Os e as iézidis son unha comunidade que vive na súa maioría no norte de Iraq, aínda que tamén habitan zonas de Irán, Siria e Turquía. Falan o kurmanji, dialecto do kurdo, e practican unha relixión milenaria.
O grupo armado autodenominado Estado Islámico (EI) perseguiunos por consideralos infieis. Unha comisión da ONU cualificou de xenocidio os crimes de guerra e contra a humanidade cometidos polo EI na comunidade iézidi de Iraq entre 2014 e 2017.
Ao capturar unha aldea iézidi, o Estado Islámico separaba sistematicamente as mulleres, as nenas e os nenos pequenos dos homes e os nenos maiores. Os homes e os nenos maiores que se negaban a converterse ao Islam eran executados. Aqueles que se convertían ao Islam eran destinados a realizar traballos forzados.
As nenas e nenos menores de 12 anos adoitaban quedar ao coidado da súa nai, mesmo cando as mulleres eran vendidas como escravas. No entanto, os nenos maiores de 7 anos podían ser trasladados a campos militares para seren adoutrinados e formados como soldados.
“Nunca esquecerei o que me pasou. É unha parte de min, como unha marca. Está aí para sempre. É o peor que lle pode pasar a calquera ser humano, o máis degradante. Cando volvín... ninguén me deu ningún apoio, ninguén me deu a man.”
Sahir, recrutado pola forza polo ISIS á idade de 15 anos
Milleiros de nenos e nenas menores de 12 anos da comunidade iézidi foron raptados, escravizados, torturados, forzados a loitar, violados, asasinados e sometidos a outras significativas violacións dos dereitos humanos.
As nenas e nenos sobreviventes devoltos ás súas familias arrastran problemas de saúde física ou mental e ás veces precisan de longos e custosos tratamentos; algúns non poden falar nin entender o dialecto kurdo das súas familias, que, á súa vez, descoñecen o árabe; non poden volver á escola despois de varios anos de ausencia; e enfróntanse a obstáculos para obter os seus documentos de identidade.
A súa situación agrávase cando o retorno supón o encontro cunha familia descoñecida: porque eran bebés cando os separaron dos seus proxenitores e xa non os coñecen ou porque estes desapareceron e son outros familiares os que os acollen.
Na actualidade, a maioría da comunidade iézidi de Iraq vive en campos para persoas desprazadas. Teñen dificultades para cubrir as súas necesidades básicas e a escaseza de comida é común. Estes campos carecen de adecuadas infraestruturas de hixiene e sanitarias, así como de persoal especializado. Todo iso dificulta enormemente o acceso aos tratamentos que precisan estas nenas e estes nenos retornados, así como a súa integración na comunidade.
Un neno iézidi abrázase á súa familia tras ser liberado do Estado Islámico, o 2 de marzo de 2019. © REUTERS / Ari Jalal
“Vendéronme tantas veces que xa non me lembro. Ao final obrigáronme a casar. Eu era unha nena. Cando regresei non sabía falar kurmanji. Non vou á escola. Agora todo é diferente: a relixión, a vida, todo.”
Randa, 14 anos; sufriu cinco anos de escravitude
Un caso especial é o das fillas e fillos que son froito dunha violación durante o cativerio da nai. De acordo coa tradición relixiosa iézidi, para que un neno ou unha nena sexa considerado membro da comunidade debe ser nacido de nai e pai iézidis, polo que moitas mulleres se viron forzadas a renunciar aos seus fillos. Estes nenos e nenas corren un grave risco de abandono, así como de seren vítimas do comercio de persoas ou doutras violacións graves de dereitos humanos.
A pesar de que se deron importantes pasos para garantir e respectar os dereitos á saúde, á educación, á identidade xurídica e á unidade familiar destes nenos e nenas sobreviventes, a investigación de Amnistía Internacional, cuxo informe publicou no mes de xullo, revela que as autoridades nacionais deben mudar de forma drástica as súas políticas e prioridades para lles garantir ás nenas e aos nenos sobreviventes unha reparación completa pola violación dos seus dereitos e proporcionarlles o apoio que necesitan. Tamén deben garantir a rendición de contas dos membros do Estado Islámico que cometesen delitos consonte o dereito internacional.