Ana Payo-Payo é científica, ambientóloga, oceanógrafa e tamén activista medioambiental. Compaxina a ciencia coa divulgación para acercar o coñecemento científico á sociedade. Comprometida coa igualdade de xéner na ciencia, participou nunha expedición internacional á Antártida con este obxectivo. Actualmente traballa como investigadora en ecoloxía na Universidade de Aberdeen (Escocia). A continuación, amosámoslle a charla que incorpora reflexións sobre a muller e o cambio climático.
Como afecta o cambio climático ás mulleres?
Este fenómeno xerará maior impacto nos grupos que xa de por sí están máis castigados, están en risco de pobreza, teñen menor autonomía ou sofren máis desigualdades. Entre estos grupos están obviamenet as mulleres, que sofren maior discriminación. En varios lugares, sobre todo nos países do Sur, os datos xa están demostrando que o cambio climático vai exacerbar as desigualdades de xénero.
Que papel están xogando as mulleres na loita contra o cambio climático?
O exemplo máis icónico dunha figura de muller nesta loita é o de Cristina Figuerés. Despois dunha cumbre na que parecía que todo estaba perdido, ela foi capaz de inspirar o cambio, a colaboración e conseguir que surxira o famoso Acordo de París. Ela foi dalgún xeito a arquitecta dese acordo. A historia contemporánea xa a ten no seu lugar, pero no seu momento recoñeceráselle aínda máis esa labor poque o que fixo foi realmente difícil.
Ana Payo-Payo, científica, ecoloxista, oceanógrafa e tamén activista ambiental.© Elena Soto
Falta perspectiva de xénero na loita contra o cambio climático?
Se queremos facer fronte a este problema, hai que incluir unha perspectiva de xénero. Usando un símil que utiliza moito Cristina Figuerés, é como se fixésemos unha carreira a pata coxa. Para chegar á meta e alcanzar os obxectivos que temos, necesitamos todas as mans e que as solucións que se propoñan teñan en conta unha pluralidade e diversidade de situacións ás que se enfronta cada persoa. Eu, como muller privilexiada que son, sinto que temos unha responsabilidade con aquelas persoas que non teñen voz e recursos, en moitas ocasións porque as despoxamos deles.
Alén de científica, activista, oceanógrafa, destaca o teu rol divulgador a través de monólogos e charlas.
É parte de como son. Unha ciencia que se fai nos despachos e non xera ningún tipo de impacto na sociedade ten moitas limitacións (e con iso non digo que non teña valor). Moitas veces non nos tomamos o tempo de saír aí fora e contar á xente o que aprendimos. Tamén é certo que os recursos son tan escasos que os científicos teñen que facer de todo: de xestores de proxectos, de periodistas… pero a divulgación ten que estar á fronte da base científica e da toma de decisións.
Un dos obxectivos de Ana Payo-Payo é facer visible a figura das mulleres no campo científico.© Xurxo Mariño
A nivel de activismo, moitas mulleres están traballando para frear o cambio climático pero, en moitas ocasións, reciben críticas ou incluso chegan a recibir ameazas de morte.
A figura da activista en xeral é unha figura, que por visibilizar temas nos que hai diferentes intereses, está exposta a riscos aos que outro tipo de xente non o está. Vimos a violencia que sofren, tanto física como no caso de Berta Cáceres, como virtual no caso de Greta Thunberg. Preocúpame que chamemos ás mulleres á acción pero que logo non lle demos a protección que se merecen. Dalgún xeito, convírteselles en víctimas e, ao mesmo tempo, responsabilízaselles da súa propia traxedia. Por outro lado, ser activista proporciona lexitimidade á figura da muller como comunicadora neste tipo de temáticas e como axente do cambio.
Que obxetivos temos por diante para frear o cambio climático?
O máis ambicioso é alcanzar os niveis de emisión necesarios para que o quecemento global non supere os 1,5 graos centígrados que se estableceu como límite no Acordo de París. Ese xa é un reto moi grande. Ademais, necesitamos exemplos de liderado e gobernanza global onde deixemos de polarizar os debates e busquemos solucións que ao final vannos afectar a todos. Hai que ter en conta que o que facemos nas nosas casas pode ter efectos ao outro lado do planeta.
É posible un futuro sostible?
Sen dúbida. […] Unha mensaxe importante é que cada persoa -parafraseando a Miguel Delibes- ten responsabiliadde no ámbito que xestiona. É dicir, cada persoa pode ter un impoacto enorme dentro do seu espazo: a súa casa, a súa empresa, etc. Cada persoa no seu círculo de actuación debe dar os pasos para reducir as emisións e cambiar a un modelo máis sostible.