Sabías que o pobo xitano emigrou cara a Occidente desde a India hai 1000 anos? Sabes cando chegaron á Península ou cales son os principais sinais de identidade da cultura xitana? Sabes que tipo de discriminacións sofren na actualidade ou a que inxustizas foron sometidos en séculos pasados?
O 12 de xaneiro de 2025 cumpríronse 600 anos da chegada da poboación xitana á Península Ibérica. Por ese motivo, este ano foi declarado como o Ano do Pobo Xitano.
Hoxe en día, as situacións de pobreza e exclusión afectan unha importante proporción das familias xitanas, e a mala imaxe social, o rexeitamento e as situacións de discriminación atinxen o conxunto da súa comunidade. Ademais, é de destacar a importancia de abordar o reto educativo que afrontan a infancia e a mocidade xitanas, xa que dúas de cada tres persoas xitanas non obteñen o título da Educación Secundaria Obrigatoria.
Os centros educativos nos que estuda o alumnado xitano –a gran maioría, públicos– presentan unha elevada taxa de concentración de alumnado xitano. Algunhas consecuencias desta segregación son as seguintes:
- Aumenta a estigmatización do alumnado xitano.
- Dificulta a inclusión social.
- Aumenta a conflitividade.
- Limita a calidade do ensino.
Segundo datos do ano 2023, o 40 % do alumnado xitano deixa os estudos ao cumprir os 16 anos, sen obter o título da ESO. Por outra banda, aínda que a taxa de fracaso escolar (mozos de entre 16 e 24 anos que non se graduaron na ESO) mellorou lixeiramente respecto a 2012, esta segue sendo moi superior á da poboación xeral (62,8 % fronte a 4 %). Por último, pero non por iso menos preocupante, un de cada cinco fogares de etnia xitana manifesta que os seus descendentes sufriron discriminación no ámbito educativo.
Por todo iso, e conxuntamente coa Fundación Secretariado Gitano, presentámosvos unha guía didáctica con tres obxectivos:
- Reflexionar sobre os prexuízos ao redor das persoas de etnia xitana.
- Traballar a empatía co pobo xitano e poñer en valor a súa cultura.
- Espertar a curiosidade pola cultura xitana e aprender sobre ela.
Esperamos que a gocedes! Non esquezades enviarnos a vosa avaliación (incluída na guía) sobre esta actividade a equipo.educacion@es.amnesty.org. Con toda seguridade, as vosas achegas axudarannos a mellorar e a manter aquilo que funciona.
Seguimos!

