En 2024, o lema das reivindicacións do Orgullo LGBTIQ+ foi “Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma”. O obxectivo á hora de escoller este lema era reclamar a implantación da Educación en Diversidade de maneira xeneralizada como vehículo para combater a LGTBI-fobia e reivindicar a implantación das leis LGBTI estatais e autonómicas. Todo iso fronte aos retrocesos que puidesen producirse nalgunhas comunidades autónomas.
En todas as rexións do mundo, ben polos discursos antidereitos contra as persoas LGBTIQ+, ben pola aprobación de leis que de facto recortan estes dereitos, aumenta a presión contra este colectivo, o que repercute no aumento do acoso e da violencia á que se enfrontan. As persoas transxénero son as máis prexudicadas. Así o denunciou Amnistía Internacional.
Amnistía Internacional cre que a educación en dereitos humanos é fundamental para abordar as causas subxacentes das violacións destes dereitos. Creando un ámbito propicio para o pensamento crítico, dámoslles espazo ás persoas para que reflexionen sobre os seus propios valores e actitudes e en definitiva modifiquen a súa propia conduta. Serve para previr os abusos contra os dereitos humanos, combater a discriminación, promover a igualdade e fomentar a participación da xente nos procesos de toma de decisións.
Por iso, propómosvos unirvos a esta reivindicación no mes de xuño coas seguintes propostas:
1. Realizar unha charla, organizar un taller ou facer un debate co material educativo “Orgullo de ser”. Tendes actividades ávosa disposición para Educación Primaria e Educación Secundaria, así como moita información complementaria: conceptos básicos, historia LGBTIQ+, discursos de odio...
2. Pórvos en contacto con organizacións LGBTI da vosa localidade, que posiblemente teñan experiencia facendo talleres en centros educativos e poden achegar testemuños directos. Na web da Federación Estatal LGBTI+ atoparedes un mapa coas 57 entidades federadas. Tamén podedes visitar a Fundación Triángulo, con varias sedes en diferentes comunidades autónomas.
Seguimos!

