Máis de dous anos despois dos ataques de Hamas no sur de Israel, o mundo segue a ser testemuña dun grao inconcibible de morte e destrución na Faixa de Gaza ocupada. O brutal ataque de Israel contra a poboación palestina de Gaza matou decenas de millares de persoas, borrou da face da terra familias enteiras, arrasou barrios residenciais, destruíu infraestruturas críticas, desprazou forzosamente 1,9 millóns de palestinos e palestinas e provocou unha fame negra que custou a vida de centos de persoas.
Todo isto ten un nome: xenocidio
Durante as operacións militares en Gaza, Israel adoptou políticas e emprendeu accións encamiñadas a causarlle un dano irreparable á poboación palestina de Gaza.
Desde outubro de 2023, Israel ten cometido actos prohibidos na Convención sobre o Xenocidio e teno feito coa intención específica de destruír a poboación palestina de Gaza. Así o recoñece o informe de Amnistía Internacional, centrado en tres dos cinco actos prohibidos pola Convención que Israel cometeu: a matanza de membros da poboación palestina de Gaza, a lesión grave á súa integridade física ou mental e o sometemento intencionado a condicións de existencia que haberían de ocasionar a súa destrución física.
Este padrón xeral de conduta de Israel en Gaza, ao que hai que engadir as declaracións de funcionarios israelís de alto nivel que exhiben intencións xenocidas e unha crecente retórica deshumanizadora e racista contra palestinos e palestinas, sumado a un contexto de apartheid e unha ocupación ilegal, proporcionan evidencia da intención xenocida de Israel.
Israel trata a poboación palestina de Gaza como un grupo infrahumano que non merece dereitos humanos nin dignidade, demostrando así a súa intención de causar a súa destrución física.
Esta horrenda escala de asasinatos e destrución debe servir de chamada de atención para todo o mundo e conducir a un cambio drástico no papel que debe ter a comunidade internacional.
Para ampliares a información sobre o tema, visita a web de Amnistía Internacional
Presentamos catro actividades para levar a cabo en distintos contextos educativos co fin de reflexionar sobre a situación do conflito, sobre o que sucede cos tratados internacionais e sobre cal é o papel das distintas partes implicadas
Resultados de aprendizaxe:
Desenvolver empatía e comprensión, aprendendo a pórse no lugar do outro e a reflexionar sobre a importancia do diálogo para resolver os conflitos.
Comprender como a comunicación e o entendemento poden transformar a dor nunha oportunidade para construír unha vida libre de violencia.
Recoñecer as distintas expresións artísticas como forma de transmitir emocións, sentimentos e coñecementos, espertando a creatividade nas persoas participantes.

