Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Blog

Coñece as mulleres que fixeron universais os dereitos humanos

Por Vega Alonso del Val (@VegaAlonsoV), colaboradora de Amnistía Internacional,

Tras a Segunda Guerra Mundial, e para evitar que un conflito desta relevancia volvese a repetirse, líderes de todo o mundo sentaron a negociar e redactar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A carta magna da humanidade, que recolle os dereitos que teñen todas as persoas no mundo sen distinción ningunha de sexo, nacionalidade ou clase social, foi aprobada o 10 de decembro de 1948.

As mulleres foron minoría neste proceso de elaboración. Iso si, as achegas de Eleanor Roosevelt, Hansa Mehta, Minerva Bernardino ou Bodil Begtrup garantiron que o texto fose universal e que se incluísen os dereitos das mulleres nunha norma que puña en valor as liberdades e a dignidade humana. Grazas a elas, o mundo é máis xusto e igualitario.

Eleanor Roosevelt

Eleanor Roosevelt. Foto ONU

Eleanor Roosevelt, a forza impulsora

A escritora e ex primeira dama estadounidense desempeñou un papel fundamental na elaboración e aprobación do texto. Foi activista, firme defensora dos dereitos humanos e pioneira do movemento feminista. Mais, antes diso, Eleanor participou na Liga das Mulleres Votantes, na Liga de Mulleres da Unión de Comercio e na División de Mulleres do Partido Demócrata.

En 1946 foi nomeada delegada da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, e converteuse así na primeira muller da historia en ocupar este cargo. Foi presidenta do Comité encargado da redacción desta declaración. Nas súas memorias, relata que traballou día e noite durante dous anos analizando e debatendo palabra por palabra o texto que ela bautizou como “A carta magna da humanidade”.

Esta declaración ía a ser denominada “dos Dereitos do Home”, mais Eleanor Roosevelt considerou que o termo excluía as mulleres e logrou que se titulase “dos Dereitos Humanos”.
 

“A Declaración Universal dos Derechos Humanos ía ser denominada ‘dos Dereitos do Home', mais Eleanor Roosevelt considerou que o termo excluía as mulleres e logrou que se titulase ‘dos Dereitos Humanos’” .

Hansa Mehta

Hansa Mehta. Foto ONU

Hansa Mehta, por unha declaración universal

Esta activista, educadora social, escritora e política defendeu que o texto incluíse unha linguaxe inclusiva. De feito, atribúeselle a ela o logro de mudar, no artigo 1, a frase “Todos os homes nacen libres e iguais” por “Todos os seres humanos nacen libres e iguais”.

Hansa Mehta foi unha gran defensora dos dereitos das mulleres na India. Atribúeselle a ela a aprobación da lei que aboliu o matrimonio infantil. En 1946 presidiu a organización All India Women’s Conference, fundada para promover a educación das mulleres e as nenas. Dous anos máis tarde, foi nomeada delegada da India na Comisión dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas.

Bodil Begtrup

Bodil Begtrup. Foto ONU

Bodil Begtrup, a importancia da linguaxe

Tamén sobre a importancia da linguaxe incidiu a activista dinamarquesa Bodil Begtrup ao conseguir que se cambiase o “todos os homes” por “toda persoa” ou “todos” á hora de referirse no texto ás persoas titulares dos dereitos.

Bodil propuxo tamén incluír os dereitos das minorías no artigo 26, sobre o dereito á educación, mais finalmente as súas ideas non se tiveron en conta.

En 1946 foi unha das principais promotoras da creación da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller. Ademais, de 1946 a 1949 foi presidenta do Consello de Mulleres de Dinamarca.

Minerva Bernardino

Minerva Bernardino. Foto ONU

Minerva Bernardino, a loita pola igualdade

Varios fitos son os que se lle atribúen a esta diplomática dominicana e defensora dos dereitos das mulleres de América Latina e o Caribe. A Minerva débeselle a inclusión de “a igualdade entre homes e mulleres” no preámbulo da Declaración. Ademais, as súas achegas foron esenciais para non esquecer na Carta das Nacións Unidas a mención dos dereitos da muller e a non-discriminación sexual.

Por outro lado, Minerva recolleu a voz do continente latinoamericano no documento e loitou pola incorporación da idea de que os dereitos humanos non fan “distinción por motivos de raza, sexo, idioma ou relixión”.

Marie-Hélène Lefaucheux

Marie-Hélène Lefaucheux. Foto ONU

Marie-Hélène Lefaucheux e a non-discriminación sexual

A esta activista francesa debemos agradecerlle a mención á non-discriminación sexual, clave na loita pola igualdade, no artigo 2 da Declaración:

Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

Marie-Hélène foi unha das principais activistas de dereitos humanos en Francia durante e despois da Segunda Guerra Mundial. Tras a guerra, entrou a formar parte da delegación francesa perante a ONU e axudou a fundar a Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller desta institución, da que foi presidenta desde 1948 ata 1953.

Evdokia Uralova

Evdokia Uralova. Foto ONU

Evdokia Uralova e a igualdade salarial

Tamén no artigo 2, Evdokia Uralova, da República Socialista Soviética de Bielorrusia, xunto con Fryderyka Kalinowska e Elizavieta Popova, fixo fincapé nos dereitos das persoas que viven en territorios non autónomos:

Non se fará distinción ningunha fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio de cuxa xurisdición dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía.

Porén, sen dúbida, a maior loita de Evdokia foi pola igualdade de salarios para mulleres e homes polo mesmo traballo. Un dereito que, grazas a ela, se inclúe no artigo 23:

Toda persoa ten dereito a condicións equitativas e satisfactorias de traballo. [...] Toda persoa ten dereito, sen discriminación ningunha, a igual salario por traballo igual.

Evdokia, defensora dos dereitos das mulleres, política e profesora de historia, foi a relatora da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller perante a Comisión de Dereitos Humanos en 1947.

Begum Shaista

Begum Shaista. Foto ONU

Begum Shaista e a igualdade de dereitos no matrimonio

No seu legado está a incorporación do artigo 16, que versa sobre a igualdade de dereitos no matrimonio, co obxectivo de acabar co matrimonio infantil e forzado:

  1. Os homes e as mulleres, a partir da idade núbil, teñen dereito, sen restrición ningunha por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casar e fundar unha familia, e gozarán de iguais dereitos no referente ao matrimonio, durante o matrimonio e en caso de disolución do matrimonio.
    Só mediante libre e pleno consentimento dos futuros esposos poderá contraerse o matrimonio.

Esta política e diplomática de Paquistán foi delegada da Comisión de Asuntos Sociais, Humanitarios e Culturais da Asemblea Xeral da ONU. Examinou o proxecto da Declaración durante máis de 80 reunións.

Lakshmi Menon

Lakshmi Menon. Foto ONU

Lakshmi Menon e a universalidade dos dereitos

Delegada da India perante a Terceira Comisión da Asemblea Xeral da ONU en 1948, defendeu a universalidade dos dereitos humanos en oposición ao “relativismo colonial”. Esta última proposta negaba dereitos ás persoas que vivían en países sometidos a dominación colonial. Lakshmi defendía que se as mulleres e as persoas sometidas a esta dominación colonial non se mencionaban dunha forma expresa no texto, non se poderían considerar representadas na expresión “toda persoa”.

Ademais, Lakshmi traballou para que a Declaración incluíse a non-discriminación baseada no sexo ao longo de todo o documento. Tamén apoiou que o seu preámbulo incluíse a mención de “a igualdade de dereitos de homes e mulleres”, como defendía Minerva Bernardino.

Un imborrable legadoo

Desde entón continúa a loita polo recoñecemento das mulleres como grupo social determinado e a vulneración dos dereitos humanos por razón de xénero. Para que a violencia e a persecución de xénero –desde a mutilación xenital feminina ata o matrimonio infantil– sexan razóns claras para o dereito de asilo e refuxio. Para que nos conflitos armados a sexualidade non sexa motivo de extorsión e as mulleres non sexan usadas como botín de guerra. Para acabar co tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e laboral. Para avanzar nos dereitos económicos sociais e culturais e na igualdade en todas as súas vertentes.