Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

Portada de Palestina ©Joe Sacco 2014

Blog

Banda deseñada e Dereitos Humanos: unha relación cómplice

Por Juan Ignacio Cortés, colaborador de Amnistía Internacional,

Desde as primeiras tiras ilustradas aparecidas nos xornais norteamericanos a finais do século XIX ata as actuais novelas gráficas de máis de 300 páxinas, a banda deseñada (ou cómic) ten ampliado constantemente os seus recursos e formatos narrativos e os temas abordados nas súas páxinas, deixando claro que pode ser moito máis que un mero entretemento e converterse nunha forma de expresión artística. De xeito explícito ou implícito, moitas obras do cada vez máis amplo catálogo da banda deseñada dispoñible en español e galego teñen que ver cos Dereitos Humanos e son unha excelente escusa para falar deles.

Unha obra mestra

Primeira novela gráfica en gañar un Premio Pulitzer, en 1992, Maus [tamén en galego, publicada por Rinoceronte Editora] é un clásico á altura dos máis importantes documentais sobre o holocausto, como pode ser Shoah, de Claude Lanzmann, ou os grandes relatos sobre o sufrimento humano en tempos de guerra, como Vida y destino, de Vasili Grossman.

Esta novela gráfica narra a historia de Vladek e Anja, os pais de Art Spiegelman, unha das figuras claves do cómic underground norteamericano. Xudeus polacos, os pais do debuxante pasaron innumerables penalidades e desventuras tratando de escapar do destino que a doutrina da solución final establecía para eles antes de acabar sendo deportados a Auschwitz.

Aínda que sobreviviron ao maior campo de exterminio do holocausto ‒máis dun millón de persoas foron executadas nel de forma sistemática, case industrial‒ e emigraron aos Estados Unidos, o horror vivido marcaría as súas existencias e a do seu fillo. Anja suicidaríase en 1968, e Art sempre tería unha relación difícil con Vladek, quen morreu en 1982, pouco despois de que a súa historia comezase a publicarse por entregas na revista Raw, que dirixía Art.

Página interior del cómic Maus

A obra é un extraordinario relato sobre as penalidades vividas polos pais de Spiegelman durante a persecución nazi, e sobre a necesidade de facer memoria do horror, o medo a manter esa memoria viva, a culpabilidade que sentiron os sobreviventes do holocausto por sobreviviren... Son moitos os seus niveis de lectura e as reflexións que se poden extraer dela.

Para subliñar o inhumano de toda a historia, Spiegelman recorreu a un brillante recurso formal, que dá título á obra. Maus significa “rato” en alemán, e, efectivamente, todos os personaxes xudeus son presentados baixo a figura dun rato ‒e, por contra, todos os personaxes nazis son presentados como gatos‒. Quen non coñeza a obra pode pensar que este recurso caricaturesco lle resta fondura. Quen a coñece sabe que non é así. Se Maus non te conmove e non che fai pensar no terror que poden chegar a desatar as persoas, realmente hai algo equivocado en ti e deberías visitar un terapeuta (cousa que Art Spiegelman fixo durante gran parte da súa vida, dígase de paso).

Dous mestres con estilo propio

Comezar falando de Maus é un deses acertos que poden resultar un erro: comín gran parte do espazo deste blog e apenas empecei. Non me entreteño, e paso a falar de dous grandes mestres que crearon estilos moi recoñecibles e mesmo –segundo algúns– un novo xénero literario?, gráfico?: o xornalismo de cómic ou o cómic periodístico.

Falamos de Joe Sacco, un maltés-estadounidense que, ante o inicial fracaso da súa carreira periodística, apostou polo que en principio era unha simple afección ‒a banda deseñada‒ como modo de gañar a vida. Sacco terminaría unindo xornalismo e cómic nunha carreira de éxito que ten recibido numerosos recoñecementos, incluído o American Book Award.

En 1993 comezou a publicarse por entregas Palestina: en la Franja de Gaza [Palestina, na versión galega de Rinoceronte Editora], que narra as penurias a que se ve sometida a poboación palestina recluída neste pequeno territorio, o máis parecido a un xigantesco gueto que se viu tras o holocausto. Desde entón, Sacco ten ido acumulando obras mestras, entre as que destacan Notas al pie de Gaza, a recente Un tributo a la tierra e, para moitos, a máis completa de todas: Gorazde: zona segura [tamén con versión en galego en Rinoceronte Editora].

Portada de Palestina ©Joe Sacco

Esta monumental novela gráfica ‒documentada ata o mínimo detalle, pois, antes de comezar a debuxar, Sacco pasa meses a recoller información sobre o terreo, como calquera bo xornalista‒ conta como Gorazde estivo a punto de sucumbir en 1994 ao pulo das forzas serbobosníacas alzadas contra o goberno multiétnico de Alia Izetbegovic para crear unha Bosnia sometida a Serbia. Ao contrario do que sucedería un ano máis tarde na veciña Srebrenica, onde as milicias serbobosníacas acabaron coa vida de máis de 7000 varóns bosníacos, a intervención internacional detivo o masacre. Hai moito máis Sacco que cortar, mais quedamos aquí.

Como Sacco, Guy Delisle chegou ao cómic un pouco de rebote. Este canadense traballaba para unha empresa de filmes de animación e un día enviárono á cidade chinesa de Shenzen a impartir uns talleres de animación para estudantes chineses. O aburrimento nunha cidade de cuxos habitantes o separaba unha infranqueable barreira idiomática, e a vixilancia das autoridades chinesas, levouno a escribir a súa primeira novela gráfica ‒Shenzen; a obra deste home é tan orixinal como obvios os seus títulos‒. Repetiu a experiencia en Pyongyang [tamén en galego en Rinoceronte Editora], tras un período a impartir talleres de animación na capital de Corea do Norte, e tamén ten documentado as viaxes que fixo acompañando a súa muller, membro de Médicos sen Fronteiras, a países como Myanmar ou Israel.

Portada de Crónicas de Jerusalén ©Guy Delisle

Todas as súas obras están marcadas por unha aproximación aparentemente inxenua e non ideolóxica ás duras realidades con que se atopa. Isto, en lugar de lles restar forza, fainas máis poderosas. Guy Delisle non remarca, non narra desde unha posición previa, mais o que conta é tan evidentemente inhumano e inxusto que nos conmove ata a medula.

Se non podes repasar toda a súa obra e tes que escoller unha, non o dubides: Crónicas de Jerusalén. Esta vez, os xudeus son os culpables e non as vítimas. Mais a conclusión é a mesma: se non sentes indignación, tristeza e compaixón con este cómic, se os debuxos de Delisle non che fan preguntarte de onde nace a inxustiza e a maldade que fan que tantas vidas humanas no planeta carezan de dignidade, deberías visitar un terapeuta.

Unha lista interminable

Volvinme quentar falando destes mestres e debo empezar a pechar este texto cando apenas estou comezando a entrar en materia. A toda présa, déixovos aquí moi breves apuntamentos sobre outras obras de banda deseñada ou novela gráfica que poden servir como forma de enganche para charlar sobre Dereitos Humanos. Se o considerades oportuno, volveremos sobre o tema.

Carlos Giménez, posiblemente o maior debuxante español vivo, ten moitas obras mestras, mais Paracuellos retrata cunha tenra brutalidade as consecuencias da Guerra Civil española para os perdedores da contenda. Dentro da ampla lista de cómics sobre o conflito, El arte de volar é tamén unha gran reflexión sobre a memoria e a desmemoria. A profundidade da obra de Antonio Altarriba (guionista) e Kim (debuxante) non queda atrás con respecto á de Maus.

Un clásico do cómic español que versa explicitamente sobre o tema que nos ocupa é o álbum Los Derechos Humanos, da desaparecida editorial Ikusager, que aínda se pode conseguir en librarías de coleccionista. É unha recompilación de historias curtas sobre distintos artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que reúne as sinaturas dalgúns dos máis grandes debuxantes da historia do cómic: o italiano Milo Manara, o norteamericano Will Eisner ‒creador dun dos personaxes máis famosos da historia do cómic, o detective enmascarado The Spirit‒ e o uruguaio Alberto Breccia, autor do monumental Informe sobre ciegos, tradución visual do texto homónimo do novelista arxentino Ernesto Sábato, unha verdadeira viaxe ás tebras do corazón humano: tebras que provocan feitos como a desaparición, durante a ditadura arxentina, de entre 30 000 e 40 000 persoas.

Algúns cómics relacionados cos Dereitos Humanos son máis reflexivos, ou filosóficos.V de Vendetta, un fito fundamental da historia desta arte, que é froito da colaboración entre o idolatrado guionista Alan Moore e o debuxante David Lloyd, fainos pensar na liberdade e na posibilidade de que a ansia de seguranza da nosa sociedade acabe transformándoa nunha completa distopía. Algo sobre o que nos toca pensar a todos neste delicado momento, temo.

Outros cómics como Persépolis [con versión en galego en Rinoceronte Editora: Persépole], de Marjane Satrapi, nárrannos historias moi concretas. Neste caso particular, esta exiliada iraniana en Francia cóntanos a súa infancia, vivida no contexto da represión imposta polo réxime iraniano do aiatolá Khomeini tras o seu ascenso ao poder en 1979.

Un xeito de pasear polo mundo e pola historia

Son numerosos os cómics que nos permiten repasar a historia de conflitos e loitas sociais ‒demasiado a miúdo unidas a violacións dos dereitos humanos‒ nos máis diversos lugares do mundo, mesmo dalgúns pouco habituados a aparecer polos nosos telexornais. Desde África, Didier Kassaï  cóntanos en Bangui a historia do conflito que asola desde hai anos a vida da República Centroafricana. Ramón Esono cóntanos en La pesadilla de Obi a vida cotiá en Guinea Ecuatorial baixo o réxime ditatorial de Teodoro Obiang Nguema. Seguro que volveremos falar neste blog deste cómic e do seu autor.

Desde América Latina, son moitas as obras que nos falan das veas sempre abertas do continente. En ¡Maldito Allende!, Oliver Bras e Jorge González narran os derradeiros momentos do goberno de Salvador Allende en Chile e o golpe de Estado encabezado por Pinochet. En Rupay, Luis Rossell, Alfredo Villar e Jesús Cossío cóntannos as atrocidades cometidas por ambos os bandos durante o conflito entre o goberno peruano e Sendero Luminoso. Volvendo sobre o tema da ditadura arxentina, El eternautaé unha referencia mítica. A historia duns extraterrestres que invaden Buenos Aires sempre foi lida como unha metáfora da represión. Desde logo, esta foi a interpretación dos militares, que desapareceron o guionista, Héctor Germán Oesterheld.

Portada de El Eternauta ©Norma Editorial

Naturalmente, non todo son historias de desastres. Hai cómics que nos contan as vidas de figuras esenciais na loita polos dereitos humanos, como Nelson Mandela ou Martin Luther King. Obras como Arrugas, de Paco Roca, e María y yo, de Miguel Gallardo [ambas con edición en galego en El Patito Editorial: Engurras e María e mais eu], fannos pensar acerca dos dereitos de colectivos como a terceira idade e as persoas con diversidade funcional na vida cotiá. A marea morada destes últimos anos tamén deu lugar a unha gran cantidade de obras que poderiamos colocar no andel de cómic feminista. Como mostra, un botón: Ana Penyas e Estamos todas bien, obra que a fixo merecedora do Premio Nacional do Cómic.

E ata aquí podemos escribir.