“Privar as persoas dos seus dereitos humanos é pór en dúbida a súa propia humanidade”
Os defensores e defensoras dos dereitos humanos son persoas que actúan de maneira pacífica para promoveren e protexeren os dereitos dos individuos e das comunidades de todo o mundo, mesmo fronte a riscos persoais.
Presentamos cunha pequena pincelada a biografía dalgunhas persoas ilustres e moi coñecidas ao longo dos últimos anos, décadas, séculos..., xunto a unha pequena información sobre os artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 e outras leis, así como conceptos clave que vinculan os activistas cos feitos que sucederon.
Os logros conseguidos por eles e elas no seu momento representan loita, enfrontamento, tortura, detencións, encarceramento e transformación, e tamén recoñecemento, admiración e exemplaridade como seres humanos e cidadáns do mundo. Quizá nalgún momento puideron pensar que non poderían cambiar as cousas, as inxustizas que viviron ou presenciaron, pero fixérono.
Non son persoas diferentes a ti; ti podes cambiar as inxustizas ante as situacións que vulneren os dereitos humanos e as liberdades, ante as desigualdades e ante calquera circunstancia onde poidas levantar a túa voz e a túa acción para defendelos.
Se queres saber máis sobre o tema, podes visitar a web de Amnistía Internacional.
Suxestións de uso:
A partir da información que se achega de cada persoa, realizar unha investigación para profundar.
Buscar información do contexto da persoa: época, país, momento histórico, circunstancias etc.
Analizar que outras persoas defenderon o mesmo dereito humano, na mesma ou noutras épocas.
Definir que influencia tivo a loita desa persoa na nosa sociedade actual.
Resultados de aprendizaxe:
Coñecer a historia de activistas de dereitos humanos e o seu papel clave na historia.
Reflexionar sobre as situacións de inxustiza que se viviron en distintas épocas da humanidade.
Recoñecer o que representou a implicación de activistas no cambio de ideas, pensamentos, leis, normas e acordos no mundo.

