elementos que demostran a intención xenocida de Israel

O informe de Amnistía Internacional aplica a norma da “única inferencia razoable”, empregada pola Corte Internacional de Xustiza para determinar unha intención a partir dun patrón de conduta.

Malia o obxectivo militar declarado por Israel de acabar con Hamas e liberar as persoas retidas como reféns, o dereito internacional recoñece que un Estado pode actuar con intención xenocida ao mesmo tempo que persegue outros obxectivos. Así, mesmo cando Israel persiga obxectivos militares, a totalidade das probas achegadas por Amnistía Internacional demostra que a única inferencia razoable que se pode deducir do patrón de conduta de Israel en Gaza é que tamén busca destruír a poboación palestina de Gaza como tal, o que significa que a súa ofensiva militar e os actos e omisións relacionados con ela en Gaza se levan a cabo cunha intención xenocida deliberadamente calculada.

As probas da intención xenocida extráense de declaracións de moitas autoridades de Israel, da existencia de patróns de conduta, da natureza sistemática dos actos prohibidos cometidos, da magnitude das vítimas mortais, dos danos e destrución a grande escala e velocidade de infraestruturas críticas e obxectos indispensables para a supervivencia da poboación civil (vivendas, refuxios, centros de saúde, instalacións de auga e saneamento, escolas, terras de cultivo e propiedades culturais). Das ondas reiteradas de desprazamento forzado masivo da poboación de Gaza en condicións inseguras e inhumanas (un 90 % da poboación total foi desprazada forzosamente). Do uso constante de armas explosivas de amplo alcance en zonas densamente poboadas. Do uso reiterado de ordes de “evacuación” xeneralizadas e a miúdo enganosas (como avisos por redes sociais á vez que se provocaban apagamentos de internet, sen esquecer que na maioría dos ataques non hai avisos previos). Da continua definición de “zonas humanitarias” supostamente seguras ás que as persoas palestinas deben fuxir buscando refuxio, para despois ser igualmente bombardeadas e atacadas. Da obstrución e restrición á entrada e entrega en Gaza de subministracións que poderían salvar vidas, incluída a axuda humanitaria, e de servizos esenciais. En definitiva, dun patrón reproducido a grande escala cunha soa conclusión: non existe lugar seguro en Gaza ante a intención xenocida de Israel.

Todo iso foi exercido de maneira simultánea, durante meses, sen descanso, nun contexto de apartheid desde 1948, dunha ocupación militar ilegal do territorio palestino desde 1967 e dun bloqueo ilegal por terra, mar e aire da Faixa de Gaza desde 2007.

Ademais, non podemos deixar de lado as múltiples declaracións de funcionarios gobernamentais, militares de alto rango e membros do Knesset (o parlamento israelí) nas que, sen ningún pudor, se alentan crimes contra a poboación palestina de Gaza, ou usa unha retórica deshumanizadora e racista que demoniza e criminaliza toda a poboación palestina. Con declaracións específicas de autoridades israelís con responsabilidade directa na ofensiva militar contra Gaza que aparentemente reclaman actos xenocidas ou os xustifican. Con decenas de vídeos en internet onde se ven soldados israelís pedindo a destrución de Gaza ou a denegación de servizos esenciais. Onde se ven destruíndo propiedades palestinas ou denigrando persoas palestinas, reproducindo a miúdo a mesma linguaxe deshumanizadora utilizada polas autoridades, cuxas declaracións son interpretadas por algúns soldados israelís como chamamentos para destruír Gaza ou como permisos para destruíla.

Alí hai toda unha nación que é responsable. Non é verdade esta retórica sobre que os civís non o saben, non están implicados. É absolutamente mentira.” – Isaac Herzog, presidente de Israel, sobre a poboación palestina tras os atentados de Hamas.

Activistas de Amnistía Internacional piden un cesamento do fogo en Gaza; novembro de 2023. © Amnesty International

Clave 5. A fin da impunidade non pode demorarse máis

A gravidade do crime de xenocidio perpetrado por Israel, unida á enormidade da destrución humana e ao feito de non se albiscar ningún final, fai que a rendición de contas sexa moito máis que urxente e se converta nun imperativo histórico da comunidade internacional no seu conxunto.

Os dirixentes mundiais non poden seguir mirando cara a outro lado. Os Estados teñen a obriga de previr e castigar o crime de xenocidio. Se Israel puido cometer sistematicamente crimes internacionais durante os últimos 80 anos é sen dúbida por algo tan sinxelo como terrible: porque pode; e pode porque llo permiten.

Sigo buscando entre os entullos o que podo atopar da miña nai e os meus fillos. Os seus corpos foron esnaquizados. Atopo farrapos, partes do corpo dos meus fillos. Encóntroos sen cabeza”. – Hussein Abdelal, cuxa familia morreu no ataque israelí do 20 de abril de 2024, aproximadamente ás 23.20 horas, no barrio da Al-Jneinah, ao leste de Rafa. Amnistía Internacional non atopou indicios dun obxectivo militar.

A burbulla de impunidade que rodea Israel desde hai décadas foi facilitada por numerosos dirixentes occidentais, que non só lle proporcionaron un escudo diplomático, senón tamén unha incesante subministración militar, tanto en forma de armamento e material de defensa como a través de adestramento e formación. Sen as transferencias de armas de países como Estados Unidos ou Alemaña, Israel non tería a capacidade de levar tal magnitude de destrución a Gaza. Coas probas achegadas por Amnistía Internacional, todos os Estados que transfiran material de defensa ou adestramento militar a Israel corren o risco de seren cómplices de xenocidio, e deben ser conscientes das implicacións de que a historia os lembre como tales.

O proceso en curso perante a Corte Internacional de Xustiza, o máximo tribunal das Nacións Unidas, iniciado coa denuncia de Sudáfrica, é un paso importante cara á rendición de contas, pero non debe ser o único.

Tras case 80 anos, a impunidade de Israel debe finalizar. A poboación palestina non pode esperar máis. As vítimas e as súas familias non poden ser esquecidas, nin as súas voces silenciadas. A comunidade internacional debe facer xustiza. O que está a suceder ten un nome, e non debemos ter pudor en dicilo: xenocidio.”

Outras institucións, como a Corte Penal Internacional, tamén teñen investigacións abertas polo que sucede, non só en Gaza, senón en todo o Territorio Palestino Ocupado. Agora, a Fiscalía da Corte Penal Internacional debe considerar engadir o xenocidio á súa investigación en curso. Igualmente, a Fiscalía debe considerar a posibilidade de solicitar ordes de arresto adicionais contra posibles responsables penais do crime de xenocidio, entre outros crimes.

Todos os Estados deben facer todo o que estea na súa man para que se faga xustiza, se rendan contas e se deteñan o xenocidio e outros crimes internacionais cometidos por Israel. Iso implica facer infinitamente máis do que fixeron ata o de agora; entre outras cuestións, activar os procesos de xurisdición universal e doutras formas de xurisdición penal extraterritorial para que se xulgue os presuntos perpetradores nos respectivos tribunais nacionais dos Estados.

É terriblemente desalentador ver como, ante un xenocidio ao que estamos a asistir en directo, moitos Estados seguen negando a realidade e contribuíndo a que Israel continúe os seus crimes con total impunidade. Aqueles mesmos Estados aos que se lles encomendan a seguridade e a paz mundiais están a baleirar de contido o dereito internacional. Ante as históricas ordes de detención emitidas pola CPI contra o primeiro ministro Benjamin Netanyahu, o ex-ministro de Defensa Yoav Gallant e o xefe militar de Hamas, Mohammed Deif, resulta moi duro ver que Estados como Franciapretenden garantir a inmunidade de Netanyahu no seu territorio, e outros, como Estados Unidos, rexeitan de cheo as ordes de arresto da CPI.

A vontade política dos Estados é indispensable para abordar a rendición de contas e a xustiza. Unha vontade que demostrou notable vigor para facerlle fronte aos abusos de Vladimir Putin, pero que languidece sen xustificación cando o foco se pon no Territorio Palestino Ocupado. Os crimes internacionais de Israel, xenocidio e apartheid incluídos, ameazan non só a existencia do pobo palestino, senón o mundo e a orde internacional baseada en normas no seu conxunto.

Unha resolución da CIX ou da CPI podería tardar anos en producirse e chegar moito despois de que se cometeu o xenocidio. Dada a velocidade e a magnitude da morte e destrución en Gaza, unida á impasibilidade dos Estados máis influentes, poida que para cando os tribunais internacionais diten sentenza xa non queden persoas palestinas que salvar en Gaza, nin ninguén a quen facerlle xustiza.

Os Estados teñen diante a oportunidade e o deber históricos de lle poren fin a un longo ciclo de impunidade para os crimes do dereito internacional cometidos por Israel no Territorio Palestino Ocupado, afianzados por un sistema de apartheid contra a poboación palestina, pola ocupación militar ilegal do territorio palestino e polo bloqueo ilegal da Faixa de Gaza, e que hoxe inclúen no seu terrible historial nada menos que o crime de xenocidio.

Tras case 80 anos, a impunidade de Israel debe finalizar. A poboación palestina non pode esperar máis. As vítimas e as súas familias non poden ser esquecidas, nin as súas voces silenciadas. A comunidade internacional debe miralas aos ollos e facer xustiza.

O que está a suceder ten un nome, e non debemos ter pudor en dicilo: xenocidio.