As mulleres sofren discriminación e violencia continuamente, sexa institucionalizada por lei ou na práctica, mesmo en países con leis que garanten a igualdade. E, aínda que se conseguiron avances significativos, en ningún país do mundo se alcanzou a plena igualdade de xénero.
A violencia contra as mulleres é a consecuencia máis estendida e visible da discriminación de xénero e ten múltiples formas. A violencia nas relacións de parella, a violencia sexual, a violación de mulleres e nenas en contextos de guerra ou prácticas como a mutilación xenital feminina son caras dunha violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de selo.
Segundo ONU Mulleres, case unha de cada tres mulleres (30%) en todo o mundo sufriu violencia física ou sexual por parte da súa parella ou violencia sexual por parte doutra persoa nalgún momento da súa vida. Para obteres máis información e datos, consulta a web de Amnistía Internacional.
Neste material presentamos tres actividades diferentes para distintas idades, onde os obxectivos e os contidos se adaptaron a cada ciclo educativo:
1. “Respectámolos ou excluímolos” (a partir de 8 anos), para traballar valores positivos e educar na diversidade de xeito normalizado.
2. “Rachando o silencio” (a partir de 12 anos), para identificar prexuízos e condutas sexistas, promovendo unha cultura baseada na resolución pacífica de conflitos.
3. “Taller de violencia sexual” (a partir de 18 anos), para coñecer a realidade da violencia sexual en España efacer o alumnado partícipe desa realidade.

