O xoves 9 de novembro, no Grupo Escolar de Amnistía Internacional do IES Juan de Herrera tivemos a enorme honra de realizar un acto con Bernardo Caal Xol, profesor indíxena guatemalteco e activista polos DD. HH., excarcerado grazas, en parte, á presión exercida polo noso grupo.
Cando hai unhas semanas soubemos que Bernardo estaba en España contando a súa historia en diferentes actos, decidimos de forma unánime e instantánea que nós tamén queriamos falar con el. Rapidamente comezamos a organizar e preparar este inusual e importante acontecemento: tiñamos menos dunha semana para facer daquel un momento inesquecible. Finalmente, reunimos decenas de persoas no noso salón de actos: profesores, xubilados ou non; alumnos, mesmo da quenda nocturna; pais; amigos/as…
No acto, moderado por dúas alumnas do noso grupo, Bernardo logrou conmovernos, ilusionarnos e animarnos a actuar co seu discurso, sinxelo pero contundente. Expúxonos como se converteu en voceiro de múltiples comunidades indíxenas para a defensa do seu río sacro e fonte de vida, o río Cahabón. Bernardo contou que unha empresa, entón propiedade de Florentino Pérez, instalou ata seis centrais hidroeléctricas que interrompen o curso do río, polo que estas comunidades perderon a súa fonte de recursos.
Bernardo, o único que falaba castelán, comezou a protestar e denunciar a súa situación. Cando se converteu nunha molestia maior, o Goberno de Guatemala condenouno en 2018 a sete anos de cárcere, dos cales cumpriu só catro, grazas ás sinaturas e cartas que esixían a súa liberación, que foron recollidas por Amnistía Internacional. Na charla, tivemos oportunidade de preguntarlle pola súa experiencia no cárcere e sobre o estado en que se atopaba a súa loita, ademais de sobre como podiamos colaborar nela. Os e as asistentes fixéronnos saber o que sentiran durante o acto; as súas impresións resumen a forza, a valentía, a humildade, a proximidade e a contundencia de Bernardo e da súa mensaxe.
“Aos indíxenas, por cosmovisión, ensínasenos desde pequenos a terlle amor ao que nos rodea […], ao que nos dá a natureza, a Nai Terra”.