Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
[Translate to gal:] Grupo de cGrupo de rapazas estudantes nun colexio de Serra Leoa © Astrid Chitou/AIhicas estudiantes en un colegio de Sierra...

Grupo de rapazas estudantes nun colexio de Serra Leoa © Astrid Chitou/AI

Blog

A menstruación e outras barreiras á educación das nenas

  • Sabías que hai nenas que teñen que deixar de ir á escola cando teñen a regra? Ou que non poden estudar nin presentarse aos exames por estaren embarazadas? Ou que as adolescentes que sofren matrimonios forzosos teñen máis probabilidades de sufriren abandono escolar? Son só exemplos das barreiras á educación que sofren milleiros de nenas en todo o mundo soamente polo feito de seren nenas.
Vega Alonso, colaboradora de Amnistía Internacional,

A menstruación continúa a ser en moitos países un tabú. Isto, unido á pobreza, ás escasas opcións para acceder a produtos de hixiene menstrual, á inexistencia de lugares para poder cambiarse de maneira hixiénica ou á falta de auga e saneamento nas escolas, fai que moitas nenas opten por quedar na casa durante os días de período, algo que a longo prazo prexudica o seu rendemento académico e afonda o seu malestar emocional, aumentando as posibilidades de abandono escolar.

Varios estudos de organizacións como Unicef denuncian que nalgúns países de África as nenas poden perder unha media de catro días de colexio ao mes durante o seu ciclo menstrual, e no sur de Asia, de entre tres e catro días.

Precariedade menstrual

Detrás destes datos está tamén o que se ten denominado ‘pobreza de período’ ou ‘pobreza menstrual’, unha situación que afecta unha de cada cinco nenas. Os baixos recursos económicos impídenlles ás familias poder comprar produtos adecuados para a menstruación das súas fillas. Esta situación non só atinxe os países máis pobres economicamente falando, senón que é unha realidade en todo o mundo. A falta de recursos obriga a usar trapos, follas secas ou periódicos en lugar de compresas, tampóns ou bragas e copas menstruais.

A chamada pobreza menstrual pon en risco a súa saúde. Ademais, fai que as nenas teñan que quedar na casa e non poidan ir á escola durante os días da súa regra. Para reducir esta ‘pobreza de período’, hai países que baixaron, reduciron ou eliminaron os impostos sobre os produtos menstruais, xa que o prezo de, por exemplo, tampóns ou compresas contribúe a incrementar este tipo de precariedade. Sobre a mesa está considerar o acceso aos produtos de hixiene menstrual como un dereito básico.

En Quenia, Australia, Canadá, India, Malaisia, Uganda, Tanzania, Nicaragua e Trinidad e Tobago e en varios estados de Estados Unidos, estes produtos están exentos de impostos. Escocia converteuse no primeiro país do mundo en ofrecer de forma gratuíta produtos sanitarios relacionados coa menstruación. Ademais, proporciona o seu acceso gratuíto en todas as escolas, colexios e universidades. En 2016, a cidade de Nova York aprobou que todos os colexios públicos dispensasen compresas e tampóns de forma gratuíta nos seus baños, unha iniciativa que ten reducido as taxas de abandono escolar das nenas.

No lado oposto, noutros países parecen todo un luxo. De feito, teñen o mesmo gravame que as xoias, por exemplo. É o caso de Hungría, cun 27% de impostos; Croacia, Suecia e Dinamarca, cun 25%, ou Arxentina, cun 21%.

Os estados da Unión Europea réxense por unha normativa comunitaria que só permite reducir o imposto dos tampóns e as compresas ata o 5%. Alemaña baixouno en 2020 do 19% ao 7%; no Reino Unido é do 5%, e en España o IVE para estes produtos é do 10%, o mesmo que, por exemplo, os eventos deportivos ou os servizos de hostalaría. É dicir, que ten o mesmo gravame parte do noso ocio, ou xestos que decidimos por vontade propia, como tomar un café, que unha necesidade sanitaria como a hixiene menstrual.

Estigma social e tabú

Máis alá da pobreza de período, a menstruación continúa a ser un estigma social. Moitas nenas en todo o mundo séntense avergoñadas cando teñen a regra, por todos os tabús que a rodean. Hai culturas que falan da “enfermidade de sangue”; outras vincúlana co impuro; para algunhas rexións é un “sinal” de que as nenas están listas para o matrimonio ou a actividade sexual, o que as fai vulnerables ao matrimonio infantil e á violencia sexual. Noutras, está directamente prohibido comentalo diante de homes, e na maioría é unha etapa da vida que hai que levar con discreción. Por todo iso, moitas nenas deciden non acudir ao colexio cando teñen a regra. Noutras ocasións, son obrigadas polos seus proxenitores a quedar na casa.

Porén, como pode unha nena que está en pleno proceso de cambio e tentando entender o seu corpo lidar tamén con estes estigmas e presións sociais? Por que en pleno século XXI seguimos a falar en voz baixa da regra, ou contándolles ás agachadas ás nosas amigas que nos veu o período? Lamentablemente, a regra continúa a ser unha etapa biolóxica das mulleres que incomoda socialmente, que está marcada polo secretismo e a sucidade, e que se pretende ocultar en moitas ocasións.

A iso hai que sumarlle a falta de información sobre educación sexual e reprodutiva tanto a nenas como a nenos e ás súas familias. Esta desinformación alimenta mitos e estereotipos, e todo xunto convértese nun cóctel que mingua os dereitos das rapazas, as cales ven danada a confianza en si mesmas e negado o seu dereito a crecer e desenvolverse libres de estigmas. É importante que poidan enfrontarse aos días de período de maneira saudable e segura na súa vida e na escola.

Falta falar con naturalidade da regra nos colexios, rachar todos os estigmas sociais que a rodean, aumentar a formación reprodutiva e sexual e facilitar o acceso aos produtos de hixiene, porque, como dicía Chimamanda: “A regra non é motivo de vergoña. A regra é normal e natural, e a especie humana non estaría aquí se a regra non existise”.

Outras barreiras

Xunto coa menstruación, hai outras causas do abandono escolar das nenas: maior carga doméstica fronte aos nenos, explotación infantil, pobreza económica, matrimonios precoces ou embarazos.

Serra Leoa, Tanzania e Guinea Ecuatorial chegaron a lles prohibir ás nenas embarazadas asistir ao colexio e presentarse a exames. Agora, o goberno de Serra Leoa revogou esta prohibición e quere traballar para integrar os dereitos sobre saúde sexual e reprodutiva no currículo escolar e que se incremente o coñecemento das familias sobre a planificación familiar e os anticonceptivos. Pequenos pasos que demostran que existe un enfoque alternativo e, sobre todo, que a protección dos dereitos das nenas debe estar no centro de toda proposta educativa.