Toffiq al-Bihani (que agora asina como Twfyq) estivo detido en Guantánamo e foi unha das persoas polas que Amnistía Internacional traballou intensamente para pedir a súa liberación, así como a de todas as persoas recluídas sen cargo nin xuízo. Agora envíanos esta carta de agradecemento, que queremos compartir contigo. Son palabras moi emotivas.
Estimada Amnistía Internacional:
Salaam a todxs. O meu nome é Twfyq Albyhany (Toffiq al-Bihani), antigo detido 893 de Guantánamo. Hoxe escríbovos como home libre. Hoxe escribo sen un número asociado ao meu nome. Escribo sen medo a escoller as palabras equivocadas. Escribo sen esperar a que alguén aprobe a miña carta. Escribo sen censura. Escribo sen atrasos. Escribo sen preocupacións. Vós escribístesme mentres estaba en Guantánamo.Recibín algunhas das vosas cartas e significaron moito para min. Demostráronme que alguén me vía como un ser humano, non como un terrorista ou un asasino. Quero darvos as grazas polo voso traballo no meu caso. Apoiástesme durante os longos anos de detención. Mencionastes o meu nome cando eu non tiña voz. Mantivestes a presión sobre as autoridades. Lembrásteslle ao mundo que eu seguía alí.
Os vosos informes e as vosas declaracións públicas axudáronme a chegar ata aquí. Tratastes a miña situación con seriedade e respecto. Désteslle esperanza á miña familia. Foi especial ver o meu nome nesas cartas, non só un número de prisión. Agradezo todos os esforzos do voso persoal e dos vosos seguidores. O voso compromiso cambiou a miña vida.
Por favor, non vos esquezades dos que seguen en Guantánamo e dos que loitan tras a súa liberación. Saír de Guantánamo non significa liberdade. A vida despois da liberación adoita ser máis difícil. Grazas por me acompañardes durante os anos máis difíciles. Grazas pola vosa paciencia e a vosa forza. Grazas por crerdes que a miña humanidade e a miña liberdade importaban. Con respecto e gratitude,
Twfyq Albyhany, 27 de novembro de 2025
Desde a apertura de Guantánamo en 2002, Amnistía Internacional ten denunciado repetidamente as violacións de dereitos humanos por parte de Estados Unidos e ten reclamado o peche do centro de detención. Hoxe en día, a loita aínda continúa. Grazas por todo o teu activismo e polo teu compromiso coa Educación en Dereitos Humanos.

![[Translate to Galego:] carteles en la calle con el lema “Close Guantanamo” ©AI](/fileadmin/user_upload/carta_Taffiq.png)