Gustaríache crear un Grupo Escolar de Amnistía Internacional no teu centro? Esta guía é o teu punto de partida
Co empurrón adecuado, as e os estudantes poden formar un Grupo Escolar de Amnistía Internacional para defenderen os dereitos humanos alí onde se vulneren, denunciaren as situacións de inxustiza alí onde sucedan, defenderen as vítimas de vulneracións e dárenlles voz, reclamaren que se faga xustiza. Loitaren por un mundo, e un futuro, mellor e máis xusto. E, en definitiva, asumiren a remuda xeracional na defensa dos dereitos humanos.
Moitas veces, a defensa dos dereitos humanos comeza nunha aula. Un libro, unha película ou unha noticia acenden a faísca… e de aí pode nacer un Grupo Escolar. No entanto…
Por onde se comeza? E se o profesorado non se anima? E se o alumnado non responde á primeira?
A nosa nova Guía para profesorado e activistas dálles resposta a todas esas preguntas. Dentro atoparás o que é exactamente un Grupo Escolar, un camiño paso a paso para pólo en marcha, as dificultades máis habituais (con ideas para superalas) e, sobre todo, dous casos reais: un que saíu rodado e outro que custou máis dun curso e varios tropezos antes de callar. Porque non hai unha fórmula máxica, pero si moitas boas prácticas que che poden aforrar desgustos.
Non necesitas ser experta nin experto. Só dar o primeiro paso. E lembra: non estás soa ou só, senón que tes toda a nosa Rede Educativa á túa disposición. Contamos con persoas con moito coñecemento e experiencia na creación e xestión de Grupos Escolares. Estamos aquí para axudarte no proceso, así que non dubides en escribir a redescuelas@es.amnesty.org con calquera cousa que necesites.
Porque o mundo pode cambiar, mais non vai cambiar só.
Seguimos!

