Non hai mellor forma que celebrar o Día do Libro que lendo. Aproveitamos esta data para destacar algunhas publicacións que nos permitirán gozar da lectura ao mesmo tempo que afondamos en valores educativos e dereitos humanos, porque ler nos achega a moitas realidades, esperta conciencias e nos converte en persoas máis críticas.
1. Derechos humanos, de Yayo Herrero e Luis Demano. Un volume básico para internarnos no significado dos Dereitos Humanos e nas razóns polas que todas as persoas merecemos ser respectadas, independentemente do noso lugar de nacemento, da cor da nosa pel, do que pensemos ou da persoa a quen amamos.
2. El hombre en busca de sentido, escrito polo psiquiatra austríaco Viktor Frankl, relata a súa propia experiencia como recluso en varios campos de concentración nazi durante a Segunda Guerra Mundial. Todo un relato inspirador de supervivencia, de esperanza e da forma en que a motivación pode salvar o ser humano. “O home non se limita a existir, senón que decide como será a súa existencia, en que se converterá no minuto seguinte” é unha das frases do libro, onde tamén está moi presente a liberdade.
3. Minorías, da activista Desirée Bela-Lobedde. Un ensaio onde a autora conversa con mulleres que viven situacións de discriminación ou que pertencen a unha comunidade marcada polos estereotipos ou os prexuízos. Desirée racha as etiquetas que se lles impoñen ás mulleres xitanas, asiáticas, negras ou migrantes.
4. Una esperanza más poderosa que el mar, baseado en feitos reais, achéganos á dura realidade das persoas refuxiadas sirias. Ademais, recolle a historia de superación de Doaa Al Zamel, refuxiada que sufriu un tráxico naufraxio: foi una das poucas sobreviventes no afundimento dun barco que ía desde Siria a Europa.
5. Cambio climático, de Yayo Herrero e María González. Un libro divulgativo e documentado sobre o cambio climático que responde a preguntas como “que é”, “como chegamos ata aquí”, “como afecta as persoas” e “como podemos frealo”. Ademais, conta con preciosas ilustracións de Berta Páramo.
6. Justicia y dignidad. Este cómic de Amnistía Internacional lévanos ao corazón do Exipto de 2013, dous anos despois da caída de Mubarak. Exipto volvía tomar as rúas para esixir a saída de Mohamed Morsi. Neste contexto, as páxinas deste volume denuncian que a praza Tahrir do Cairo se convertía nun escenario de acoso sexual para as mulleres manifestantes.
7. Yo soy Malala, de Malala Yousafzai e a xornalista Christina Lamb, recolle a historia desta rapaza que foi tiroteada polos talibáns cando tiña 15 anos por defender o dereito á educación das nenas. Malala sobreviviu a este ataque e desde entón non parou de loitar por este dereito para as nenas e as mulleres. Nas páxinas deste libro tamén podemos coñecer a historia da súa familia, desterrada polo terrorismo, e duns proxenitores que apoiaron a súa filla nas súas reivindicacións pacíficas para cambiar o mundo.
8. Rosa Parks. Mi historia. O 1 de decembro de 1955, Rosa Parks, unha muller negra, negouse a ceder o seu sitio a un home branco nun bus segregado en EE. UU. A poboación branca ía diante e a negra detrás. O seu xesto cambiou a historia, iniciouse un boicot aos autobuses de Montgomery (Alabama), e Parks converteuse nunha icona na loita polos dereitos civís. Esta é a súa historia.
9. LGTB para principiantes. O periodista e influencer Daniel Valero, máis coñecido como Tigrillo nas redes sociais, escribe este manual con 100 preguntas e respostas para sabelo todo sobre o colectivo. Valero escribiu tamén El niño que no fui, unha obra autobiográfica que resume o rexeitamento que sufriu na súa infancia e adolescencia.
10. Decidme cómo es un árbol. O poeta Marcos Ana é o preso político que máis tempo pasou en cárceres franquistas, 23 anos. Neste libro relata as súas memorias de vida e de prisión. Todo un canto á esperanza, á liberdade e á solidariedade internacional. Marcos Ana é ademais un dos primeiros presos políticos españoles que Amnistía Internacional conseguiu liberar.
¡Feliz lectura!