En tempos de conflito, a educación adquire un papel esencial. Ofrece estabilidade e sensación de normalidade no medio do caos e fomenta a esperanza dun futuro mellor. A pesar das perturbacións da guerra, o dereito á educación persiste.
Este dereito non só existe en tempos de paz; do mesmo xeito que outros dereitos económicos, sociais e culturais, segue vixente mesmo en épocas de axitación profunda. Con todo, a educación adoita ser unha das primeiras vítimas da guerra: as escolas destrúense sistematicamente; alumnado e profesorado poden ser obxecto de secuestros e homicidios; o camiño á escola pode ser perigoso e a idea de aprender acostuma verse eclipsada pola necesidade inmediata de sobrevivir; hai probas de que pode obrigarse ao persoal docente a adoutrinar o alumnado.
Precisamente nestes momentos difíciles, a educación debe protexerse e preservarse. A educación é unha ferramenta fundamental para protexer nenos, nenas, mozos e mozas, apoderalos e darlles esperanza durante os conflitos e a longo prazo. Axuda as comunidades a fortalecerse, a recuperarse e a traballar para lograr unha paz duradeira.
Nas guías educativas “Educación en zonas de conflito” e “Educación: un dereito atacado en todo o mundo” profúndase no dereito á educación durante os conflitos armados e as crises de dereitos humanos.
Resultados de aprendizaxe:
Tomar consciencia da importancia do dereito á educación, mesmo en situacións extremas como os conflitos armados e as crises de dereitos humanos.
Achegarnos aos fundamentos xurídicos e á obriga dos Estados de salvagardar o dereito á educación para nenos, nenas, mozos e mozas en calquera país do mundo.
Investigar como se ataca a educación nas zonas de conflito e examinar de que forma a educación é unha ferramenta poderosa para sentar as bases necesarias para a paz.

