Espartaco (Spartacus)
Dirixida por Stanley Kubrick, a película narra a rebelión contra Roma dun grupo de escravos encabezado polo gladiador Espartaco. A chamada terceira revolta servil comezou cun intento de fuxida de 200 gladiadores, mais a súa rebeldía serviu de exemplo a millares de escravos (ata 120.000, segundo algunhas estimacións).
Entre o 73 e o 71 a. C., este exército de escravos fuxitivos tivo pendentes as lexións romanas, que, tras moitos apuros, os derrotaron na batalla do río Silaro. Despois dela, gran parte dos rebeldes superviventes foron crucificados.
Todo no filme é monumental: a súa duración (tres horas), o seu elenco (encabezado por Kirk Douglas, secundado por Laurence Olivier, Peter Ustinov ou a gran Jean Simmons) e as súas escenas bélicas (rodadas case na súa totalidade en España).
Mentres que na primeira parte da metraxe se describen as duras condicións en que vivían os gladiadores romanos, escravos obrigados a combater entre si, a segunda parte convértese, grazas ao talento do guionista Dalton Trumbo, nun canto épico á liberdade e a solidariedade.
Cómpre dicir de paso que a aparición de Trumbo nos créditos supuxo a súa volta da clandestinidade, despois de que, tras negarse a declarar en 1947 perante o Comité sobre Actividades Antinorteamericanas do senador Joseph McCarthy, fose condenado ao ostracismo. Outra estupenda película, neste caso sobre a súa vida –Trumbo– é un punto de partida perfecto para debater sobre liberdade de expresión e de pensamento.
Estamos ante unha das obras mestras do cinema político de Konstantinos Costa-Gavras, director de cinema grego afincado en Francia. Baseada en feitos reais, a fita conta como Charles Horman, un activista e xornalista norteamericano, desaparece do seu domicilio de Santiago de Chile tras o golpe de Estado do xeneral Pinochet o 11 de setembro de 1973.
A súa tamén idealista muller e o seu conservador pai tentan descubrir o seu paradoiro, apremando os diplomáticos estadounidenses e o novo goberno chileno e vivindo un verdadeiro descenso ao inferno da represión desatada polo réxime militar, que causou a morte ou desaparición de máis de 3000 persoas e que encarcerou e torturou unhas 40.000.
O filme conta coas magníficas interpretacións dun Jack Lemmon serio como poucas veces se ten visto en pantalla e dunha conmovedora Sissi Spacek. O seu excelente e eléctrico guión logra verdadeiramente retratar o horror causado pola ditadura chilena e revela a complicidade do goberno estadounidense co golpe e con outras ditaduras latinoamericanas da época.
Berra liberdade (Cry Freedom)
Este filme dirixido por Richard Attenborough supuxo unha contribución moi importante ao final do réxime do apartheid en Sudáfrica. Tres anos despois da súa estrea, Nelson Mandela era liberado, para se converter en 1994 no primeiro presidente negro do país.
A fita narra a amizade entre Donald Woods, un xornalista branco, e o activista negro Steve Biko, impulsor do movemento de conciencia negra en Sudáfrica. Tras a morte en prisión de Biko e o seu descubrimento de que foi asasinado, Woods fai todo o posible para dar a coñecer a verdade. Iso custaralle o despedimento, a prisión domiciliaria e, tras unha arriscada fuxida, o exilio.
Ademais das excelentes interpretacións de Kevin Kline e Denzel Washington, o filme contén escenas verdadeiramente dramáticas en que se describen con toda crueza os métodos represivos do apartheid e a miseria da poboación sudafricana negra condenada á segregación.
A película é un excelente punto de partida para discutir sobre temas como igualdade racial; liberdade de expresión, reunión, asociación e movemento; ou tortura ou execucións extraxudiciais, e, nun plano máis positivo, a efectividade dos procesos de organización colectiva e desobediencia civil e a capacidade dos individuos para loitar contra a inxustiza mesmo no contexto máis desfavorable.
Falamos tan só de tres clásicos. Para facermos unha lista de dez, como era a idea inicial, necesitariamos catro publicacións coma esta. Nesa lista preliminar figuraban obras mestras como Matar un reiseñor, Vencedores ou vencidos? ou Los santos inocentes. Iso, sen meternos no campo dos documentais ou dos debuxos animados, sobre os que probablemente volvamos.
Mentres tanto, se estes tres clásicos non vos resultan suficientes e apetécevos máis cinema que fale de dereitos humanos, podedes consultar a base de datos do Festival de Cine y Derechos Humanos de San Sebastián e esta excelente listaxe de filmes sobre dereitos humanos que elaboraron os compañeiros e compañeiras de Amnistía Internacional Cataluña.
Tendes munición (argumental, naturalmente) para un bo anaco.