Rede Educativa na Rioxa leva participando cos centros escolares en temas relacionados cos dereitos humanos en todos os niveis do ensino durante os 14 últimos cursos académicos. Charlas, talleres, teatro, debates, postais de “Regala as túas palabras”, concurso escolar entre centros cos seus premios autonómicos e presenza de defensores e defensoras de dereitos humanos protexidos por Amnistía Internacional. Tamén outras pequenas accións que van facendo reflexionar a mozos e mozas sobre a necesidade non só de coñecer e manexar a gran constitución da humanidade que son os dereitos humanos na súa vida cotiá, senón tamén defender eses dereitos recoñecidos para toda a cidadanía e aprender a denunciar flagrantes vulneracións deles cando teñan coñecemento destas.
Un dos temas ofertados neste curso para traballar co alumnado de Bacharelato foi a violencia contra as mulleres. Desenvolvemos unha xornada educativa interesante, activa e instrutiva. Lido previamente, con preguntas preparadas para a comprensión e o debate, os rapaces e rapazas presentáronse ante un texto “antigo” que expuña cuestións actuais: a antoloxía de contos de amor titulada El encaje roto, de Emilia Pardo Bazán (España, 1851-1921).
Máis alá de aspectos literarios de gran valor creativo, destinados ao profesorado da materia de Literatura, presentamos a Emilia Pardo Bazán como unha escritora defensora dos Dereitos Humanos antes de estaren promulgados. Pardo Bazán fala sempre nas súas novelas ou artigos xornalísticos do tema que queriamos abordar, pero faino de forma explícita nesta colección de contos, El encaje roto. Dá igual a clase social dos seus personaxes, a ambientación, a relación que existe entre a muller e o home (na maioría dos casos é a súa prometida, a súa esposa ou a súa filla, pero nalgúns non hai ningún vínculo entre eles) e o tipo de violencia (a física, a psicolóxica, a sexual, a patrimonial, a social, a simbólica): a escritora ofrece un amplo panorama da violencia de xénero e mostra actitudes e comportamentos que seguen vixentes hoxe en día.
Varios destes contos da antoloxía protagonízanos mulleres que non dubidan en facerlle cara ao maltratador ou que se decatan a tempo de como é en realidade o home co que se van relacionar e actúan en consecuencia con sentimento e vontade feminina. Compróbase nos contos a división patriarcal que definiu o papel das mulleres: fiar, coser, tecer, embelecer os espazos que habitaban, trenzar cestas, moer gran, facer comidas, parir fillos. Sen dúbida, a evolución da sociedade modifica estas condutas destinadas ás mulleres de hoxe. A historia non é algo que afecte unhas cantas persoas: rodéanos a diario, bombardea as nosas neuronas desde que nacemos, confórmanos como individuos. Os seres humanos repetimos maneiras e conceptos que contribúen moi pouco á sociedade en igualdade que desexamos.
Durante séculos, a voz das mulleres estivo practicamente ausente na literatura. Nos casos nos que as mulleres tomaron a palabra, moitas veces os seus textos foron minusvalorados por seren considerados o reflexo de experiencias femininas. O carácter, a creatividade de Emilia Pardo Bazán, a súa seguranza ante a vida, permitíanlle narrar experiencias de mulleres sufridoras polos criterios patriarcais habituais na sociedade do seu tempo.
Nun dos contos de Pardo Bazán, “El indulto” (escrito en 1883 na Revista Ibérica), elementos como a violencia feminina, a doméstica e a social, xunto ao abuso de poder, o medo, a subordinación e a escasa autoridade das leis do momento, propoñen un fresco parecido ao de hoxe.
“¡Qué leyes, divino Señor de los cielos!... y no habrá algún remedio, mujer?... dicen que nos podemos separar después de una cosa que le llaman divorcio… y para eso, tendré que probar que mi marido me daba mal trato… pero como nadie lo oyó,… dice el abogado que se requieren pruebas claras”
"Incorpórese el marido y extendiendo las manos, mostró querer saltar de la cama al suelo. Antonia con la docilidad fatalista de la esclava, empezó a desnudarse…”
Emilia Pardo Bazán defende os novos papeis da muller xa no seu tempo. Dona Emilia era unha avanzada na reivindicación dos dereitos das mulleres. Parece que avanzamos pouco se meditamos sobre a multitude de mulleres que sofren violencia en calquera das súas formas. A preocupación escolar abriu o debate da dor que sofren as mulleres, nunha alta porcentaxe no día de hoxe, na súa realidade máis cotiá. As mozas tamén o viven.
Hoxe contamos con leis que foron pioneiras en Europa contra a violencia de xénero. Na zona na que estamos, A Rioxa, a Lei 11/2022, do 20 de setembro, contra a violencia de xénero, foi aprobada por unanimidade polo Parlamento Rioxano. Con todo, as leis parecen ir por un camiño, e a conduta humana, por outro.
A reflexión estaba nas cabezas de mozos e mozas que colectivamente decidían que, sen a súa colaboración activa, non alcanzaremos como sociedade a igualdade entre homes e mulleres.
Un compromiso activo. Unha polémica sobre a dor. Un dereito humano sen debate.

![[Translate to Galego:] Fotografía intervenida | Princesa Luisa en su boda, 1871. Royal Collection. Wikimedia commons @Vetusta Audiolibros [Translate to Galego:] Fotografía intervenida | Princesa Luisa en su boda, 1871. Royal Collection. Wikimedia commons @Vetusta Audiolibros](/fileadmin/user_upload/encajeroto.png)