A COVID-19 provocou unha crise mundial de saúde sen precedentes, ocasionando a morte de máis de dous millóns de persoas. Tamén puxo de manifesto e agravou desigualdades, incluídas as desigualdades de xénero, e afectou desproporcionadamente ás poboacións marxinadas. Levou os gobernos a aplicar medidas que poñen en risco diversos dereitos humanos e, a medida que continúa a se propagar, ameaza con deixar sen traballo á metade da forza laboral do mundo e con sumir na pobreza extrema ata a 150 millóns de persoas máis en 2021.
Estados, empresas farmacéuticas, organizacións intergobernamentais e institutos de investigación de todo o mundo tomaron medidas para desenvolver produtos médicos que poidan previr, diagnosticar e tratar a COVID-19, dando lugar a unha carreira sen precedentes para producir vacinas nun tempo récord. Calcúlase que os gobernos investiron case 20.000 millóns de dólares estadounidenses para acelerar a investigación, fabricación e distribución de vacinas.
Este enorme esforzo mundial contra a COVID-19 podería ser a maior iniciativa de inmunización da historia. Pero á vez formúlanse extraordinarios retos en materia de dereitos humanos, especialmente con respecto á produción das vacinas, a súa distribución, para quen e a que prezo.
A través da campaña mundial #UnPinchazoJusto propoñémosvos facer chegar ás e aos estudantes a idea de que é necesario que haxa vacinas para todo o mundo, e as implicacións de dereitos humanos que teñen para todos nós.
A continuación facémosche unha suxestión. E podes formular e readaptar os recursos no nivel que che pareza oportuno.
Que che propoñemos en educación primaria?
Idade: 10+
Duración: 15 minutos
1. Le a información sobre a campañaUnha picada xusta
2. Proxecta o audiovisual animado sobre vacinas (2:10)
3. Reta ás túas e aos teus estudantes para completar o rosco das vacinas (10 minutos)
Que che propoñemos en educación secundaria?
Idade: 12+
Duración: 50 minutos
1. Le a información sobre a campañaUnha picada xusta
2. Utiliza a presentación dinámica para contar aos teus estudantes as implicacións de dereitos humanos que as vacinas supoñen. (20 minutos)
3. Propón un debate na aula a partir das dúas preguntas que aparecen na presentación
4. Se tendes posibilidade, propoñémosvos organizar unha acción rechamante nalgún espazo visible do centro (entrada, patio, etc)
Debuxade unha xiringa xigante nun papel continuo e colocádea xunto cunha pancarta na que poña UNHA PICADA XUSTA e carteis nos que expliquedes ao voso xeito o que vistes nesta presentación.