Se pensamos en escravitude, a imaxinación váisenos aos filmes do sur dos Estados Unidos sobre plantacións de algodón. Hai uns 150 anos que se aboliu legalmente a escravitude nese país, o 19 de xuño de 1866. No entanto, nos últimos meses non deixamos de ver masivas protestas contra o racismo e a supremacía branca. Un discurso aparentemente antigo.
As últimas noticias dos Estados Unidos encontrámolas rapidamente no noso móbil, o produto final dunha nova forma de escravitude moderna, o traballo infantil. Non estamos falando xa dun tema do pasado, senón dunha realidade moi presente.
A ONU define a escravitude moderna como calquera situación de explotación que “unha persoa non pode rexeitar ou abandonar debido a ameazas, violencia, coerción, engano ou abuso de poder”. E velaí chegamos ao traballo forzoso (traballo doméstico, construción, agricultura), o matrimonio forzado e o traballo infantil.
Unha muller, que di que foi vítima de explotación sexual e se fai chamar Claudia Osadolor para protexer a súa identidade, traballa como xastra despois de recibir capacitación co apoio da organización benéfica nixeriana Pathfinders Justice Initiative na cidade de Benín, Nixeria, o 20 de xullo de 2019. © REUTERS / Nneka Chile
Segundo a Organización Internacional do Traballo, en 2016, máis de 40 millóns de persoas estiveron sometidas a algún tipo de escravitude moderna, entre elas o comercio de persoas con fins de explotación. No caso de explotación sexual, o 99% das vítimas son mulleres e nenas. Porén, segue a facerse pouco por abordar este tema; en España, entre 2013 e 2019, só 1000 das 75.000 persoas que, segundo o goberno, estaban en risco de ser explotadas sexualmente foron identificadas como vítimas de comercio de persoas.
Viaxe pola escravitude moderna
Dos barcos negreiros transatlánticos do século XIX e anteriores, viaxamos ás minas de cobalto do século XXI na República Democrática do Congo, onde se estima que se encontra máis da metade das reservas mundiais deste mineral, presente na case totalidade dos aparellos electrónicos do mundo.
Neste país, o número de nenos e nenas menores de quince anos, e mesmo menores de dez, relacionados coa explotación destes xacementos podería ascender a 40.000. Tal e como denuncia Amnistía Internacional, os nosos aparellos electrónicos conteñen traballo infantil e por tanto escravitude.
Os nenos e as nenas que traballan nas minas deben soportan longas xornadas de traballo, levantan enormes cargas de peso e sofren tanto a estafa dos comerciantes de cobalto como as enfermidades derivadas da inhalación do po deste mineral: fibrose pulmonar, dermatite e sarabullos crónicos.
Un menor traballa en Tilwizembe, unha antiga mina industrial de cobre e cobalto, nas aforas de Kolwezi, no sur da República Democrática do Congo, o 11 de xuño de 2016. © REUTERS / Kenny Katombe
En Qatar, o sistema de explotación kafala, utilizado para monitorizar traballadoras migrantes, outorgou un control excesivo sobre as traballadoras domésticas, ata o punto de lles impedir cambiar de traballo ou saír do país. Calquera intento de fuga é correspondido con acusacións de diferentes tipos de delitos, polo que moitas traballadoras domésticas se ven atrapadas en Qatar sen ingresos e enfrontadas a dilatados procesos xudiciais. Máis da metade das 173.000 traballadoras migrantes que viven en Qatar están empregadas en casas particulares.
Todas e cada unha das 105 traballadoras domésticas con que Amnistía Internacional falou teñen as súas propias experiencias de abusos, mais en moitos casos repítense esquemas similares. Asinan contratos dun máximo de 10 horas de traballo ao día, incluídas horas extras e un día libre por semana; porén, terminan traballando de media máis de 16 horas diarias sen días libres. Moitas afirman que os seus empregadores lles confiscaban o pasaporte e as confinaban no domicilio, e hai testemuños de tratos deshumanizadores: berros e insultos, falta de alimentación adecuada ou obrigación de comer sobras, ou falta de atención médica e de moble onde durmir. Ademais, a nosa organización recolleu tamén testemuños de agresións físicas (esputos, labazadas, violencia), abusos sexuais e, nalgúns casos, violación.
Nesta viaxe, facemos paraxe tamén nos “centros de transformación mediante a educación” ou “de formación profesional” da China, onde Amnistía internacional documentou detencións masivas, vixilancia invasiva, adoutrinamento político e asimilación cultural forzada sen precedentes contra persoas uigures, kazakh e doutras etnias predominantemente musulmás na rexión de Sinkiang.
Estímase que máis dun millón de persoas foron internadas neses centros. A finais de 2019, autoridades chinesas destacaron que todas as persoas que pasaran por estes centros se “graduaran”, lograran un “emprego estable” e unha “vida feliz” coa “axuda do goberno”. A falta de probas que demostren estas afirmacións, así como a falta de transparencia do goberno chinés, incrementaron a preocupación internacional sobre o potencial risco de traballo forzado.
E tamén nos detemos en Iraq, cos cerca de 2000 menores iézidis secuestrados polo grupo armado autodenominado Estado Islámico, torturados, obrigados a combater e violados nun intento de lles borrar calquera tipo de vínculos coas súas orixes para poder controlalos e escravizalos. Ou as mulleres, secuestradas e convertidas en escravas sexuais que unha e outra vez foron vendidas ou regaladas como se de mercadoría se tratase. Moitas quedaron embarazadas a causa das violacións e agora que regresaron á súa comunidade están obrigándoas a se separar dos seus fillos e fillas. Todos sofren unha crise de saúde física e mental, que a súa propia comunidade non sabe como abordar, e que precisa do apoio das autoridades iraquís e da comunidade internacional para que poidan reconstruír o seu futuro.
Un neno participa nun mitin mentres os manifestantes marchan por Central Park West durante os eventos para conmemorar o dezanove de xuño, que lembra a fin da escravitude en Texas, dous anos despois de que a Proclamación de Emancipación de 1863 liberase os escravos noutras partes dos Estados Unidos, no medio de protestas nacionais contra a desigualdade racial, en Nova York, 19 de xuño de 2020. © REUTERS / Andrew Kelly
As boas noticias
Existen precedentes para lles pór fin a estas situacións. Hai algo máis de século e medio, tanto nos EE. UU. como en Europa, a mobilización social e a incidencia política conseguiron darlle fin á escravitude de persoas de cor. A sociedade civil e os seus gobernantes conseguiron ilegalizar un drama moi enraizado na mentalidade da época.
Un ano despois da campaña e o informe This is what we die for de Amnistía Internacional, o goberno da República Democrática do Congo recoñeceu por primeira vez a existencia de traballo infantil nas súas minas, e a presión internacional conseguiu que empresas como Samsung, Apple, Huawei ou Sony comezasen a tomar medidas.
A voz das traballadoras domésticas de Qatar foi escoitada para que o mundo puidese coñecer a súa situación, e agora sabemos da existencia na China de “centros de formación profesional” completamente opacos, dos que esiximos que se aclare o que está a suceder entre as súas paredes. Enunca é tarde para pedir xustiza para os que foron sometidos á escravitude. Corea do Sur e a súa demanda contra o goberno xaponés son a última esperanza para as “mulleres solaz”, as máis de 200.000 nenas e mulleres, maioritariamente coreanas, que foron forzadas a traballar en bordeis xestionados polas forzas armadas xaponesas durante a Segunda Guerra Mundial.
Entre todos, podemos repetir a fazaña de hai 150 anos, mais deberemos facelo xuntos. O que queren as persoas que sofren as novas formas de escravitude moderna é simplemente ser tratadas como seres humanos. Convidámoste a facelo posible: www.actuaconamnistía.es