O Día Mundial da Infancia foi proclamado pola Organización das Nacións Unidas en 1954 para concienciar sobre os dereitos da infancia e o seu desenvolvemento integral. A Declaración dos Dereitos do Neno e a Convención sobre os Dereitos do Neno son as bases nas que se recoñece as persoas menores de 18 anos como suxeitos de pleno dereito.
O 20 de novembro é a data clave para dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar as persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
Desde Amnistía Internacional, este ano queremos centrarnos en promover unha relación sa coas redes sociais, evitando os posibles riscos de desinformación e de efectos nocivos na saúde mental de nenos, nenas, mozos e mozas.
En 2023, dous informes de Amnistía Internacional xa afirmaron que o sistema de recomendación de contidos de TikTok e as súas prácticas invasivas de recolección de datos supoñen un perigo para os mozos e mozas que utilizan a plataforma, debido a que esta amplifica contidos nocivos que poderían empeorar problemas de saúde mental preexistentes.
Agora, en 2025, unha nova investigación levada a cabo en Francia concluíu que o canal de contidos “Para ti” de TikTok está a empurrar a nenos, nenas, mozos e mozas franceses con interese pola saúde mental a unha espiral de contidos que fomentan a depresión, as autolesións e o suicidio.
As redes sociais son moi útiles para estarmos en contacto con outras persoas e para estarmos informados, pero debemos coñecer como están implicados os dereitos humanos no seu uso.
Cando?
O 20 de novembro ou en datas próximas ao Día Mundial da Infancia.
Se non che cadran estas datas, podes facer actividades en calquera outro momento do curso.
Que che ofrecemos?
Guía didáctica para o profesorado, con actividades concretas para traballar na aula.
Guía básica para mozos e mozas, con textos e recursos que poden usar de forma autónoma.
Esta proposta é só para centros educativos?
- Tamén podes realizar as actividades noutros espazos educativos: asociacións xuvenís, cursos de idiomas, centros culturais, clubs de lectura…

