É difícil esquecer o que sucedeu nos Sanfermines de 2016. Aquela agresión sexual en grupo reflectiu demasiado ben o inmenso camiño que quedaba (e queda) por percorrer. Non era a primeira vez que os membros de “La Manada” cometían un acto de violencia sexual. Sempre se beneficiaran dunha total impunidade. A vítima daquela agresión en Pamplona foi cuestionada por todo o que facía (e non facía), e perseguida, ata o punto de que se chegou a facela responsable do acto de violencia sexual e durante unha tempada tivo que marchar do país. Foi tachada de mentireira, e eles, de vítimas dunha persecución inxusta que sobredimensionara o que sucedeu.
Un antes e un despois
Un dos avogados da defensa pasou meses e meses a realizar xornadas maratonianas en diferentes televisións, dando a batalla para conseguir impor o seu relato: aquel que dubidaba da vítima, que diluía a responsabilidade dos agresores. Os xuíces non viron violencia nin intimidación, e puñan o foco no comportamento da vítima, non na violencia dos agresores. Houbo unha parte importante da sociedade que consideraba que os membros de “La Manada” non fixeran nada malo, ou polo menos nada tan malo como para que sufrisen a suposta persecución que estaban a sufrir.
Mais tamén houbo unha parte aínda máis importante da sociedade que dixo basta. Que a normalización da violencia sexual debía finalizar. Que había que crer as vítimas. Que o que sucedeu non foi un abuso, senón unha violación. Que había que acabar co silencio, e falar, e contar, e compartir. Que era necesario pór un punto e á parte e cambiar a maneira en que a sociedade, os medios e a xustiza trataban a violencia sexual. E o importante é que se conseguiu. Malia que aínda queda traballo por facer, as vítimas dos agresores sexuais de “La Manada” obtiveron finalmente xustiza, e o caso dos Sanfermines de 2016 marcou un antes e un despois á hora de abordar as violencias sexuais.
Como con outras moitas vulneracións de dereitos humanos, a loita contra as violencias sexuais debe pasar necesariamente pola educación. Unha educación sexual integral que faga entender o que son exactamente as violencias sexuais, que poña o consentimento no centro, que desmonte a cultura da violación, que identifique os riscos dun acceso prematuro e sen control á pornografía, así como a ficción inherente a ela. E, sobre todo, que reflicta a forma en que a violencia sexual transcende todas as persoas en todas as idades, e que todas somos parte imprescindible na súa prevención e na loita contra ela.
Aí é onde entran Almudena Carracedo e Robert Bahar, directora e director da película documental No estás sola: la lucha contra La Manada. Coa idea de que o documental, unha vez gravado e producido, deixaba de ser seu para ser da sociedade, sempre tiveron claro que o filme, máis tarde ou máis cedo, debía chegar ás aulas. E que había que falar, e concienciar, sobre o que se trata nel.
Os encontros escolares con Almudena Carracedo, Robert Bahar e Carlota Álvarez
E así foi. Os días 26 e 28 de novembro, moitísimos estudantes de numerosos centros de moitas zonas do territorio comezaron a conectarse en liña. Desde Asturias ata Cádiz. Desde Navarra ata Alacante. Desde Mallorca ata Cáceres e Badaxoz. Almudena e Robert, xunto con Carlota Álvarez, activista do Movimiento Feminista de Madrid, que tamén participa no documental e que durante os feitos contribuíu á mobilización social que conseguiu a condena do Tribunal Supremo aos membros de “La Manada” por violación, comezaron a responder a toda unha batería de preguntas dos e das estudantes, falando de ti a ti, animando o alumnado a expresar as súas opinións e sensacións. Más de mil estudantes, de máis de corenta centros educativos diferentes, conectáronse entre os dous días.
Como se pode apoiar as mozas que sufriron violencia sexual e non denunciaron? É a denuncia policial a única vía para contar a agresión? Como debe comportarse unha vítima? Que aspectos son clave para educar as xeracións dunha maneira igualitaria e respectuosa?
Está ben que o foco da prevención se poña nas mulleres, para que sexan elas as que teñan que adoptar medidas de autocoidado para evitaren violencias sexuais? É esta a maneira correcta de previr e abordar a violencia sexual contra as mulleres? Cal pode ser o papel dos homes e dos mozos á hora de afrontar e previr a violencia sexual?
E, sobre todo, que é o consentimento, e que pode entenderse como violencia sexual?
Esta é só unha pequena mostra das diferentes preguntas que se puxeron sobre a mesa. Todo iso con moitos obxectivos, pero un fundamental: entender que o consentimento debe ser o centro de calquera tipo de relación, e que todo o que non conte con ese consentimento é un acto de violencia sexual, desde un piropo pola rúa ata unha agresión de alta intensidade. Cremos que conseguimos este obxectivo.
Tendes máis información sobre os encontros neste artigo xornalístico. Lembrade que nunca é mal momento para traballardes este tipo de cuestións nas aulas. Para iso, tendes dispoñible a nosa guía didáctica sobre violencia sexual e consentimento nesta ligazón.
Moitas grazas a todas e cada unha das persoas que fixeron posible estes encontros. Que lograron que todo saíse tan ben e fose tan enriquecedor. Desde Almudena, Robert e Carlota ata os activistas e persoal de Amnistía Internacional.
E, sobre todo, grazas a todos os centros educativos, alumnos, alumnas e alumnes que mostraron tantísimo interese nesta iniciativa desde o principio, que fixeron un grande esforzo para poder asistir (non era fácil, dadas as datas) e que perderon a vergoña para animarse a participar, preguntar e conversar.
Agardamos vervos de novo en próximos encontros.
Seguimos!