A idea do dereito a un medio ambiente saudable viña debaténdose desde había moitos anos, mais a principal vitoria chegou en 2022, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas o recoñeceu formalmente como dereito humano universal. Este dereito inclúe o acceso a aire puro, a un clima seguro e estable, a auga apta para o consumo e saneamento adecuado, a alimentos sans e producidos de maneira sostible, a un medio ambiente non-tóxico no que vivir, traballar, estudar e xogar, e a unha biodiversidade e uns ecosistemas prósperos. Ademais, implica a protección doutros dereitos, tales como a participación pública e o acceso á información e á xustiza.
Este recoñecemento xorde como resposta ao que as Nacións Unidas cualificaron como tripla crise planetaria —cambio climático, perda de biodiversidade e natureza, e contaminación—; cada elemento desa crise afecta cada vez máis os dereitos humanos en todo o mundo.
O dereito a un medio ambiente saudable está estreitamente ligado a outros dereitos, como son os dereitos á vida, á saúde, á vivenda, á alimentación, á auga, á cultura e á participación. Con frecuencia, os danos ambientais —causados pola contaminación, a inacción climática e o acaparamento de terras— dificultan ou mesmo imposibilitan o gozo destes dereitos fundamentais.
Neste kit de actividades atoparás unha introdución aos dereitos humanos, ao concepto de xustiza climática e á responsabilidade de gobernos e empresas de impedir danos ambientais e protexer os dereitos da poboación. Ofrécense tres actividades para reflexionar acerca destes contidos.
Resultados de aprendizaxe:
Explorar a relación entre os dereitos humanos e a protección do noso planeta e do noso medio ambiente.
Recoñecer as ameazas ás que se enfrontan as persoas que defenden os dereitos ambientais.
Comprender como a inxustiza climática e ambiental agrava as desigualdades.

