A educación en dereitos humanos é fundamental para abordar as causas das violacións de dereitos humanos. Serve para apoderar as persoas –e especialmente as vítimas de abusos– para estas poderen defender os seus dereitos, aqueles establecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos que garanten valores humanos fundamentais, como a vida, a integridade física e psicolóxica, a liberdade, a seguranza, a dignidade e a igualdade. Os dereitos humanos protexen da exclusión, da marxinación e do abuso de poder, e axudan a eliminalos cando se producen.
1. Que é a educación en dereitos humanos?
A educación en dereitos humanos permítenos apoderarnos e apoderar a outros para desenvolver os coñecementos, as habilidades e as actitudes necesarios con que promover a igualdade, a dignidade e o respecto na nosa comunidade, na nosa sociedade e en todo o mundo.
Educación en derechos humanos. © Andersen Press
2. Con que fin se imparte educación en dereitos humanos?
O mandato da educación en dereitos humanos é inequívoco: “tes dereito a coñecer cales son os teus dereitos humanos”. O preámbulo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos exhorta a “todas as persoas e todos os órganos da sociedade” a “esforzarse, mediante o ensino e a educación, en promover o respecto a estes dereitos e liberdades”.
Cremos que a educación en dereitos humanos é fundamental para abordar as causas subxacentes das violacións dos dereitos humanos.
Creando un contorno propicio para o pensamento crítico, dáselles espazo ás persoas para que reflexionen sobre os seus propios valores e actitudes e, en definitiva, modifiquen a súa propia conduta.
Serve para previr os abusos contra os dereitos humanos, combater a discriminación, promover a igualdade e fomentar a participación da xente nos procesos de toma de decisións.
3. Existe a obriga de educar as persoas en dereitos humanos?
Si. Toda persoa ten dereito a coñecer, buscar e recibir información sobre todos os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, e debe ter acceso a educación e formación en materia de dereitos humanos.
Os gobernos teñen a obriga de garantir que os seus cidadáns e cidadás poidan aprender sobre os seus dereitos humanos. Así o establecen múltiples instrumentos nacionais, rexionais e internacionais.
4. Que diferenza supón a educación en dereitos humanos?
A educación en dereitos humanos apodera as persoas para reclamaren os seus dereitos.
Garante que os que ocupan posicións de poder coñezan as súas responsabilidades.
Axuda a consolidar o movemento dos dereitos humanos, establecendo entre as persoas conexións baseadas nos seus valores e apoderándoas para que participen na promoción dos dereitos humanos nas súas comunidades e sociedades e en todo o mundo.
5. Hai unha idade mínima para aprender sobre os dereitos humanos?
Non. Toda persoa, en calquera momento da súa vida, ten dereito a coñecer e reclamar os seus dereitos humanos.
Pensamos que as persoas de todas as idades deben poder opinar, de maneira significativa e continua, no referente ao pleno desfrute dos seus dereitos humanos, desde a súa propia comunidade ata o ámbito nacional, e así garantir que os gobernos se ateñen aos seus compromisos, ademais de ter a oportunidade de conectar globalmente para crear sociedades que respecten os dereitos humanos en todo o mundo.
6. Calquera persoa pode educar en dereitos humanos?
Si. Todo o mundo pode practicar a educación en dereitos humanos e aprender dela.
A persoa que imparte educación en dereitos humanos consegue máxima eficacia cando aplica métodos de facilitación e participación para crear ambientes de aprendizaxe construtivos onde se fomenten a liberdade de expresión e a análise crítica.
7. Consideran que é útil educar en dereitos humanos cando existen necesidades básicas como alimentos e auga potable?
Si. A educación en dereitos humanos apodera as persoas afectadas por violacións de dereitos humanos para lles esixiren rendición de contas aos que ocupan posicións de poder e dirixen empresas e gobernos.
Con iso poden conseguir un cambio sustentable a longo prazo e a fin dos círculos viciosos de dependencia que se crean cando abusos como non proporcionar acceso á alimentación e á auga potable non se tratan como violacións de dereitos humanos.