O pasado 16 de decembro de 2022 foi un moi bonito día para o conxunto de Amnistía Internacional en xeral, e de Euskadi e Donostia en particular, e máis concretamente para a súa chamada “Red de Escuelas – Eskola Sarea”. Ese día, ás 10 da mañá, Esteban Beltrán, director da Sección Española de Amnistía Internacional, participou activamente desde Madrid ao longo dunha hora nunha sesión aberta a todos os centros de Formación Profesional de Euskadi (profesorado e alumnado), chamada “Conversación sobre actualidade e dereitos humanos: todo o que sempre quixeches saber sobre os Dereitos Humanos e nunca te atreviches a preguntar”, dentro dun programa máis extenso chamado Valores 4.0.
A, digamos, alma mater do evento é o centro denominado Tknika de Errenteria, un centro de formación de profesores de Formación Profesional de Euskadi co que se puxo en contacto o grupo da Rede de Escolas do Grupo de Donostia de Amnistía Internacional ao coñecer algunhas persoas que traballaban nese centro e nestes aspectos. Este centro punteiro, Tknika, ten a capacidade real e a sobrada posibilidade de conectarse en rede e no mesmo momento con todos os institutos de FP de Euskadi, e coas súas aulas, onde obviamente están presentes profesorado e alumnado. Esta coordinación da man de Tknika supuxo na práctica que Esteban Beltrán puido estar conectado ao mesmo tempo cun mínimo de 50 profesores e profesoras e un total duns 800 alumnos e alumnas, como pouco.
Este moi amplo número de profesores e alumnos é consecuencia do interese que mostraron todos os centros de FP de Euskadi, os seus profesores e o seu alumnado. Hai que manifestar que, ao acabar a actividade (concretamente, ao día seguinte), se lles pasou a todos os asistentes un breve cuestionario para saber a súa opinión, que resultou moi favorable; neste cuestionario, algúns profesores e profesoras indicaron que nas súas aulas se xeraron abundantes debates espontáneos, froito do interese suscitado nas aulas. Os responsables desta actividade de Tknika, persoas ás que coñecemos, mostraron ao finalizar a súa total satisfacción, mesmo emoción contida polo resultado en xeral, polo contido da intervención de Esteban, polo número de participantes, polo interese creado e polas preguntas e intervencións por parte do alumnado.
Os temas tratados foron varios; por citar algúns: o mundial de Qatar, a evasión de impostos, o “dereito á protesta”, a “Lei mordaza”, o valado de Melilla, Irán, Afganistán, Rusia-Ucraína, o internet das cousas, o ciberacoso, a intelixencia artificial, a vulneración da intimidade nas redes sociais, o cambio climático... Hai guerras de “primeira” e de “segunda”? O avance dun país desenvolvido ten que ser á custa da explotación de materias primas e habitantes dos países do terceiro mundo? Que podemos facer nós para non facer minguar os dereitos dos demais?
Esta actividade enmárcase en algo máis amplo; trátase dun proxecto ambicioso:
“Desde Tknika estamos a traballar para que as persoas que se forman nos nosos centros de Formación Profesional de Euskadi sexan excelentes profesionais, pero, ademais, a través da liña de traballo Valores 4.0 queremos formar persoas que nos sexan indiferentes ás inxustizas e sexan capaces de mirar a realidade con sentido crítico. Vivimos nunha sociedade onde todo vai rápido, estamos bombardeados por moitísima información... É difícil estar ben infromados e, ás vecs, acabamos "normalizando" algunhas situacións que talvez nun principio nos impresionaban, pero que acabamos por deixar pasar coma se nada".
O alumnado puido, e así o fixo, falar mediante chat na segunda media hora, de forma que se mantivo un diálogo moi activo e moi interesante. Bonita xornada. Felicidades a todos e todas. Grazas a todos e todas.
É máis, o Grupo de Donostia, na reunión que mantivo a posteriori, valorou moi positivamente a actividade desenvolvida no ámbito da “Red de Escuelas – Eskola Sarea”. Sendo consciente o grupo do resultado desta actividade da man de Tknika e do seu efecto multiplicador en todos os centros de FP de Euskadi, profesorado e alumnado, decidiu pórse en contacto cos responsables de Valores 4.0 de Tknika a comezos de 2023 e, coa antelación suficiente e o tempo necesario, ver de cara ao futuro o tipo de relación e coordinación que se poderá manter, con intención de deseñar e levar a cabo outras iniciativas deste tipo con temas de interese e relatores con capacidade comunicativa probada.Adiante na loita a favor dos Dereitos Humanos! Apúntate!