De acordo coa definición da Declaración sobre os defensores e defensoras dos dereitos humanos, estes son aquelas persoas que actúan pacificamente, sen recorrer á violencia, para promover e protexer a universalidade e indivisibilidade dos dereitos, tanto das persoas como dos pobos.
Pode ser defensor ou defensora calquera persoa que loita a favor dunha causa, sexa actuando a título persoal ou de forma asociativa, no marco da súa profesión ou nas súas actividades cotiás.
Atendendo a esta descrición, nenos, nenas, mozos e mozas poden ser tamén defensoras ou defensores de dereitos humanos; e poden actuar para promover os seus propios dereitos ou os dereitos doutras persoas, incluíndo os dereitos de persoas adultas. Con todo, téñense que enfrontar a moitos obstáculos cando tentan expresar as súas opinións, ao considerarse que lles falta o coñecemento, a responsabilidade e a experiencia suficientes para seren capaces de construír unha opinión, e son acusados de estar sendo obxecto de manipulación e adoutrinamento.

Os fachos de gas instalados en la Amazonia ecuatoriana están a causar enormes danos á saúde e ao medio natural © AI
Esta discriminación non só se produce dentro das familias ou na escola, senón tamén en organismos nacionais ou internacionais, como sucedeu recentemente en Ecuador. A activista de 14 anos Leonela Moncayo, xunto con outras oito nenas, asistiu á cámara onde se levaba a cabo unha sesión da Comisión de Biodiversidade para revisar se o goberno estatal cumpría coas medidas contra os “mecheros” ás que estaba sentenciado. Tras unha intervención na que subestimaba a escala do problema, Andrea Arrobo, ministra de Minas e Enerxía, engadiu a seguinte mensaxe, na que se insinuaba que as nenas podían estar a ser manipuladas: “Fágano por convicción, fágano sempre porque son conscientes da realidade, non se deixen manipular, escoiten, aprendan, eleven a súa voz, pero non se deixen manipular”.
“A análise das realidades que afrontan os que defenden os dereitos humanos desde o punto de vista dunha persoa nova é necesaria desde hai tempo, xa que as experiencias difiren dunha xeración a outra” – Sara Vida Coumans, directora adxunta de Campañas e Educación e directora do Equipo Global de Nenos, Nenas, Mozos e Mozas de Amnistía Internacional.
Nos últimos anos, coa axuda das redes sociais, a infancia e a mocidade foron capaces de organizar mobilizacións masivas para que os gobernos rendan contas e para que respecten, protexan e apliquen os dereitos humanos. Á habitual participación nos movementos sociais engádese agora o seu crecente liderado en movementos de protesta pacíficos –sentadas, ocupación de espazos públicos, concentracións, discursos– para impulsar o cambio. Como activistas sociais, desafían as normas e loitan apaixonadamente polos dereitos humanos para denunciar todo aquilo que ameaza o seu futuro.
Un exemplo destacado é a mobilización mundial pola sensibilización sobre o cambio climático e a loita por unha maior xustiza climática. Por iso, hoxe, 22 de abril, Día Mundial da Terra, poñemos o foco nos retos a que teñen que enfrontarse as e os activistas climáticos.
Leonela Moncayo, activista climática. © Private
Leonela Moncayo, estigmatizada por defender a Amazonia
A activista mencionada, Leonela Moncayo, foi intimidada coa detonación dun explosivo improvisado xusto diante da súa casa o 26 de febreiro de 2024. Isto sucedeu cinco días despois de que fose estigmatizada, xunto con outras oito nenas defensoras, pola ministra de Enerxía e Minas perante a Asemblea Nacional polo seu activismo contra a queima sistemática de gas (os “mecheros”) na Amazonia. Todas elas viven preto desta combustión continuada e sofren as súas consecuencias. Os familiares dalgunhas delas faleceron de cancro, e teñen moitas persoas coñecidas que o padecen.
O 29 de xullo de 2021, a Corte Provincial de Sucumbíos decretou que o Estado ecuatoriano ignoraba os dereitos para ter un medio ambiente san e non cumpría coas súas obrigas para loitar contra o cambio climático. E determinou que o Estado debía encargarse de reducir o número de “mecheros” gradualmente.
Como resposta á pasividade do goberno, Leonela Moncayo levou a cabo accións de protesta como a visita á Asemblea Nacional, onde se desenvolvía unha sesión da Comisión de Biodiversidade para revisar se o goberno estatal cumpría coas medidas contra os “mecheros” ás que fora sentenciado. Andrea Arrobo, a ministra de Minas e Enerxía, declarou que a sentenza xa se cumprira, pero as activistas continuaron afirmando que o goberno non cumpría coas súas obrigacións para reducir a problemática. Leonela Moncayo e os seus pais cren que a explosión que sufriron na súa casa foi froito desa protesta e buscaba ser un medio de presión.
Khairiyah Rahmanyah, activista climática tailandesa

Khairiyah Rahmanyah. © Private
O ataque dirixido a Leonela Moncayo é un de moitos dirixidos a mozos activistas, tanto en Ecuador coma noutras partes do mundo. Así sucede en Tailandia, onde Khairiyah Rahmanyah, activista climática de 22 anos, loita pola súa aldea, nunha zona rica en biodiversidade onde a pesca é a principal fonte de sustento para a maior parte da comunidade, que exporta o seu peixe a países como China, Vietnam, Corea e Xapón.
Todo mudou no ano 2019, cando, ao redor da aldea, comezaron a construír zonas industriais. O goberno planeaba instalar un gasoduto de gas natural entre Tailandia e Malaisia, e o barco que utilizaron para comezar os traballos medía uns 30 metros de lonxitude, o que impedía os pescadores facer o seu traballo, e os nenos e nenas xogar no mar.
En 2020, con 17 anos, Khairiyah lanzou unha campaña contra o plan do goberno tailandés de urbanizar sobre o mar e dedicou horas a formar parte de piquetes. Viaxou 1000 quilómetros ata a sede do goberno en Bangkok para entregarlle ao primeiro ministro unha carta na que se lle pedía que detivese o proxecto. En consecuencia, o goberno decidiu pospoñer a súa decisión. Actualmente hai unha nova consulta, e estase levando a cabo labor de investigación, esta vez coa participación da comunidade.
“Quero que as próximas xeracións teñan dereito a medrar na mesma natureza na que medrei eu”, Khairiyah Rahmanyah.
Marinel Sumook Ubaldo, sobrevivente do tifón Yolanda

Marinel Sumook. © Eloisa Lopez/Amnesty International
En Filipinas, Marinel Sumook Ubaldo tiña 16 anos en 2013 cando sobreviviu ao tifón Yolanda, un dos máis mortíferos da historia, xa que morreron 6000 persoas e millóns delas perderon a súa casa. Desde aquel momento tivo claro que tiña que atopar unha maneira de loitar contra o cambio climático e os seus devastadores efectos en todo o mundo, comezando polo seu país.
“Unha das consecuencias do cambio climático é que nos azoutarán fenómenos naturais novos con intensidades descoñecidas e, sobre todo, imprevisibles”.
Actualmente, esta activista segue a loitar para que o goberno de Filipinas lles proporcione condicións de vida dignas ás persoas da súa comunidade. Tal e como dixo durante a súa participación na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en decembro de 2019, “Debemos actuar”.
Vanessa Nakate, a Greta Thunberg ugandesa

Vanessa Nakate. © Paul Wamala Ssegujja, CC BY-SA 4.0, via Wikimedia Commons
Para Vanessa Nakate, o cambio climático ten que ver coas persoas. Esta moza activista comezou a avogar pola xustiza climática en 2018 cando tiña 23 anos, cunha protesta nas rúas de Kampala (Uganda). Inspirada en Greta Thunberg, continuou protestando todas as semanas e uniuse ao movemento Fridays for Future en Uganda; converteuse nun rostro coñecido, ata o punto de fundar a iniciativa Rise Up para darlles voz a activistas climáticos de toda África.
A crise climática é unha das maiores ameazas que afectan a vida de moitos ugandeses, que son unha das comunidades máis vulnerables aos catastróficos efectos do quecemento global. Desde hai algún tempo, África Oriental enfróntase a fenómenos meteorolóxicos adversos e vén sufrindo secas prolongadas, desprendementos de terra e inundacións cada vez máis devastadoras. Hoxe, os efectos do cambio climático están a menoscabar o desenvolvemento sostible da zona e polo tanto os esforzos para pórlle fin á pobreza.
África produce unha parte moi pequena das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro; non obstante, está na primeira liña da crise climática. Para 2030, estímase que ata 118 millóns de persoas extremadamente pobres estarán expostas á seca, ás inundacións e á calor extrema en África, se non se establecen medidas de resposta adecuadas.
“A crise climática está a empurrar moitas persoas a lugares onde xa non poden adaptarse. (…) Se se viaxa ata calquera comunidade rural a dúas ou tres horas de Kampala, compréndese como a poboación ten dificultades para atopar auga e como os cultivos se están a secar debido ás condicións de extrema secura”.
Vanessa, do mesmo xeito que millóns de valentes activistas, esíxelles aos gobernos e aos que teñen influencia que fagan máis por recoñecer a realidade e a gravidade do cambio climático e actúen en consecuencia, situando os dereitos humanos e a xustiza climática no centro de todos os esforzos. África é un claro exemplo do que son as inxustizas climáticas: un lugar que non é responsable do aumento das emisións mundiais, que non causou a crise, atópase en primeira liña de lume; trátase dunha poboación cuxas voces non se escoitan e non reciben financiamento para a mitigación ou a adaptación, nin para os danos e perdas sufridos pola crise climática.
Dominika Lasota, organizadora das folgas climáticas en Polonia

Dominika Lasota. © Stefan Müller (climate stuff, 1 Mio views) from Germany, CC BY 2.0, via Wikimedia Commons
A actividade de Vanessa coincide co labor de Dominika Lasota, unha moza de 22 anos que é considerada como a principal organizadora de folgas climáticas en Polonia e que está vinculada con activistas ambientais doutros países.
A historia do actual movemento polaco de acción climática é similar á do dos demais países europeos. A folga escolar de Greta Thunberg en Suecia en 2018 inspirou un gran número de mozos polacos e motivounos a tomar medidas. Xurdiron grupos de base en todo o país, sobre todo en Varsovia; co fin de concienciar o maior número posible de persoas sobre o cambio climático, Lasota e varios estudantes fundaron a iniciativa Wschod, unha palabra polaca que significa tanto “Leste” como “Amencer”. O grupo reúne activistas de toda Europa Central e Oriental e tenta resaltar o feito de que as crises actuais en Europa son en gran medida o resultado da dependencia dos combustibles fósiles.
Dominika Lasota chegou a participar na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27) como representante xuvenil para tratar de influír sobre os líderes reunidos en Exipto, especialmente sobre o presidente polaco. No seu encontro con Andrzej Duda, reprochoulle que a transición enerxética de Polonia avanzase demasiado lentamente e, ante a súa pasividade, terminou dicindo: “o presidente faille caso omiso constantemente ao movemento de acción climática e non quere reunirse connosco, e se fala sobre temas climáticos é só para burlarse do problema”.
Palabras de Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional: “Esta xeración enfróntase a unha catástrofe climática que vai a peor e cuxas consecuencias para os dereitos humanos son devastadoras. Con todo, demasiados líderes en posicións de poder abstéñense de facer o necesario para evitar este desastre, e mesmo incumpren os compromisos adquiridos”.

![[Translate to Galego:] Jóvenes activistas, como Marinel Sumook, desafían amenazas y lideran la lucha por los derechos humanos y el clima](/fileadmin/user_upload/Marinel_Sumook_265942.jpg)