Desde finais de novembro e durante todo o mes de decembro de 2024, o documental foi proxectado nas aulas, por iniciativa de María Bastos –profesora de Formación e Orientación Laboral (FOL) e coordinadora da Comisión de Igualdade da escola–, a uns 120 alumnas e alumnos de ciclos formativos de Cociña e Servizos en Restauración, pechando o ciclo de proxeccións cun cinefórum, organizado por Pedro Ramos –profesor de FOL– e Helena Fernández –orientadora do centro–, ao que asistiron uns 160 alumnas e alumnos dos ciclos formativos de grao básico de Panadería e Pastelería, así como de Cociña e Servizos en Restauración, e os graos superiores de Turismo. En total, case 300 alumnos e alumnas, a gran maioría do alumnado da quenda diúrna da Escuela Superior de Hostelería y Turismo, reflexionaron, debateron e contribuíron a un cambio cultural e de paradigma sobre as violencias e agresións sexuais a partir do visionamento do documental de Almudena Carracedo e Robert Bahar.
O impacto do visionamento de No estás sola no alumnado, tanto polo estremecedor testemuño das vítimas como pola luz e a esperanza que as reaccións populares, os movementos feministas e sociais e os cambios lexislativos proxectaron cara a un futuro de igualdade e xustiza, facilitou no noso centro a construción de espazos de debate construtivo que nos permitiron aclarar e deconstruír as lóxicas de poder e os privilexios patriarcais e crear, á súa vez, unha conciencia significativa sobre a cultura do consentimento e o anhelo de igualdade.
O podcast sobre No estás sola e o consentimento: A destajo, un exercicio de investigación, análise e concienciación
Paralelamente ás proxeccións, e estimuladas pola organización do cinefórum, un grupo de catro alumnas de 2.º de Axencias de Viaxes e Guía Turística –Beatriz Castaño, Paula Montecino, Naiara Puga e Alejandra Ruiz– propuxeron, coa coordinación do profesor Pedro Ramos, inaugurar o estudio de radio recentemente adquirido na escola cun episodio de podcast sobre o caso de La Manada, a cultura do consentimento e o documental No estás sola. Con este episodio, as alumnas inician o camiño de Voces de la Escuela. El pódcast de la ESHTM (Radio ESHTM).
Unha das partícipes, Naiara Puga, quen ademais realizou as funcións técnicas na mesa de gravación, cóntanos: “Gravar o podcast sobre La Manada, un caso de violación en España que conmocionou o país, foi unha experiencia profundamente educativa, intensa e emocional. Desde o principio sabía que non só estaba a tratar un tema doloroso, senón tamén un tema que merecía un tratamento respectuoso e meticuloso. A investigación foi clave; cada detalle, cada declaración e cada aspecto do caso requirían unha análise coidadosa, para garantir que a información fose precisa e completa, sen caer en sensacionalismos”.
“Foi unha experiencia intensa e reflexiva. Mergullarme nesta historia fíxome valorar a importancia de darlles voz ás vítimas e abordar temas tabús que son esixentes connosco como sociedade. Sentín unha profunda responsabilidade ao transmitir con respecto a gravidade dos feitos, reflexionando sobre como este caso marcou un antes e un despois na loita contra a violencia de xénero. Foi un exercicio de empatía e compromiso que deixou en min o sentimento e a necesidade de loita ante aquilo que nos oprime.”
Ao longo de dúas semanas, traballouse na escaleta do programa, no formato e no ton adecuados e nos textos e a información que se había de transmitir e, de igual maneira, decidíronse e obtivéronse as intervencións de voces de autoridade para darlle un maior rigor e unha maior obxectividade ao contido, co fin de comprender mellor a repercusión social do caso de La Manada, profundar máis nas cuestións legais e xurídicas derivadas do caso e da posterior aprobación da Lei do “Só Si é Si” e afondar no significado do concepto de consentimento. Desta maneira, entrevistouse a Lara Muriel, profesora de Dereito Laboral, así como a coordinadora da Comisión de Igualdade da ESHTM, María Bastos, e obtivéronse as intervencións do historiador José Ángel Romera e das educadoras sociais e expertas en igualdade e xénero Jara Cosculluela e Claudia Brasa.
“Durante a gravación, sentín unha gran responsabilidade ao falar dun tema tan delicado e complexo; ademais, tentei ser consciente de que outras persoas alleas ían escoitalo, polo que me esforzaba por tratar o tema coa empatía que se merecía e dunha maneira obxectiva, xa que o fin era informar e que a xente tivese unha visión neutral e real. Ao longo da produción, experimentei tamén unha mestura de emocións: a indignación ante a brutalidade do caso, a reflexión sobre a xustiza e o poder das narrativas na sociedade, e a gratitude por poderlle dar visibilidade a unha historia tan relevante. O proceso de crear o podcast foi, sen dúbida, un exercicio de enriquecemento, xa que puiden aprender aspectos técnicos sobre como é unha gravación dun programa de radio e como funciona a mesa de mesturas, ademais de aprender máis sobre o caso e estar en continua procura de información para tentar ter o maior coñecemento posible e así poder transmitirlles ben aos oíntes todo o ocorrido. Aínda que non houbo interacción directa cos oíntes durante a gravación, o simple feito de saber que o podcast podería chegar a xerar reflexión e mesmo cambios de perspectiva fixo que cada palabra valese a pena”, recoñece Naiara Puga.

Cartel do podcast “A destajo. La Manada y ‘No Estás Sola’” de ‘Voces de la Escuela. El pódcast de ESHTM’, dispoñible en Spotify.
O resultado é un episodio de podcast de 19 minutos cheo de forza, rabia e paixón, mediante o que desde a Escuela Superior de Hostelería y Turismo de Madrid queremos lanzar un berro de loita, vida e esperanza co que seguir firmemente combatendo as estruturas patriarcais e as culturas machistas baseadas no privilexio, a discriminación, a dominación e a agresión, e co fin de construír un mundo baseado na igualdade e a xustiza social.
“Nestes tempos non podemos esquecernos do lugar de onde vimos e do lugar cara a onde queremos dirixir a nosa loita; tratar, realizar e sobre todo informar e verbalizar un tema como este, dándolle a importancia que merece, sempre vai ser un motivo máis que suficiente para seguir avanzando como sociedade. Foi unha experiencia marabillosa, rodeada de xente aínda máis marabillosa e comprometida coa causa; e toda esa mestura vese reflectida no podcast”. “Gravar o programa foi unha experiencia intensa e emocional. Aínda vendo con anterioridade o documental e coñecendo o caso e todo o que produciu, non podes evitar sentir unha enorme empatía e un firme desexo de cambio como sociedade. Ao final, aínda que foi un reto emocional, síntome moi agradecida pola oportunidade de participar neste podcast que busca crear conciencia e fomentar o cambio, e espero que inspire outros e outras a seguir loitando por el”, conclúen Paula Montecino e Alejandra Ruiz.
Queremos agradecerlle profundamente ao equipo da Rede Educativa de Amnistía Internacional o seu labor esencial na defensa dos Dereitos Humanos, así como, en concreto, o seu apoio didáctico en relación coas proxeccións de No estás sola; tamén a Almudena Carracedo e Robert Bahar pola súa sensibilidade á hora de lles daren voz ás vítimas e por servírennos de inspiración para o noso traballo. Grazas.

