Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

Como viviron as rapazas o 8M?

Vega Alonso, colaboradora de AI España,

Falamos con tres rapazas activistas de distintos colectivos que o pasado 8 de marzo saíron ás rúas para defenderen os dereitos das mulleres e denunciaren a discriminación e as violencias machistas. A súa implicación, a súa forza, a súa seguridade e a súa acción amósannos que hai toda unha xeración moi concienciada coa igualdade, que continuará o traballo das súas predecesoras e que pon unha pincelada de esperanza no futuro.

Laura Espadas. Confederación Estatal de Asociaciones de Estudiantes (CANAE)

Estudante de 1.º de Bacharelato do IES Las Musas de Madrid, Laura Espadas cóntanos que este 8M participou na folga estudantil convocada para este día e na manifestación organizada polo Sindicato de Estudantes baixo o lema ‘Seguen a matarnos e a violarnos!’. “É un día en que é importante saírmos á rúa para reivindicarmos os dereitos que necesitamos para todas e apostar por un feminismo inclusivo”, dicíanos. Laura ten claro que “formar parte da loita feminista é esencial. Non hai outra opción que a igualdade”. Unha loita en que é clave o papel do colectivo de mulleres novas: “somos unha porcentaxe alta da poboación, e coa nosa voz enriquécense todas as loitas e todos os espazos de participación. Debemos ser conscientes e partícipes nas sociedades en que vivimos”.

Laura Espadas participando nun acto do Ministerio de Educación. © Laura Espadas

Forma parte de CANAE desde 2022. “Pedimos que haxa unha igualdade de oportunidades nas aulas, que a formación sexa acorde con iso e que haxa un consenso no claustro en tema de contidos e plans efectivos para frear a discriminación e o machismo das aulas”, asegura Laura.

 

Laura Montoya. Amnistía Internacional

O 8M ten que ser todos os días, pero o 8 de marzo é unha oportunidade de pararmos un día para reivindicar e para tomar conciencia das violencias machistas que sufrimos as mulleres, desde os micromachismos e a desigualdade salarial ata os asasinatos”, explícanos Laura Montoya, activista de Amnistía Internacional desde 2012, cando comezou na Rede de Escolas no seu colexio; ela continuou o seu activismo na universidade e na actualidade no grupo de xente nova de AI. Este 2023 sumouse á manifestación convocada en Barcelona da man de Amnistía Internacional, pondo o foco nos dereitos das mulleres e nenas en Afganistán, que se viron coartados desde que os talibáns tomaron o poder no país. “Non poden participar en espazos públicos nin viaxar sen seren acompañadas por un parente varón; foron excluídas de empregos públicos e prohibíuselles a súa participación en organizacións”, lembra Laura, que engade: “se nos relegan do espazo público, lánzannos a mensaxe de que non formamos parte da sociedade. Temos que loitar por elas, dado que a elas non as están a deixar”.

Este ano tamén participou nunha actividade de divulgación e concienciación no centro en que estuda catalán, sobre as mulleres que deixaron máis pegada nas súas vidas. “Chama a atención ver que a maioría das alumnas fixemos alusión ás nosas nais como referentes e principais coidadoras. Centrámonos en facer visible o labor dos coidados, que moitas veces non se teñen en conta”, explica.

Laura Montoya portando un cartel con lemas sobre consentimento. © Laura Montoya

Yasmina López. Confederación Estatal de Asociaciones de Estudiantes (CANAE)

Aínda que leva anos concienciada coa igualdade e a participar en distintas actividades, este 8 de marzo foi a primeira manifestación á que acudiu Yasmina López, de 16 anos e estudante de 4.º da ESO en Tarragona. As súas amigas e ela decidiron ir todas xuntas despois de que unha semana antes abusasen sexualmente dunha delas. Tamén foron acompañadas por parte dalgunhas profesoras do instituto. “Aínda hai moita desigualdade e seguen a pasar moitas cousas machistas, mesmo dentro do instituto, polo que temos que seguir a traballar pola igualdade”, reivindicaba.

Grupo de manifestantes a portaren unha pancarta na manifestación do Día Contra a Violencia de Xénero. © Yasmina López

Yasmina lembraba con emoción a súa participación na manifestación deste ano, ao ver “tanta xente de distintas xeracións a loitar polo mesmo”. Ademais, cóntanos que na súa clase de filosofía elaboraron traballos e pancartas, que se colgan no centro, cos nomes e as obras de filósofas, “para darlles visibilidade e que se fale delas”. Yasmina terminaba a entrevista para este blog cunha mensaxe de esperanza e con gana de que chegue o próximo 8M para volver saír ás rúas.