O seu papel apunta á democratización da palabra, dándolles voz aos sectores máis excluídos, que non teñen oco nos chamados medios de masas. Os “nadies”, como os denominaba Eduardo Galeano, encontran aquí o seu espazo para lle mostrar ao mundo todo o que teñen que dicir.
A isto contribúe o tipo de programación que emiten, os voceiros para cada tema, as relacións coa audiencia ou as actividades radiofónicas que realizan en comunidade. Ademais, desta forma foméntase a educación informal que caracteriza estes medios. Apréndense coñecementos técnicos e legais, foméntase a creatividade, apréndese a traballar en grupo, a falar en público e a defender os dereitos propios.
A comunicación participativa e o dereito á comunicación que defenden estas plataformas racha cos modelos lineais de emisor-mensaxe-receptor. Aquí, a audiencia é ao mesmo tempo produtora de programas, portavoz ou directora da emisora.
Outras voces en todo o mundo
As primeiras experiencias encontrámolas en América Latina nos anos cincuenta, impulsadas por unha vocación de denuncia, de loita social, como un espazo para a reflexión, e como unha reacción ante a desigualdade económica, política e social cos dereitos humanos sempre no centro.
En 1947 Radio Sutatenza comezou as súas emisións para a poboación campesiña de Colombia, e en 1949 un grupo de mineiros en Bolivia impulsou a Radio de los Mineros, na loita por mellores e máis xustas condicións de traballo. Tamén comezaron a adquirir un rol de alfabetización, como é o caso de Radio Santa María, na República Dominicana.
Outras emisoras teñen tratado de favorecer o desenvolvemento concienciando sobre violencia de xénero e impulsando a igualdade, como Radio Voz de la Mujer, de Chile, ou o programa Las somos todas, de Radio Libre de Écija; loitando contra a corrupción, protexendo o medio ambiente e traballando pola prevención de desastres naturais a través da radio, como Radio Bálsamo, no Salvador, ou previndo enfermidades e concienciando sobre elas. Foi clave o papel das emisoras comunitarias en Serra Leoa durante a crise da epidemia de Ébola, polo seu labor informativo e de prevención. Durante o furacán Mitch en 1998, foron salvavidas. Encargábanse de coordinar as axudas internacionais e de animar a poboación afectada. Outro exemplo é o de Cholollan Radio, en México, que tenta achegarlle á poboación toda a información sobre a covid-19 e adaptala á lingua náhuatl.
Outras teñen dado protagonismo a colectivos que non teñen o seu sitio noutras grellas de programación. Os nenos, nenas, rapaces e rapazas foron a base de Radio Revista Los Chicos Pilas, en Ecuador. LT22 Radio La Colifata, da Arxentina, traspasou fronteiras poñendo sobre a mesa a importancia da saúde mental. Rapaces e rapazas do Centro Ocupacional Pintor Rosales de Madrid realizan o programa Échale papas en Radio Almenara.
La Voz de los Campesinos, de México, ten como bandeira os dereitos dos pobos indíxenas e a súa identidade cultural. Radio Victoria, no Salvador, recibiu o Premio Nacional á Promoción e Defensa dos Dereitos Humanos en 2019, polo seu papel para conseguir a prohibición da minaría metálica. A súa transformación social vai máis alá da súa comunidade, país ou continente, xa que moitos programas de emisoras comunitarias poden escoitarse por Internet.
O dereito á comunicación que defenden as radios comunitarias é a base para o cumprimento e a protección do resto de dereitos humanos, pois, na medida en que a cidadanía coñeza os seus dereitos, poderá protexelos e defendelos.