Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

[Translate to Galego:] © Thu Dung Nguyen by Pexels

Blog

10 retos para que as nenas poidan ir á escola en todo o mundo

Por Lola Liceras Ruiz, activista por los derechos de las mujeres y niñas en Amnistía Internacional,

Aínda que a educación é un dereito fundamental que os estados teñen a obriga de asegurar e protexer, estímase que 78 millóns de menores non van á escola; deles, máis de 42 millóns son nenas, debido a que as múltiples discriminacións de xénero condicionan o seu acceso á educación (datos da ONU).

Co gallo do Día Internacional da Nena, as organizacións Amnistía Internacional, Entreculturas, Mundo Cooperante e Save the Children denunciamos dez barreiras ás que se enfrontan as nenas diariamente para poderen estudar, retos que se deben abordar para que o seu porvir non rache.

1. Acabar coa discriminación educativa por seren nenas

Unha estudante afgá toma apuntamentos durante unha clase en liña na súa casa de Cabul (Afganistán), 18 de marzo de 2023. © REUTERS/Sayed Hassib

Na nosa cultura, se cando unha muller casa non é boa nas tarefas domésticas, a familia do marido quéixase, e iso considérase unha vergoña para a familia da nena. Así que a miña tía pensa que é máis importante que aprenda a traballar no campo, limpar e cociñar para non deshonrar a familia cando case, en lugar de ir á clase... Eu quero ir á escola e teño moita sorte de que a miña nai me apoie nisto”.

É o relato dunha nena de 12 anos que vive en Sudán do Sur.

Nakisa é outra moza que vive en Cabul e tiña 16 anos cando viu como os talibán pechaban a súa escola e mandaban as alumnas á casa, aínda que elas se resistiron. Era o 23 de marzo de 2022, xusto o mesmo día que lles prometían que se renovaban as clases, pechadas desde o ano anterior. Uns meses despois, os talibán tamén prohibiron a educación superior. Agora ás nenas e rapazas afgás só lles deixan a opción de vivir encerradas nas súas casas. Afganistán é o único país do mundo onde as nenas teñen prohibida a educación a partir dos 12 anos.

En Irán, as nenas están obrigadas a cubrir o pelo cun veo a partir dos 7 anos. Desde a morte de Masha Aminien setembro de 2022, cando a detivo a “policía da moral” acusada de levar o veo mal posto, foron múltiples as manifestacións contra o réxime autocrático, baixo o lema “Muller, vida, liberdade”. Tamén as nenas se mobilizaron nas escolas, e non é casual que, coincidindo con esta protesta, máis de 13.000 nenas dun centenar de escolas tivesen que ser hospitalizadas por dificultades respiratorias e outros signos de envelenamento por exerceren o seu dereito á protesta e á educación.

Porén, as desigualdades educativas tamén están nos países desenvolvidos, porque a educación ten nesgo de xénero. Nos libros de texto apenas aparecen referencias de mulleres, e menos na ciencia. Que as nenas queiran ser médicas e non aeronáuticas non é espontáneo, e esta segregación educativa tradúcese máis tarde en segregación profesional.

2. Recoñecer a diversidade na escola

É coma se no noso país no nos quixesen”.

Farida, rapaza kuwaití de 15 anos.

Á discriminación educativa polo mero feito de seren nenas súmanselle outras discriminacións que fan intersección co xénero. O goberno de Kuwait non permite que as nenas e nenos bidun, considerados apátridas aínda que nacesen no país, vaian á escola pública e gratuíta, e obrigan as súas familias a levalos a escolas privadas de ínfima calidade.

En países como Malawi, aos nenos e nenas con albinismo négaselles a educación, ademais doutros moitos dereitos. En Guatemala, as nenas e rapazas indíxenas teñen un nivel máis baixo de escolarización porque, en lugar de iren á escola, pasan a súa infancia ocupándose de tarefas domésticas ou traballando. En Eslovaquia e a República Checa segréganse na escola os nenos e nenas romanís.

3. Dereito á escola para nenas e nenos con discapacidade

Os nenos e nenas con discapacidade están en desvantaxe, en cuestións que van desde o acceso á escola ata os libros que as familias lles len na casa; non son escoitados e déixanse atrás, sobre todo en contextos de pobreza.

No mundo hai case 240 millóns de nenas e nenos con discapacidade, que teñen un 47% máis de probabilidades que o resto de non asistir á escola primaria (datos de Unicef). Ademais, teñen entre tres e catro veces máis probabilidades de sufrir violencia física e sexual. A súa situación vulnerable acentúase nas crises humanitarias e nos conflitos armados.

4. Pórlle fin ao matrimonio infantil e aos embarazos temperáns

Nais adolescentes aleitan os seus bebés dentro dun dormitorio da escola secundaria Serene Haven en Nyeri (Kenya), 20 de xaneiro de 2021. © REUTERS/Monicah Mwangi

"Quedei embarazada e non me deixaron ir á escola. Foi inxusto. Non me deixaron ter un futuro".

Testemuño dunha nena de Serra Leoa.

Ata o ano 2020, en Serra Leoa o goberno prohibíalles ás menores embarazadas asistiren á escola e presentárense aos exames. Aínda hoxe mantense esta mesma prohibición en Tanzania e Guinea Ecuatorial.

A probabilidade de que as nenas con nula ou escasa educación casen é ata seis veces maior que no caso das nenas que terminan a educación secundaria.

Segundo informes de Amnistía Internacional, durante a covid-19 aumentaron os casos de nenas que sufriron abusos sexuais e embarazos non desexados. En Suráfrica, máis de 600 nenas de entre 9 e 10 anos deron a luz. En Mozambique, quedaron embarazadas o 14% das nenas menores de 15 anos. En Zimbabwe, case 5000 nenas de ata 17 anos quedaron embarazadas entre xaneiro e febreiro de 2021 e producíronse 1774 matrimonios de rapazas menores de 18 anos.

En Afganistán, os matrimonios precoces e forzados están a aumentar baixo o réxime talibán, debido á crise económica que sofren as familias, á expulsión das nenas do sistema educativo e ao poder talibán que as obriga a casar con eles.

Cada día, en Paraguai dúas nenas menores de 14 anos deixan de ser nenas para se converteren en nais. O país ten a taxa de fecundidade de nenas e adolescentes de entre 10 e 19 anos máis alta de América do Sur. Moitos destes embarazos son consecuencia de abusos sexuais, e máis do 80% suceden no ámbito familiar.

5. Educación afectivo-sexual, saúde e hixiene menstrual na escola

Unha táboa de madeira utilizada para explicar a menstruación e a anatomía feminina vese dentro da oficina de asesoramento dun centro de saúde comunitario na subdivisión de Bahadurganj (Bihar, India), 21 de marzo de 2023. © REUTERS/Anushree Fadnavis

"Eu estudaba, é verdade. Pero cando chegaba a menstruación era un obstáculo. Os profesores mandábanme ao encerado e dábame medo saír por se estaba manchada. Iso creaba problemas cos profesores… Tiña 15 anos cando me rendín”.

Chakupewa Kambaza, 21 anos, República Democrática do Congo.

A educación sexual integral ten un papel fundamental na prevención e a detección temperá de casos de abusos sexuais e na redución da maternidade non desexada. Hai que dotar as nenas de aptitudes e coñecementos para que identifiquen as situacións de violencia sexual e poidan tomar decisións informadas sobre o consentimento ou os anticonceptivos e para previr infeccións de transmisión sexual.

Con todo, o dereito á educación sexual integral e a súa abordaxe na escola vulnérase en países como Perú, Paraguai, Polonia e varios estados dos Estados Unidos, onde se prohibe a educación sexual nos centros educativos.

A saúde e hixiene menstrual é tamén un asunto de saúde pública. Porén, o período menstrual, que debería ser para as adolescentes unicamente o indicador dun adecuado desenvolvemento biolóxico, convértese nun problema que afecta negativamente na súa educación. Segundo datos de The Lancet Regional Health, en países como Bangladesh, India, Indonesia, Xapón ou Nepal, entre un 11% e un 41% das nenas perden clase sistematicamente durante o seu período. En Paquistán, ata un 59% das nenas que inician secundaria acaban abandonando a escola, porque a menstruación é un indicador que sinala que están “listas para o matrimonio”.

6. Non ser utilizadas como arma de guerra nos conflitos

Unha nena mira para a cámara. © REUTERS/Luis Echeverria

Continuamente oio falar de violencia e dáme medo. Teño fillas e é realmente aterrador. Enviei as maiores a estudar nunha zona segura, pero séguenme preocupando”.

Tamara, nai preocupada pola violencia sexual e de xénero tras a invasión deUcraína.

A invasión de Ucraína por Rusia está a ter efectos prexudiciais na saúde mental, física, sexual e reprodutiva das mulleres e as nenas. Ademais, debido ao traslado forzoso e ás deportacións de civís desde as zonas ocupadas por Rusia, hai casos de nenas e nenos separados das súas familias.

Nas zonas de conflito, as nenas teñen un 90% menos de probabilidade que os nenos de ter acceso á educación. En Nixeria, Boko Haram cometeu ataques a escolas e provocou matrimonios forzados de nenas e mulleres novas. En abril de 2014, secuestraron 276 alumnas de ensino secundario. Algunhas escaparon do cativerio e outras foron liberadas, pero continúan producíndose novos secuestros de nenas nas escolas. Para estas nenas, o estigma na súa comunidade é para toda a vida: “Chámannos esposas de Boko Haram e nin sequera deixan que os nosos nenos se mesturen con outros nenos da aldea”, dixo unha das mozas liberadas.

En Iraq, entre 2014 e 2017, o autodenominado Estado Islámico raptou nenas iézidis, escravizounas, violounas, torturounas e obrigounas a combater. Moitas sobreviviron, pero a volta á casa non lle puxo fin ao seu sufrimento: teñen graves problemas de saúde física e mental e non reciben asistencia. Segundo un informe de Entreculturas, en Sudán do Sur as nenas din que viven con medo a ser secuestradas, violadas ou asasinadas e é na escola onde se senten máis protexidas.

O recrutamento de nenas e nenos soldados en moitos conflitos é unha práctica habitual. Son menores de 18 anos, secuestrados na rúa ou mentres xogan ou sacados das escolas ou das súas casas a punta de pistola en presenza dos seus pais e nais. Estímase que arredor do 40% son nenas, que, ademais, son utilizadas como “obxecto sexual”. O estigma social posterior á súa maternidade forzada é permanente.

7. As nenas refuxiadas queren ir á escola

Unha nena sudanesa ferida, que fuxiu do conflito en Darfur, é fotografada no hospital de Médicos Sen Fronteiras en Adre (Chad), o 23 de xullo de 2023. © REUTERS/Zohra Bensemra

Hai que garantir que os nenos e as nenas refuxiados teñan acceso á educación, para que os seus futuros non se perdan”.

Malala Yousafzai, moza paquistaní premio Nobel da Paz, que sufriu un atentado cando ía á escola e que tivo que refuxiarse no Reino Unido.

Case a metade dos máis de 100 millóns de persoas desprazadas pola forza son nenas, nenos e adolescentes que teñen que fuxir dos seus países para escapar das guerras, da pobreza, da violencia e da persecución. Nestas circunstancias, só a metade dos nenos e nenas refuxiados vai á escola e só unha cuarta parte accede ao ensino secundario.

En Myanmar existe unha campaña de limpeza étnica contra a poboación musulmá rohinya, e máis da metade desta poboación foxe a Bangladesh; porén, alí négaselles o dereito á escola aos nenos e nenas rohinyas refuxiados.

A situación tampouco é mellor en Europa, onde algúns dos nenos e nenas refuxiados –son unha de cada catro persoas que piden asilo– levan máis de tres anos sen ir á escola en países de acollida como Grecia ou Serbia.

8. Saír do círculo da pobreza

Gustaríame ir á escola, pero non hai diñeiro. Para min, a mellor axuda sería ir á escola”.

Rapaza de 17 anos que estivo cativa durante catro anos por Boko Haram en Nixeria.

Nos países de ingresos baixos e medios, o 70% das nenas e nenos de 10 anos non saben ler nin comprender un simple conto. Unha de cada tres nenas adolescentes dos fogares máis pobres do mundo non foi nunca á escola; aos nenos e nenas do 20% dos fogares máis ricos asígnaselles case o dobre de fondos para educación que aos do 20% dos fogares máis pobres.

Millares de nenas nos países empobrecidos sofren a dobre carga da escola e das tarefas domésticas, o que as obriga a abandonar as clases temporal ou definitivamente. Estas nenas deben tomar decisións que non se corresponden coa súa idade, pero que determinarán o seu futuro. Poden anhelar ir á escola, pero, á súa vez, a súa contorna social e económica lévaas tamén a pensar que aprender a ler e a escribir é unha meta inalcanzable ou que a educación non é para elas, dadas as poucas oportunidades de autonomía e emprego que ven ao seu redor para as mulleres.

9. Frear o cambio climático

Aos nenos e nenas hai que escoitarnos e hai que ensinarnos a coidar e protexer o medio ambiente, e para iso hai que ver os adultos facendo o que queren que aprendamos, porque se aprende vendo… Pero así, como estamos a destruír o noso medio ambiente, creo que non teremos futuro…”.

Nena de 12 anos, Burundi.

O cambio climático afecta a economía de todos os países do mundo, e, en particular, a dos máis empobrecidos. As nenas e os nenos teñen toda unha vida por diante, mais as privacións derivadas do clima e a degradación ambiental teñen consecuencias negativas na súa saúde e nas súas condicións de vida. En 2020, máis de 800 millóns de nenas e nenos non podían lavar as mans na escola por falta de instalacións básicas.

Os fenómenos extremos relacionados co clima están a provocar cada ano o peche de escolas ou a súa destrución para millóns de nenas e nenos. Cando a infancia e as súas familias deben desprazarse polos impactos climáticos, o risco de abandonar a escola aumenta drasticamente. Mesmo se demostrou que o aumento da temperatura reduce os resultados educativos. Se se manteñen as tendencias actuais, en 2025 a emerxencia climática contribuirá a que 12,5 millóns de nenas cada ano non completen a súa educación, segundo Save the Children.

10. Escolas seguras e libres de violencia

Varias nenas charlan entre elas tras asistiren a unha clase na Academia de Habilidades para Aspirantes Necesitadas (SANA) en Peshawar (Paquistán), 9 de agosto de 2023© REUTERS/Fayaz Aziz

Eu non sei por que me tocou a min, pero, igual que me tocou a min, sei que tamén lle tocou a máis xente dese instituto. E agora cóntoo para que ninguén máis teña que pasar polo que eu pasei”.

Eme, rapaza que sufriu acoso escolar catro anos, no seu novo colexio en España.

As escolas son lugares onde nenas e nenos deben aprender e crecer. No entanto, moitas nenas de todo o mundo van á escola temendo pola súa seguranza. Son agredidas polo camiño, soportan as burlas e os insultos dos seus compañeiros ou son humilladas con rumores difamatorios que circulan por teléfonos móbiles ou internet. Algunhas sofren ameazas de agresión sexual doutros estudantes ou escoitan como profesores lles ofrecen cualificacións máis altas a cambio de favores sexuais. O acoso cibernético está a aumentar e os acosadores poden actuar no anonimato e sen medo a ser identificados nin castigados.

Con demasiada frecuencia, as autoridades escolares responden á violencia nas escolas coa inacción. Cando unha nena denuncia un incidente de violencia, especialmente de violencia sexual, a miúdo xúlgase o seu comportamento, máis que o do agresor. En consecuencia, innumerables nenas non chegan a ir á escola, abandonan os seus estudos ou non participan plenamente nas actividades escolares.

Amnistía Internacional, Save the Children, Entreculturas e Mundo Cooperante esixímoslles aos gobernos e organismos internacionais que pasen dos compromisos á acción.

Este ano 2023 estamos na metade do período temporal fixado para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, un plan de 17 obxectivos –o cuarto é a educación– acordados polos 193 Estados membros das Nacións Unidas en 2015 para que o mundo sexa mellor en 2030. Pero constátase que a este ritmo estamos lonxe de alcanzalos.

Se as nenas das que demos testemuño, e os millóns de nenas coma elas en todo o mundo, alcanzasen en 2030 os retos sinalados aquí (se fosen á escola e a sentisen inclusiva e segura, se puidesen ser nenas e non nais obrigadas, non ser casadas como negocio, nin sufrisen violencia sexual; se lograsen saír do círculo da pobreza, se conseguisen ser mulleres autónomas e tomar decisións con plena independencia), entón poderiamos dicir que os obxectivos da Axenda 2030 se cumpriron.