Nos seis primeiros meses do ano fomos testemuñas de importantes triunfos en materia de dereitos humanos que nos lembran que, con esforzo colectivo e determinación, os cambios positivos son posibles. Persoas de todas as partes do mundo demostraron que a solidariedade, o compromiso e a loita pola xustiza poden marcar a diferenza.
Neste novo post, repasamos os logros dos últimos seis meses do ano, un período en que presenciamos transformacións significativas, como reformas lexislativas que promoven a igualdade, casos de xustiza restaurada e apoio tanxible a quen máis o necesita. Estes logros son un recordatorio esperanzador do que podemos alcanzar. Confiamos en que estas vitorias inspiren e reconforten, ao tempo que reafirman que cada paso cara a un mundo máis xusto merece ser celebrado.
Xullo
Francia: O informe de Amnistía Internacional publicado antes dos Xogos Olímpicos de París puxo de manifesto que a prohibición de competir imposta ás atletas francesas que usan hijab infrinxe o dereito internacional dos dereitos humanos. A ONU mencionou o informe en outubro, cando cualificou as prohibicións como “desproporcionadas e discriminatorias” e pediu que se revogasen.
Les Hijabeuses (As Hijabesas) é un colectivo de futbolistas que fan campaña para eliminar a prohibición do hijab no mundo do fútbol de Francia. © Catalina Martin-Chico/Panos Pictures
Gambia: O Parlamento de Gambia rexeitou un proxecto de lei que derrogaba a Reforma da Lei da Muller de 2015, que prohibe a mutilación xenital feminina (MXF). En apoio das organizacións da sociedade civil de Gambia, Amnistía Internacional avogou polo rexeitamento a este proxecto de lei a través de comunicación pública, entrevistas con medios de comunicación e o envío de cartas ás autoridades gambianas.

O Parlamento de Gambia rexeitou un proxecto de lei que derrogaba a Reforma da Lei da Muller de 2015, que prohibe a mutilación xenital feminina (MXF). © Muhamadou Bittaye/AFP via Getty Images
Corea do Sur: O Tribunal Supremo de Corea do Sur confirmou nunha sentenza histórica que as parellas do mesmo sexo teñen dereito aos mesmos beneficios que as parellas heterosexuais no que respecta ao seguro de saúde. Amnistía Internacional Corea tivo o pracer de ver que as súas achegas xurídicas por escrito, que proporcionaron información adicional, tiveron unha repercusión inmediata.

O Tribunal Supremo de Corea do Sur ditou unha sentenza histórica ao confirmar que as parellas do mesmo sexo teñen dereito aos mesmos beneficios que as parellas heterosexuais no que respecta ao seguro de saúde. © Amnesty International Korea
Siria: As autoridades autónomas do nordés de Siria anunciaron unha amnistía ampla para homes, mulleres e nenos e nenas condenados en xuízos manifestamente inxustos por supostos delitos de “terrorismo”, o que se axusta directamente a unha as principais recomendacións formuladas no informe que publicamos en abril deste ano, titulado Injustice, Torture and Death in Detention in North-East Syria. Esta amnistía beneficiou a millares de persoas sirias que cometeron delitos non-violentos.
Agosto
Benín: Amnistía Internacional puxo de manifesto que en 2023 a poboación recluída de Benín estaba amoreada en celas sucias, sen acceso a auga potable nin atención médica, e que polo menos 46 persoas morreran en catro das prisións entre xaneiro e xullo dese ano. A cuestión recibiu unha gran difusión nos medios de comunicación nacionais e internacionais. O 19 de agosto, unha decena de deputados da oposición interrogaron o goberno sobre as mortes en prisión, o acceso á atención sanitaria e as reclusións superiores ao período legal de cinco anos. En setembro, o director xeral do Departamento de Prisións confirmou o amoreamento e as malas condicións de reclusión nos centros penais. Ese mesmo mes, os directores e o persoal de enfermaría das prisións recibiron formación sobre o trato á poboación recluída de conformidade coas Regras de Bangkok da ONU.
Finlandia: Amnistía Internacional Finlandia, organizacións ecoloxistas e a mocidade saami finlandesa están a levar o Goberno de Finlandia perante os tribunais pola insuficiencia das súas medidas contra o cambio climático. As organizacións sosteñen que a inacción do goberno infrinxe a Lei do Clima de Finlandia, recoñecida internacionalmente por establecer obxectivos ambiciosos para alcanzar a neutralidade de carbono en 2035, e incumpre as obrigas xurídicas do Estado de protexer os dereitos humanos, incluídos os dereitos do pobo indíxena saami. O caso baséase na sentenza pioneira do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos na causa KlimaSeniorinnen v Switzerland.
Mozambique: En 2020, seis manifestantes sufriron terribles lesións tras recibiren disparos da policía nas proximidades do Parque Nacional de Banhine, en Mozambique. Un ano despois, o Programa de Resposta ás Crises de Amnistía Internacional publicou un informe de investigación no que pedía unha investigación exhaustiva do incidente. Isto levou o Goberno a iniciar accións xurídicas que culminaron coa condena de seis axentes en agosto de 2024.
Polonia: Despois de anos de campaña de mulleres valentes e sobreviventes e dos seus aliados, Polonia adoptou unha definición da violación que se basea no consentimento e non na condición previa de uso da forza ou de violencia. Será o 19.º país europeo, dos 31 analizados por Amnistía Internacional, que define a violación como sexo sen consentimento.

Simpatizantes de Amnistía Internacional fan entrega dunha caixa que contén os chamamentos en que se lle pide a Polonia que adopte unha definición de violación baseada no consentimento. © Signatures
Taiwán:Co apoio de Amnistía Internacional Taiwán, os familiares de 24 solicitantes de asilo vietnamitas vítimas de homicidio ilexítimo a mans das forzas armadas taiwanesas en Kinmen en 1987 foron convidados polo goberno a visitar Taiwán por primeira vez para buscar verdade e reconciliación.
Tran, familiar dunha das vítimas, referiuse á importancia de contar cun sistema integral de protección das persoas refuxiadas: “Pídolle ao goberno e ao pobo de Taiwán que lles deixen considerar Taiwán como o seu segundo fogar, e fogar definitivo, e que non os rexeiten máis”.
Tailandia: Tailandia retirou a súa reserva ao artigo 22 da Convención sobre os Dereitos do Neno en agosto de 2024, o que lles garante aos nenos e nenas refuxiados a igualdade de acceso á protección e á axuda humanitaria.
Setembro
Bulgaria: A sección de creación máis recente de Amnistía Internacional celebrou en setembro dous éxitos de campaña. A Comisión de Cultura e Medios de Comunicación do Parlamento rexeitou un proxecto de lei para crear un rexistro de “axentes estranxeiros” destinado a atacar e reprimir a sociedade civil, mentres que o Parlamento votou en contra das reformas a unha lei que tipificarían como delito a prestación de asistencia sanitaria de afirmación de xénero a menores de idade.
Xapón: O Tribunal de Distrito de Shizuoka, nunha sentenza esperada desde había moito tempo, absolveu a Iwao Hakamada, a quen se considera a persoa que máis tempo pasou presa en espera de execución no mundo. Tras soportar case medio século de encarceramento indebido condenado a morte e pasar outros dez anos á espera dun novo xuízo, esta decisión é un recoñecemento importante da profunda inxustiza que Hakamada sufriu durante a maior parte da súa vida. Ademais, ponlle fin á exemplar loita para limpar o seu nome que libraron a súa irmá Hideko e todas as persoas que o apoiaron, incluída Amnistía Internacional, que loitou durante máis de 15 anos por que volvese ser axuizado.
Iwao Hakamada, a quen se considera a persoa que máis tempo pasou presa en espera de execución no mundo, foi absolto. © Nobuhiro Terazawa
Togo: Amnistía Internacional publicou un comunicado de prensa no que sinalou a escaseza de persoal e de subministracións e equipos médicos adecuados nalgúns centros sanitarios de atención ás mulleres embarazadas e aos bebés acabados de nacer. Tras a súa publicación, as autoridades confirmaron a inclusión das nenas e das mulleres nun novo programa nacional de apoio. O director de Amnistía Internacional Togo reuniuse co ministro de Sanidade, que confirmou a prioridade de contratar persoal e dotar os centros de equipos adecuados. En setembro, o goberno togolés confirmou a contratación de 193 matronas e 177 profesionais de apoio ao parto. En agosto, destináronse 7700 camas novas e máis de 100 mesas de parto, así como ambulancias e equipos de radiocomunicación, a centros de saúde materna.
Outubro
Arxentina: Pierina Nochetti, defensora de dereitos LGBTI+ de Necochea (Arxentina), enfrontábase a cargos penais por pintar a mensaxe “Onde está Tehuel?” nunha parede durante unha marcha do Orgullo en 2022. Coa frase buscaba xustiza para Tehuel de la Torre, un mozo trans desaparecido en 2021. A pesar de que os muros urbanos son lugares que habitualmente se utilizan para expresarse publicamente, a Pierina perseguírona por iso, e afrontaba unha posible pena de prisión por “dano agravado”. Amnistía Internacional Arxentina realizou traballo de incidencia no seu favor, facendo fincapé nos dereitos á liberdade de expresión e de reunión pacífica. Os cargos xa se retiraron e o caso foi pechado.

Pierina Nochetti, defensora de dereitos LGBTI+ de Necochea (Arxentina), enfrontábase a cargos penais por pintar a mensaxe “Onde está Tehuel?” nunha parede durante unha marcha do Orgullo en 2022. Os cargos xa foron retirados. © Tomás Ramírez / AI Argentina
Global: A finais de outubro, o Programa Global de Axuda Ligada á Defensa dos Dereitos Humanos axudara cerca de 4700 persoas de 79 países, sufragando os gastos de recolocación de persoas en situación de risco e prestando asistencia xurídica e apoio médico e psicolóxico. Tamén axudamos a persoas en situación de risco proporcionándolles medidas de seguranza, ademais de realizarmos accións de fortalecemento das capacidades e incidencia en favor das que están en primeira liña.
Arabia Saudita: En resposta ás conclusións de explotación laboral en tendas da marca Carrefour en Arabia Saudita formuladas por Amnistía Internacional, o xigante francés dos supermercados e o seu socio de franquía Majid Al Futtaim abriron unha investigación interna sobre o trato dispensado aos traballadores e traballadoras migrantes nos seus centros de traballo, mentres que o grupo Carrefour encargou unha auditoría a terceiros. Majid Al Futtaim declarou que xa trasladou algúns traballadores e traballadoras a novas vivendas e está a revisar as súas políticas sobre horas extraordinarias e honorarios de contratación, e mellorando o acceso á súa liña telefónica de atención ao persoal. Amnistía Internacional segue a traballar con Carrefour para exercer presión en favor do acceso á xustiza e a un recurso efectivo, incluído o pagamento de indemnizacións adecuadas aos traballadores e traballadoras afectados, algúns dos cales probablemente sexan vítimas de traballo forzoso e comercio de seres humanos.
Novembro
España: aprobouse o protocolo para o rexistro de profesionais que, por motivos de conciencia, decidiron non practicar abortos. Esta medida foi celebrada como un avance importante para mellorar a planificación dos recursos na sanidade pública e protexer os dereitos sexuais e reprodutivos, considerados parte esencial do dereito á saúde. Case dous anos despois da entrada en vigor da lei, só cinco comunidades autónomas españolas —Murcia, Comunidade Valenciana, Canarias, A Rioxa e Cantabria— contaban con estes rexistros. Con todo, a aprobación do protocolo marcou un paso decisivo cara á súa posta en marcha en todo o país.
Costa de Marfil: En xaneiro de 2024 iniciáronse en Abidjan operacións a grande escala para demoler barrios e desaloxar os seus habitantes, en lugares que se consideraba que corrían risco de inundación, como parte dun plan para demoler 176 localizacións. Amnistía Internacional sinalou que se estaban a cometer violacións de dereitos humanos xeneralizadas que afectaban decenas de millares de persoas. Os desaloxos producíronse sen aviso previo adecuado e razoable, nalgúns casos con violencia, e en novembro milleiros de familias desaloxadas forzosamente seguían sen ser realoxadas ou indemnizadas por todas as súas perdas. Tras a publicación de Amnistía non se demoleu ningunha outra localización da lista de 176, e as autoridades marfilesas anunciaron a suspensión de todas as actividades de desaloxo o 21 de novembro, así como a aplicación das medidas de indemnización anunciadas en marzo de 2024.
Dinamarca: Grazas ao traballo de campaña de Amnistía Internacional, Dinamarca poderá emprender accións xudiciais contra criminais de guerra por todo o alcance dos seus crimes. Trátase dun resultado positivo dunha nova lei destinada a acabar coa impunidade para garantir que ningún criminal de guerra quede sen castigo. A nova lei facultará os tribunais dinamarqueses para perseguiren delitos internacionais como tortura, crimes de guerra e crimes contra a humanidade.
Alemaña: Tras chamamentos de Amnistía Internacional Alemaña, entrou en vigor a Lei de Autodeterminación, que lles permitirá ás persoas transxénero, non-binarias e intersexuais obter o recoñecemento legal da súa identidade de xénero mediante a presentación dunha simple declaración no rexistro. A nova lei substitúe a Lei Transexual de 1980, que obrigaba as persoas transxénero a someterse a avaliacións psicolóxicas e a un procedemento xudicial discriminatorios para conseguir o recoñecemento legal da súa identidade de xénero.
India: Despois de chamamentos de Amnistía Internacional, o Tribunal Supremo da India ditou dúas sentenzas históricas destinadas a lle poren fin ao clima de impunidade que rodea a práctica cruel e inhumana de castigar as persoas mediante a demolición ilegal dos seus fogares e propiedades. Trátase dunha gran vitoria para acabar coas demolicións inxustas, dirixidas na maior parte dos casos contra a minoría musulmá polas autoridades indias.

Familiares sentados sobre unha morea de refugallos co que queda das súas pertenzas preto de Sunder Nursery, en Nizamuddin. © Raj K Raj/Hindustan Times via Getty Images
Serra Leoa: Nunha sentenza histórica ditada o 7 de novembro, o Tribunal de Xustiza da Comunidade Económica de Estados da África Occidental (CEDEAO) ditaminou a favor do grupo da sociedade civil AdvocAid nunha causa incoada contra a República de Serra Leoa para impugnar a lexislación sobre a vagabundaxe. O tribunal ditou que a lexislación sobre o vagabundaxe de Serra Leoa vulnera os dereitos á igualdade, á non-discriminación e á liberdade de circulación, e afecta de forma desproporcionada as persoas marxinadas. Amnistía Internacional presentou unha intervención de terceiros perante o Tribunal da CEDEAO, sinalando que a lexislación sobre a vagabundaxe e outras leis sobre esta discriminan as persoas que viven na pobreza, a poboación LGBTI e as traballadoras e os traballadores sexuais, e vulneran o seu dereito á dignidade, así como o principio de legalidade. A sentenza do tribunal ordenou a Serra Leoa que reformase ou derrogase estas leis, facendo fincapé na necesidade dunha lexislación que protexa toda a cidadanía fronte ás detencións arbitrarias e os abusos. Esta sentenza senta un precedente xurídico crucial en toda África e fóra dela, xa que 31 países seguen mantendo lexislación sobre a vagabundaxe discriminatoria.
Turquía: Grazas ao traballo de Amnistía Internacional Turquía, xunto con decenas de organizacións da sociedade civil, retirouse o proxecto de lei de espionaxe, bautizada como lei “sobre axentes de influencia”. Aínda que o goberno debate a posibilidade de reintroducir a reforma na súa axenda, a retirada é un triunfo importante para os dereitos humanos. Ao unirse para expresar con vigor os seus motivos de preocupación reais, a sociedade civil turca axudou a bloquear esta perigosa medida que tería un impacto demoledor no seu labor e na sociedade en xeral.
Corea do Sur: Tras a publicación do informe Recharge for Rights: Ranking the Human Rights Due Diligence Reporting of Leading Electric Vehicle Makers (Recarga polos dereitos: Clasificación dos informes de dilixencia debida en materia de dereitos humanos dos principais fabricantes de vehículos eléctricos), o equipo sobre Empresas e Dereitos Humanos de Amnistía Internacional viaxou a Corea do Sur, Taiwán e Xapón para reunirse con fabricantes mundiais de automóbiles e baterías, así como con lexisladores e membros da sociedade civil. Tras unha reunión coa lexisladora surcoreana Jongdeok Jeon, esta publicou unha longa reflexión en Facebook que incluía as seguintes palabras: “O goberno debe dar un paso á fronte e garantir que as empresas abordan activamente e con sensatez as violacións de dereitos humanos… Agradecemos a Amnistía Internacional as súas actividades e a súa preocupación”. En 2025, os lexisladores surcoreanos presentarán un proxecto de lei sobre a dilixencia debida obrigatoria en materia de dereitos humanos e medio ambiente.
Estados Unidos: Este ano producíronse importantes triunfos para o dereito ao aborto en Estados Unidos, onde sete estados ampliaron ou salvagardaron os dereitos reprodutivos. En Arizona, coa axuda de Amnistía Internacional, aprobouse co 62% dos votos a Proposición 139, que consagra o dereito ao aborto na Constitución do estado. A medida anula as restricións e prohibe as sancións a quen axude a abortar. Este logro histórico —“o maior número de sinaturas de votantes recollidas por unha iniciativa cidadá na historia do estado”— pon de relevo o poder da organización de base, a acción colectiva e o apoio unificado de Amnistía Internacional, tanto na escala nacional como na internacional, á campaña de Arizona. Trátase dun paso decisivo na loita polos dereitos reprodutivos, que senta as bases para impugnar as prohibicións do aborto en todo o país.

Simpatizantes de Amnistía Internacional Estados Unidos maniféstanse polo dereito ao aborto preto da Corte Suprema en Washington DC. © Lauren Murphy/Amnesty International USA
Decembro
España: Ante a decisión do Concello de Burgos de recortar as subvencións municipais a varias organizacións que traballaban para garantir os dereitos das persoas migrantes, 3500 persoas mobilizáronse na Praza Maior baixo a pancarta “Burgos pola convivencia” e lograron que o Concello rectificase. Amnistía Internacional adheriuse ao manifesto e á convocatoria de mobilización. Un dos seus activistas en Burgos relatou: “a Praza Maior converteuse nun clamor para lembrar que ningunha persoa é ilegal, que estas organizacións realizan un traballo imprescindible, moitas veces de forma voluntaria, e que as persoas migrantes forman parte esencial da sociedade burgalesa, enriquecéndoa co seu traballo e a súa diversidade cultural. Foi a resposta da dignidade e da humanidade que compartimos”. Este logro, rápido e concreto, converteuse nun claro exemplo do impacto positivo que pode ter o exercicio da protesta na defensa dos dereitos humanos en España.
Bélxica: Bélxica foi declarada responsable de crimes de lesa humanidade por actos cometidos durante a colonización nunha sentenza histórica que constitúe un punto de inflexión para os Estados europeos. Tras varios chamamentos de Amnistía Internacional e African Futures Lab, o Tribunal de Apelación de Bruxelas recoñeceu a responsabilidade do Estado belga no secuestro e na segregación racial sistemática de nenos e nenas métis durante o réxime colonial belga. Isto chega despois de que cinco mulleres métis nadas entre 1948 e 1952 no Congo belga iniciasen actuacións xudiciais contra o Estado belga. Tras perderen en primeira instancia en 2021, levaron o seu caso perante o Tribunal de Apelación de Bruxelas para obteren xustiza e reparación.
Estados Unidos: O presidente Biden conmutou as sentenzas de 37 homes no corredor da morte federal, eliminando a ameaza de execución nos seus casos. Amnistía Internacional celebrou esta decisión como un avance significativo para os dereitos humanos e un paso cara ao cumprimento da promesa de Biden de acabar coa pena de morte a nivel federal. Aínda que esta medida é un gran logro, Amnistía instou a Biden a ir máis aló e conmutar todas as sentenzas de morte federais e militares. Actualmente, EEUU segue a ser un dos países que máis aplican a pena de morte, unha práctica que Amnistía Internacional condena en calquera circunstancia.

Bélxica foi declarada responsable de crimes de lesa humanidade por actos cometidos durante a colonización, nunha sentenza histórica que constitúe un punto de inflexión para os Estados europeos. Isto chega despois de que cinco mulleres métis nacidas no Congo belga iniciasen actuacións xudiciais contra o Estado belga. © African Futures Lab
Global: En Nova York, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou —sen ser sometida a votación— unha resolución innovadora que ordena establecer negociacións formais sobre unha Convención sobre a Prevención e o Castigo dos Crimes de Lesa Humanidade, un obxectivo do traballo de incidencia de Amnistía Internacional a longo prazo. O proceso está programado para 2026-2029. Unha vez concluído e adoptado, o tratado reforzaría o marco da xustiza internacional ao proporcionarlles novas ferramentas aos Estados e permitirlles cooperar mellor entre si para perseguir os crimes de lesa humanidade. Ademais, contribuiría a garantir que haxa menos “zonas seguras” para as persoas con presunta responsabilidade penal, e sería un avance importante na loita contra a impunidade.

