“Estamos aquí para falar de educación, e é xenial ter materias nas que aprendemos valores, pero é a través da práctica e a experiencia como se terminan de integrar eses valores. Ter un Grupo Escolar de Amnistía Internacional é unha grande experiencia e unha gran posta en práctica: espírito crítico, compromiso, xustiza, tolerancia, solidariedade, respecto e responsabilidade son algúns dos valores que levamos grazas a este grupo. Sempre van formar parte de min e do que son e espero que para eles signifique o mesmo”.
– Julieta, ex alumna do Grupo Escolar IES Juan de Herrera.
Como sabedes, Amnistía Internacional é un movemento que dedica boa parte dos seus esforzos á denuncia de vulneracións de dereitos humanos, á visibilización das vítimas, á investigación, á incidencia e á mobilización.
Todas elas son funcións moito máis que necesarias. Os dereitos humanos son á vez un requisito indispensable para a paz e unha consecuencia desta. Agora ben, a ausencia de conflito armado non implica necesariamente vivir en paz.
É aí tamén onde entramos nós: a educación en dereitos humanos é fundamental para cambiar o mundo a medio e longo prazo. Para apoderar as vítimas, fomentar unha cultura de paz e alcanzar unha sociedade xusta e igualitaria.
Ese é o compromiso das persoas que asistimos ao encontro en liña do sábado 5 de outubro, e tamén a principal motivación do Grupo Escolar do IES Juan de Herrera, situado en San Lorenzo de El Escorial, na Comunidade de Madrid.
Puidemos contar coa presenza dun nutrido grupo de alumnas e alumnos do grupo escolar (así como ex-alumnos e ex-alumnas) cunha incansable inquietude e sensibilidade pola promoción e a defensa dos dereitos humanos. Viñeron contarnos que experiencias ou temas os motivaban máis, e faláronnos do dereito á protesta, da mobilización en manifestacións, de Palestina, de defensores e defensoras de dereitos humanos, de pena de morte, dos delitos de odio, do racismo e da xenofobia, da concienciación sobre a importancia da educación en dereitos humanos para o profesorado universitario… Puro ADN de Amnistía Internacional.
Os testemuños das e dos estudantes
Desta maneira, Arturo defende que, “ao final, o cambio ten que vir da educación”. Para el, os pasaclases son unha das opcións máis interesantes, porque permiten “facerlles chegar a mensaxe ao resto de compañeiros” —“e realmente escoitábannos”, engade— e “dar a coñecer a situación do mundo”. Para el, “a frase ‘informarse para informar’ reflicte bastante ben a finalidade do grupo”.
Regala as túas palabras é unha das campañas favoritas de Amnistía Internacional para Sara. Un dos casos que máis a impactou foi o de Bernardo Caal (Guatemala) e o efecto tan positivo que tiveron nel as postais que lle enviaron mentres estaba no cárcere: “Díxonos que as postais lle encantaran, que o animaban a seguir alí no cárcere, coa esperanza de poder saír e poder seguir axudando”. Bernardo, tras saír do cárcere, visitou o instituto IES Juan de Herrera, ao que pertence este grupo escolar. A propia Sara, xunto con outra compañeira, foi quen presentou e dinamizou o acto, ao que convidaron o público en xeral.
Ana S. destacou a visita do grupo ao centro CEAR da súa localidade, na que chegaron a realizar actividades cos propios residentes. Alí escoitaron testemuños de persoas afgás, rusas e ucraínas, entre outros “moitísimos máis testemuños bastante fortes, que un non pode nin comezar a imaxinar como é vivilos”. Ana S. chega a esta conclusión: “os medios de comunicación ofrécennos unha imaxe distante e deshumanizada do refuxiado, e está moi ben ter estes encontros entre nós e xente do instituto con estas persoas (…) para incluílos nos nosos espazos”; tamén conclúe que “moita parte do odio vén por mor da ignorancia”.
Dunha maneira similar, a Mati preocúpanlle enormemente as mensaxes de odio que se atopan pintadas ao redor do seu instituto. “O que máis nos afectou das mensaxes de odio non só é o dano que lle poden causar á persoa, senón a desinformación que teñen. Dáme pena que esta xente non teña nin idea do que está a poñer e non saiba o dano que lle pode causar e canto lle pode afectar a unha persoa”. Non só son pintadas machistas, homófobas ou racistas, senón que chegan mesmo a identificar claramente as persoas contra as que se dirixen as mensaxes. Así, afirma: “rómpeme a alma saber que hai xente tan mala neste mundo, e o único que podo facer de momento é isto” (en relación co seu activismo no grupo escolar).
A Miguel preocúpalle que a situación no Territorio Palestino Ocupado non se estude o suficiente nos institutos “por medo a que se tome por antisemitismo”. “Non pode ser que se crease unha Declaración [Universal] de Dereitos Humanos para protexer as vidas de millóns de persoas” e que agora Israel, tras sufriren os xudeus os horrores do Holocausto, “oprima o pobo palestino”. Miguel tamén nos falou de Chema Caballero, que traballa pola rehabilitación dos nenos soldado e as nenas que sofren a violencia sexual nos contextos de conflito armado, o que dificulta aínda máis a súa rehabilitación.
Para Pedro é fundamental “informar os futuros profesores que nos poidan dar clase para que teñan a posibilidade de incluír no seu temario os dereitos humanos, xa que é educación obrigatoria”. Igualmente, entristéceo a falta de motivación para participar en accións de mobilización, como manifestacións: “moita xente quéixase pero non fai nada”. Para el é moi importante que a xente saia á rúa para manifestarse, para dicir o que pensa, e tamén é algo que hai que fomentar na aula. De aí a importancia de dar charlas a profesores, “para conciencialos”.
Para Ana B., é moi importante que existan grupos de Amnistía Internacional nas universidades, e destaca a importancia de que as mobilizacións universitarias teñan como base os dereitos humanos.
Pola súa banda, Irene destaca que, “como membros do grupo [escolar], ao longo dos anos adquirimos calidades de traballo en equipo, de coñecementos didácticos e de experiencia falando en público, o que nos permite contarlles a outras persoas o que sabemos con rigor e con seriedade, sabendo perfectamente do que estamos a falar”. Así, destaca que puideron ir a un centro de primaria a falar de inmigración e refuxio, ou elaborar talleres para outros institutos sobre conflitos armados, e mesmo acudir a universidades para dar a coñecer o traballo do grupo: “é moi valioso e moi salientable o feito de que esteamos cualificadas desta maneira só asistindo a reunións e participando [no grupo]. Ninguén nos deu unha formación máis aló que o feito de ser membros do grupo e ser activistas”.
Por último, Julieta falou do caso deShujaa Grahame sobre pena de morte, destacando que Shujaa finalmente puido ser posto en liberdade grazas ao activismo dedous estudantesque se interesaron polo seu caso. Ela, xunto co grupo, tivo a oportunidade de compartir espazo con el: “foi moi ilustrativo para moitos. Todas as persoas que estivemos alí, como mínimo, marchamos co coñecemento de que é responsabilidade do goberno ampararnos e non castigar a violencia con violencia, e respectar principalmente o dereito á vida”.
Desta maneira, o que orixinariamente se ideou como un espazo de boas prácticas en materia de educación en dereitos humanos terminouse convertendo, tamén, en todo un encontro inspirador.
Mil grazas ao grupo, polo seu exemplo, o seu compromiso e a súa sensibilidade!
Reflexionando para mellorar o noso traballo en educación en dereitos humanos
Tamén tivemos un espazo de reflexión sobre o traballo da Rede Educativa, para identificar posibles aspectos que nos permitisen facer mellor noso labor. Houbo moito interese, participación e dinamismo, e saíron bastantes ideas interesantes.
Tedes anexado neste ‘post’ un resumo dos principais puntos de mellora que se identificaron. Tamén o tedes neste cartafol da nube, xunto coa gravación do encontro (tanto en vídeo como en audio) e a presentación do calendario educativo deste último trimestre, que tamén vos anexamos neste ‘post’.
Mil grazas a todas e todos, por facerdes deste encontro algo tan enriquecedor! Vémonos nas próximas.
Seguimos.