Ramón Esono era bastante coñecido polos afeccionados á banda deseñada, mais fíxose internacionalmente famoso tras ser detido polas autoridades de Guinea Ecuatorial en setembro de 2017 en relación cun suposto caso de branqueo e falsificación de diñeiro. Desde o principio, quedou claro que era unha montaxe contra o autor do cómic La pesadilla de Obi, un cáustico retrato da vida baixo o réxime de Teodoro Obiang. A fiscalía retirou os cargos en febreiro de 2018 e foi liberado pouco despois. Tivemos unha conversa apaixonante acerca de banda deseñada, Guinea, liberdade de expresión, rebeldía e activismo. O que segue é un pálido reflexo desa charla.
–Wikipedia di que es “ilustrador, animador audiovisual, blogueiro e autor de historieta”. Con cal desas definicións te identificas máis?
–Identifícome con cada unha delas, dependendo do que se me queira preguntar, mais forman parte dun todo. Se teño que destacar unha, quedo con “debuxante”.
–Recorrer a tantas linguaxes distintas nace dunha gran necesidade de expresarse.
–Si. A min edúcanme na civilización. Sácante da selva, tráente á cidade e envíante ao colexio. O que agora quero contar é precisamente o que pasa no bosque. Así que me expreso de mil maneiras, tantas como formas toma a natureza.
–Cando nace esa necesidade de expresión?
–Miña nai foi encarcerada durante o réxime de Macías e, como tiña que aleitarme, encerráronme con ela. Esa experiencia fai que miñas irmás me digan que son carne de cárcere e carne de rebeldía. Ademais, conforme medro, decátome de que se me dá ben debuxar e de que así podo expresar o que penso.
–A necesidade de expresión vai unida a un sentimento de rebeldía.
–Meu pai era moi severo e pegábame por cousas absurdas. No colexio pegábanme por debuxar. Sempre vivín nunha atmosfera ditatorial, así que supoño que a rebeldía ten que ver con iso. Non me considero ningún heroe. Son un tipo que ve cousas que non lle prestan e o di.
–Lembras cando fixeches o teu primeiro debuxo?
–Non. Gardo un debuxo que fixen nun cadro de meu pai cando tiña uns seis anos, así que debuxo case desde sempre. Logo descubrín Mortadelo e Filemón e outros cómics e pensei: “isto é o que quero facer”.
–Desde ese primeiro debuxo, fixeches de todo, tratando os máis diversos xéneros. Como sabes cando unha idea vai para un lado ou para o outro?
–No meu país non hai unha rede de institucións ou recursos culturais. Moitos dos meus primeiros debuxos eran encargos de ONG. Eu adaptábame ao que me pedían e fun desenvolvendo distintos estilos. Ademais, seguín lendo cómics e recibindo novas influencias. Ao mesmo tempo, dicíame: “non vou copiar a ninguén; teño que encontrar o meu estilo”. Sigo buscándoo.
–Un día xúntaste con dous amigos ecuatoguineanos e facedes un cómic que se chama La pesadilla de Obi, e iso cámbiache a vida.
–O que me ocorreu con La pesadilla é o que lle pode ocorrer a alguén que vai contra un ditador e o ridiculiza nun cómic. Naceu para provocar a Obiang, e a súa reacción levoume ao cárcere.
–Os teus amigos non se atreveron a facer pública a súa identidade, mais a ti non che importou. Un pouco suicida.
–Ben, xa che contaba que a miña rebeldía comezou moi axiña. Os meus amigos Chino e Tenso-tenso non teñen as vantaxes das que eu gozo pola miña familia, o meu grupo étnico ou a miña repercusión internacional.
–Definiríaste como un activista?
–Son un activista porque fago actividades. Como diría Obiang, “son ditador porque dito as normas” (risas). Mais si, quero que a xente tome consciencia dalgunhas cousas.
–Ese activismo levoute a facer actos poeticamente marabillosos, como escribir cómics cos globos baleiros.
–Un centro cultural en Guinea organizou unha exposición dos meus debuxos, mais díxome que había que respectar certos límites. Antes de que eles me censurasen, autocensureime eu, sen decatarme de que isto se convertería nunha denuncia da falta de liberdades do país.
–Cando estiveches preso, moita xente en todo o mundo pediu a túa liberdade.
–Foi unha loucura. Algo que nunca poderei terminar de agradecer. Deume unha fama que non busquei, pero que aproveito para facer ver as causas polas que eu estiven preso e para dicir que o ditador ten que marchar e que os guineanos teñen que poder contar a súa historia.
–Black Beach, o cárcere en que estiveches, ten fama de ser un dos peores de África, mais ti seguiches a debuxar, a dar clases aos internos...
–Non calo nin debaixo da auga. Os internos veñen a min para que lles debuxe cousas. Entón, os militares que me quitaran os bolígrafos comezan a darme material para que debuxe e a pedirme debuxos. Fixemos un taller espectacular.
–Falamos da túa faceta máis activista, mais ti fas moitas cousas. En que andas agora?
–Estou a preparar unha triloxía de cómics que se chama 218. É un cómic de ciencia ficción “á africana”, a historia dunha sociedade secreta que coñece a orixe do cosmos. Intento presentar así a miña historia e a miña cultura, porque se a conto de forma realista resulta incrible.