Durante o mes do Orgullo, rendemos homenaxe a Marsha P. Johnson, unha muller trans afroamericana que deixou unha pegada indeleble na historia do movemento LGBTIQ+. A súa vida, marcada pola loita, a resiliencia e o amor comunitario, converteuse en símbolo de resistencia fronte á exclusión e a violencia.
“Pay it no mind”: unha letra, unha resposta, unha declaración de liberdade
Nacida o 24 de agosto de 1945 en Nova Jersey, Marsha foi desde pequena consciente do rexeitamento social cara á súa identidade. Aos poucos anos de chegar a Nova York, mergullouse nos circuítos drag da cidade, e atopou na arte e na expresión de xénero un acto liberador. Foi entón cando escolleu o nome co que pasaría á historia: Marsha P. Johnson. O “P.” non era unha letra calquera, senón unha declaración política con humor e agudeza. Ante os comentarios ofensivos ou preguntas impertinentes sobre a súa identidade ou a súa aparencia, Marsha adoitaba responder cun elegante desdén: “Pay it no mind” (non lle deas importancia). Esa frase, que podería parecer evasiva, converteuse no seu selo e nunha forma radical de afirmar o seu dereito para existir sen dar explicacións. Nun mundo que tentaba borrala, ese “P.” foi a súa forma de dicir “a miña vida vale e non necesito a túa aprobación”.

Marsha P. Johnson e Sylvia Rivera nunha manifestación nos anos 70. Xuntas fundaron o colectivo STAR para daren apoio e refuxio a rapazas trans sen fogar e outras persoas marxinadas dentro da comunidade LGBTIQ+
De Stonewall ao activismo de rúa
A súa figura volveuse especialmente visible tras os disturbios de Stonewall, ocorridos na madrugada do 28 de xuño de 1969 en Nova York. Aquela revolta, desencadeada por unha redada policial no bar Stonewall Inn, marcou un antes e un despois na loita polos dereitos das persoas LGBTIQ+. Aínda que os relatos difiren e non existe unha versión única sobre que papel desempeñou cada persoa aquela noite, Marsha foi amplamente recoñecida como unha das figuras crave asociadas á resistencia.
Porén, o seu activismo non se limitou a ese momento simbólico e levou a loita ás rúas día tras día, desde as marxes do sistema. Muller trans, negra, pobre e traballadora sexual, tivo que superar múltiples formas de exclusión. Nun contexto no que nin sequera dentro do movemento LGBTIQ+ se recoñecían os dereitos das persoas trans ou racializadas, ela loitou porque non encaixaba nos discursos hexemónicos.
Marsha foi cofundadora xunto a Sylvia Rivera do colectivo STAR (Street Transvestite Action Revolutionaries), que naceu como unha resposta urxente á falta de apoio institucional, familiar e social que sufrían as persoas trans, especialmente as persoas novas racializadas e pobres, que vivían na rúa tras seren expulsadas dos seus fogares.
Marsha e Sylvia fundaron unha organización e crearon un fogar. Converteron un edificio abandonado no Lower East Side de Nova York na STAR House, onde ofrecían comida, teito e protección a quen non tiña a onde ir. Para soster ese refuxio, ambas recorreron ao traballo sexual, unha das escasas opcións de subsistencia dispoñibles para mulleres trans e racializadas nese contexto, mentres coidaban doutras persoas que, coma elas, eran invisibilizadas ou criminalizadas pola sociedade.
STAR foi unha das primeiras organizacións en centrar os seus esforzos nos dereitos das persoas trans e non conformes co xénero, moito antes de que existisen termos como ‘interseccionalidade’ (acuñado en 1989) ou ‘xustiza trans’. A súa existencia foi un acto de amor radical, de resistencia cotiá e de autoorganización comunitaria.
O papel de Marsha na loita contra o estigma do VIH/sida
Marsha P. Johnson tamén foi unha activista fundamental durante a crise do VIH/sida nunha época na que a epidemia se utilizaba para reforzar o odio e a discriminación cara ás persoas LGBTIQ+, especialmente negras e trans. No medio do medo, o abandono institucional e a desinformación, Marsha mantívose firme como figura pública, denunciando o estigma que recaía sobre as comunidades máis vulnerables. Desde o seu activismo, reclamou atención médica, apoio e respecto para as persoas que eran sistematicamente ignoradas. O seu labor axudou a romper o silencio e a humanizar unha crise marcada pola exclusión.

Marsha P. Johnson, figura clave na loita polos dereitos LGBTI+, activista incansable e símbolo de orgullo e resistencia para as persoas trans e racializadas. Foto de dominio público. Autor: Hank O’Neal
Morte sospeitosa e falta de xustiza
O 6 de xullo de 1992, o seu corpo foi achado flotando no río Hudson, poucos días despois de participar na Marcha do Orgullo en Nova York. Tiña 46 anos. A pesar das circunstancias estrañas que rodearon a súa morte —houbo testemuñas que falaron de acoso previo e signos de violencia—, a policía catalogouna rapidamente como suicidio, sen unha investigación adecuada.
Desde o principio, moitas persoas do movemento LGBTIQ+, especialmente activistas trans e achegadas de Marsha, denunciaron que se trataba dun asasinato e que as autoridades non tomaron a súa morte en serio pola súa identidade de xénero, a súa raza e a súa situación de pobreza. A indignación creceu cos anos, convertendo o seu caso nun símbolo da violencia estrutural á que se enfrontan as mulleres trans negras. Dez anos despois, tras a presión de activistas como Mariah López e o labor de visibilización de Victoria Cruz, do Anti-Violence Project, o caso foi reaberto como posible homicidio, aínda que a causa da morte permanece como “indeterminada”. Máis de tres décadas despois, non hai xustiza nin respostas claras.
Da memoria á acción: o compromiso de Amnistía Internacional
A historia de Marsha P. Johnson é un recordatorio urxente das violencias que seguen a sufrir as persoas trans e racializadas en todo o mundo. A súa loita —polo dereito para existir, a expresarse e a vivir con dignidade— segue máis viva ca nunca.
En Amnistía Internacional traballamos para que as voces como a de Marsha non sexan silenciadas, para que ningunha morte quede impune e para que todas as persoas poidan vivir libres de discriminación e violencia, sen importar a súa identidade ou a súa expresión de xénero.
Frases famosas de Marsha P. Johnson
- Non me importa o que digan de min. Non me interesa ser querida por todo o mundo; só me importa ser auténtica e fiel a min mesma.
- A xustiza non pode ser selectiva. Non podemos loitar polos nosos dereitos ignorando a opresión que sofren outras persoas.
- A resistencia é a nosa herdanza. Cada vez que unha persoa sae do armario, somos máis fortes como comunidade.
- Debemos ser visibles. Non debemos sentir vergoña de quen somos.
- Non é suficiente con protestar: debemos traballar activamente polo cambio nas nosas comunidades.
- A nosa existencia é un acto de resistencia, e a través da nosa resistencia cultivaremos a vitoria.
- Nunca subestimes o poder dunha pequena acción para crear un gran cambio.
- Reivindiquemos a nosa historia e os nosos logros. Somos unha parte vital da loita polos dereitos civís.
- Non debemos permitir que a nosa loita se reduza a unha soa causa. O noso obxectivo é a liberación de todas as persoas oprimidas.
- O amor é revolucionario. Amar e ser amados nunha sociedade que nos ensina a odiarnos é un acto de rebeldía.

