Taller participativo sobre cambio climático: manual para facilitadores/as
A emerxencia climática é unha crise de dereitos humanos dunha magnitude sen precedentes. Forma parte da tripla crise planetaria do cambio climático, da contaminación e da perda de biodiversidade. O cambio climático ameaza o desfrute dos dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais das xeracións presentes e futuras e, en última instancia, o futuro da humanidade. Segundo o informe do Servizo de Cambio Climático de Copernicus, da Unión Europea, 2023 foi o ano máis caloroso que se rexistrou xamais.
O quecemento global está a empeorar as ondas de calor e as secas, aumentando os incendios forestais, intensificando as chuvias e xerando tormentas máis violentas, todo o cal pode ter efectos devastadores no medio ambiente, a biodiversidade e os grupos de poboación marxinados. Agora que activistas, movementos sociais e grupos de base están en primeira liña esixindo xustiza climática e loitando por ela, é fundamental que máis persoas se comprometan e adquiran os coñecementos, as habilidades e as actitudes necesarios para comprenderen as complexidades do cambio climático e a forma en que esta crise global vulnera os dereitos humanos.
E, sobre todo, tamén deben sentirse apoderadas para formaren parte da solución e teren a capacidade de actuar de forma significativa contra o cambio climático. Este taller está deseñado para que quen participe nel explore activamente o tema do cambio climático e os dereitos humanos, identifique como afecta a crise climática as súas comunidades e traballe en colaboración para achegar ideas, debater criticamente e propoñer solucións prácticas. Estas solucións poden servir como trampolín para unha acción climática transformadora, apoderando as persoas participantes para conseguiren os mencionados resultados.
Podedes descargar o manual para facilitadores/as nesta ligazón ou nos documentos anexos a este post.
O cambio climático e os dereitos humanos: curso en liña
O manual anterior estivo en desenvolvemento desde a creación do curso sobre cambio climático e dereitos humanos, que lembramos que está dispoñible na nosa academia en liña. Ao terminalo, serás capaz de:
- Explicar detalladamente por que o cambio climático é un tema importante de dereitos humanos.
- Definir e empregar termos e conceptos clave relativos aos dereitos humanos e ao cambio climático.
- Sinalar as numerosas desigualdades relacionadas co cambio climático, incluídas as súas causas e consecuencias nas distintas rexións e realidades demográficas.
- Realizar unha avaliación crítica tanto do apoio mutuo como das posibles tensións entre os dereitos humanos e a acción sobre o cambio climático.
- Distinguir diferentes tipos de medidas para responder ao cambio climático, que protexan e promovan os dereitos humanos.
- Identificar mecanismos, ferramentas e tácticas baseados nos dereitos humanos para conformar a acción climática.
- Analizar as responsabilidades dos estados e as empresas á hora de abordar o cambio climático.
- Cuestionar a hostilidade e a animadversión que sofren os defensores e defensoras dos dereitos ambientais e explicar por que o labor destas persoas é crucial.
- Crear conexións entre os movementos de dereitos humanos e os de xustiza climática.
- Actuar para promover os dereitos humanos e a xustiza climática.
O curso ten unha duración de 5 horas; está dispoñible nesta ligazón.
Unha transición enerxética xusta
Todas as empresas teñen a responsabilidade de respectar os dereitos humanos, mais... que significa isto? Que o mundo precisa dunha rápida transición dos coches propulsados por combustible fósil aos vehículos eléctricos (en 2025, un de cada catro coches en circulación será eléctrico), pero isto nunca debe facerse á conta dos dereitos humanos.
Amnistía Internacional investigou 13 dos principais fabricantes mundiais de vehículos eléctricos para clasificalos en función do ben que demostran o seu compromiso cos dereitos humanos. Isto é o que descubrimos: os pobos indíxenas e as comunidades rurais de Filipinas están a ser obxecto de numerosos abusos contra os dereitos humanos no medio dunha rápida expansión da extracción de níquel, compoñente esencial das baterías de ións de litio. Iso recóllese nun novo informe que pon de relevo o custo humano da crecente demanda mundial de vehículos eléctricos.
Tendes máis información neste vídeo explicativo (en inglés).

