Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
Atardecer no campo de exterminio de Auschwitz

Atardecer no campo de exterminio de Auschwitz. © UN Photo Evan/Schneider

Blog

O horror de Auschwitz e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Por Juan Ignacio Cortés (@JuanICortes), colaborador de Amnistía Internacional,

O 27 de xaneiro de 2021 cúmprense 76 anos da liberación de Auschwitz, o maior campo de exterminio da historia da humanidade.

rredor de 1.100.000 persoas morreron en Auschwitz-Birkenau, o maior campo de exterminio da historia da humanidade. As cámaras de gas e os fornos crematorios chegaron a matar ata 5000 persoas por día. O horror causado polo masacre desempeñou un papel fundamental na adopción, en 1948, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Pasada a medianoite do sábado 27 de xaneiro de 1945, os soldados rusos da división de infantería 322 da fronte ucraína reciben a orde de avanzar. Levan días tentando proseguir o seu camiño cara a Alemaña, mais unha dura resistencia retenos ás aforas de Auschwitz, unha pequena localidade ao oeste de Cracovia.

Aínda que ten tan só 19 anos, Yakov Vincenko é xa todo un veterano da Segunda Guerra Mundial, pois incorporouse ás filas do Exército Vermello en 1941. Ten visto moito en catro anos de duros combates en territorio ucraíno e polaco, mais o que contempla ese amencer horrorízao especialmente.

“Atravesei o primeiro aramado ás cinco da mañá. Estaba escuro. Na sombra, advertín unha presenza. Arrastrábase no barro, ante min. Deu a volta e apareceu o branco duns ollos enormes, dilatados. Estaba perante un morto vivente. Detrás del intuín decenas doutras pantasmas. Ósos móbiles unidos por unha pel seca e envellecida. O aire era irrespirable. Había un cheiro que era unha mestura de carne queimada e excrementos. Avanzamos sen dicir unha palabra”.

Vincenko acababa de traspasar o que moitos cualificarían despois como “as portas do inferno”. Polo enorme campo de Auschwitz-Birkenau deambulaban 2819 sobreviventes, moribundos que non puideran ser arrastrados polas SS a unha enlouquecida fuxida para eliminar as probas do horror. Esta marcha da morte cobraríase a vida dun cuarto dos 60.000 prisioneiros evacuados.

Auschwitz
Entrada ao antigo campo de concentración nazi de Auschwitz. Fotografía: Xiquinhosilva CC BY 2.0

Días despois, fotógrafos e cámaras soviéticos toman as primeiras imaxes dos sobreviventes. Rostros mirrados, case cadavéricos, ollan alucinados á cámara. Decenas de nenos levantan as mangas dos seus deteriorados uniformes de raias para mostrar os números tatuados que eran o seu único sinal de identidade.

Son imaxes espectrais, a pesar de que o paso dos días e a axuda recibida lles permitiron aos internos recuperar algo de humanidade. O día da liberación moitos prisioneiros non foron capaces nin de comer. O comandante Anatoli Shapiro explicará anos despois: “Montamos algunhas cociñas de campaña e preparamos alimentos lixeiros. Algúns deles morreron ao comeren. Os seus estómagos non funcionaban”.

Cinco anos de exterminio: ata 5000 asasinatos diarios

Desde a súa apertura como campo de concentración en 1940 ata a súa liberación a principios de 1945, arredor de 1.300.000 persoas foron deportadas a Auschwitz. Delas, 1.100.000 morreron. A maioría eran persoas xudías, mais había tamén prostitutas, homosexuais, prisioneiros de guerra rusos, xitanos...

Auschwitz converteuse no maior campo de exterminio nazi debido á súa privilexiada posición como nó ferroviario. Vagóns para o trasporte de gando en que viaxaban amoreadas ata 80 persoas trasladaban os prisioneiros e prisioneiras desde Italia, Francia, Hungría, o Báltico, Alemaña e, naturalmente, Polonia.

Moitas eran asasinadas en apenas horas. Ao baixaren, atordadas e esgotadas, eran separadas en dúas ringleiras. As da esquerda, formada polas máis débiles (bebés, embarazadas e persoas anciás, discapacitadas e enfermas), eran encamiñadas directamente cara ás cámaras de gas. Alí, estas persoas eran despoxadas das súas pertenzas e rapadas antes de seren asasinadas con Zyklon-B, un poderoso insecticida que causaba a morte por asfixia.

Sobreviventes de Auschwitz camiñan xunto a un médico da Cruz Vermella

Sobreviventes de Auschwitz camiñan xunto a un médico da Cruz Vermella o día da liberación do campo de exterminio en 1945. Fotografía: Getty Images

Holocausto: ningún pesadelo podería ser peor

Para moitos, esa fin rápida era mellor que a morte a lume manso que vivían os prisioneiros que se consideraban aptos para traballar en distintas tarefas, desde o mantemento do campo ata os traballos relacionados coa execución de millares de persoas, que eran levados a cabo por prisioneiros membros dos Sonderkommandos.

O psiquiatra austríaco Viktor Frankl sobreviviu a Auschwitz e contou a súa experiencia en O home en busca de sentido. Nese libro conta que moitas persoas se botaban contra os aramados electrificados para acabaren co seu sufrimento. Ou deixaban esgotarse as súas escasas forzas para seren conducidas á cámara de gas.

Frankl conta que unha noite o despertaron os horribles alaridos dun compañeiro de barracón, que estaba a ter un pesadelo. Cando ía despertalo, detívoo un pensamento: “Ningún soño, por horrible que for, podería ser peor que a realidade do campo”.

Unha realidade que el mesmo describe así: “O organismo dixería as súas propias proteínas, e os músculos desaparecían. Un tras outro, os membros da nosa pequena comunidade do barracón morrían. Cada un de nós podía calcular con toda precisión quen sería o próximo e cando lle tocaría a el”.

Auschwitz é o símbolo da solución final, o plan nazi para resolver a cuestión xudía que foi o cumio de moitos anos de políticas antisemitas cuxas raíces hai que buscar nos primeiros escritos de Adolf Hitler.

A animadversión e a discriminación antisemita transformaríanse en masacre a raíz da invasión da URSS en xuño de 1941. Alí xurdiron as unidades móbiles de exterminio, os Einsatzgruppen, que fusilaron a decenas de millares de xudeus. En xullo, Hermann Göring autorizou os preparativos da solución final. A Conferencia de Wannsee, desenvolvida en xaneiro de 1942, acabou de definir os detalles do plan.

En total, calcúlase que seis millóns de xudeus foron exterminados en tres anos de loucura xenocida que pasou á historia co nome de Holocausto ou, en hebreo, Shoá –a catástrofe–.

Seleccionando os prisioneiros e prisioneiras

Seleccionando os prisioneiros e prisioneiras á chegada ao campo de concentración de Auschwitz. Fotografía: AP 1944

Manter a memoria: causas e consecuencias do Holocausto

Ao cumprírense 76 anos da liberación de Auschwitz, é importante mantermos a memoria do Holocausto porque, como explicaba en El País Yakov Vincenko: “Nin sequera nós, que o viramos, queriamos crelo. Tentei esquecer durante anos, mais despois comprendín que iso sería converterse en cómplice”.

O 27 de xaneiro de 2019, o secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, alertaba contra a desmemoria con motivo do Día Internacional de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto: “A medida que o número de sobreviventes do Holocausto diminúe, correspóndenos extremar a vixilancia porque... ‘o odio que comeza cos xudeus nunca termina cos xudeus’”.

En palabras da avogada e política francesa Simone Veil, sobrevivente de Auschwitz: “A Shoá foi única na historia, mais o veleno do racismo, o antisemitismo, o rexeitamento do outro e o odio teñen sido ameazas diarias sempre”.

Cando despois da Segunda Guerra Mundial se coñeceu en detalle o sufrimento vivido nos campos de concentración nazis, a xente sentiuse horrorizada. O filósofo alemán Theodor Adorno chegou a dicir que “non é posible escribir poesía despois de Auschwitz”.

A necesidade de non caer na tentación da desesperanza levou á creación da Organización das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948, e á adopción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

A necesidade de non caer na tentación da desesperanza levou á creación da Organización das Nacións Unidas antes mesmo do final da guerra, e, pouco despois, o 10 de decembro de 1948, á adopción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

O seu preámbulo reflicte un sentido mea culpa polo horror vivido: “O descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie aldraxantes para a conciencia da humanidade”.

O artigo 1 era un claro manifesto contra o antisemitismo e calquera tipo de discriminación: “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente uns cos outros”.

Esa promesa de igualdade e fraternidade segue incumprida, mais isto non significa que debamos recoñecer un fracaso. Significa que debemos seguir a camiñar, guiados pola aspiración a unha sociedade máis libre e xusta, cara a ese horizonte chamado utopía. É o mínimo que podemos facer polas vítimas do horror de Auschwitz.