Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons
[Translate to Galego:] Ana Bernal-Triviño

[Translate to Galego:] Ana Bernal-Triviño © Private

Blog

A discriminación positiva corrixe situacións de desigualdade e derruba estereotipos

Por Vega Alonso del Val (@VegaAlonsoV), colaboradora de Amnistía Internacional,

Xornalista, profesora da Universitat Oberta de Catalunya, defensora dos dereitos humanos, comprometida, Ana Bernal-Triviño acaba de ser premiada polo Ministerio de Igualdade polo seu labor na erradicación da violencia contra as mulleres. Ten publicado varios libros, entre eles "No manipuléis el feminismo. Una defensa contra los bulos machistas". Con ela falamos sobre a discriminación positiva.

Que é a discriminación positiva?

Son accións dirixidas a reducir prácticas de discriminación en contra de colectivos excluídos e marxinados. A súa función é a de corrixir unha desigualdade. No caso das mulleres, a metade da poboación, prevense accións para tentar corrixir esa situación.

Sobre que desigualdades loita a discriminación positiva?

Un dos maiores exemplos, e o máis cotián que podemos ver, é a disparidade salarial, o que coñecemos como brecha salarial, é dicir, a diferenza do que cobran unha muller e un home por realizaren o mesmo traballo. Moitas veces non vai no soldo base, senón nos complementos que se engaden. Os datos da Oficina Europea de Estatística (Eurostat) recoñecen que en España o 20% das mulleres cobran menos que os homes. Isto impide que esas mulleres se desenvolvan en igualdade de condicións na sociedade, porque, se ti cobras menos, tes menos posibilidades de ter mellores condicións de vida. A longo prazo, tamén repercute na súa xubilación.

Ana Bernal-Triviño, la Mañana de la 1

Ana Bernal-Triviño, la Mañana de la 1, © Javier Herráez

Como xorde o concepto de discriminación positiva?

Nace nos EE. UU. a partir da segregación racial da poboación negra entre a poboación norteamericana. No caso das mulleres, sempre tiveron moito máis difícil, e ségueno a ter, o acceso ao mercado laboral, sobre todo en igualdade de condicións. Seguen sustentando a maioría dos traballos precarios, tanto por sectores como por condicións laborais. Por exemplo, con empregos máis temporais, cobrando menos e con horarios que chegan a limitar o desenvolvemento profesional da muller, porque moitas traballan a media xornada para poderen compaxinalo coas tarefas no fogar e o coidado de familiares. Isto produce dúas situacións. Unha, os chamados “chans pegañentos”, é dicir, o caso de mulleres para as que a situación da casa e os coidados constitúe un potente adhesivo que lles impide progresar nunha profesión. Por outro lado, temos o teito de cristal. Para as mulleres que conseguen estudar, mellorar a súa formación e ter máis méritos profesionais, chega un momento en que non poden avanzar máis, que hai un teito, que é invisible, que lles impide avanzar porque esa escalada de poder en cargos directivos está representada por unha maioría de homes. Isto significa que hai un trato desigual na distribución do traballo.

A discriminación positiva ofrece privilexios ou é equidade?

Non podemos chamar privilexio a algo que consiste en cobrar igual. Non podemos chamar privilexio a algo que fomenta a igualdade de oportunidades, porque non todo o mundo parte da mesma posición. Se ti aplicas unha política, tes que dar unha igualdade de condicións. Sempre poño o exemplo de dúas persoas que non poden ver o que ocorre tras un muro de dous metros de altura. Se eu lles dou a cada unha un banco de 30 cm para que suban, podo pensar que estou sendo igualitaria, pero cometo o erro de non prever de antemán unha desigualdade de partida, posto que cada persoa ten unha diferente altura. Se unha mide 1,85 m e outra 1,50 m, para que as dúas cheguen ao mesmo fin –que é ver por riba do muro– tería que lle dar un banco máis alto á segunda persoa. Isto non é discriminar, senón dar as mesmas oportunidades, e que as dúas persoas cheguen ao mesmo obxectivo. O seu punto de partida é desigual. Se os datos estatísticos nos din que a muller está nunha situación de inferioridade no mercado laboral e con condicións laborais peores, significa que temos que corrixir esa situación.

Cales son as principais vantaxes da discriminación positiva?

Cando vemos imaxes, por exemplo, do inicio do curso do Consello Xeral do Poder Xudicial ou doutras institucións, encontrámonos cunha representación irreal, en que eses postos de poder están en mans de homes. A discriminación positiva termina confirmando unha representación real do mundo. As súas vantaxes serían esta representación real, favorecer a creación de referentes para os dous sexos, contribuír a derrubar estereotipos, equiparar roles e demostrar que as mulleres teñen a mesma capacidade de desenvolver traballos en igualdade de condicións. Permite tamén formar unha equidade real, e, sobre todo, permite mellorar as condicións de vida desas persoas que son excluídas, neste caso do mercado laboral, por unha cuestión que non ten que ver coa súa formación ou méritos, senón que vai en función do sexo.

Unha das mentiras que tenta rachar no seu libro é a que di “as cotas son un problema e non a solución”. Como a desmontamos?

O problema non son as cotas. O problema é que existe unha posición histórica de desigualdade da muller no marco laboral e noutros moitos. O problema é o machismo e unha estrutura patriarcal. As cotas non son un factor de discriminación. O propio Tribunal Constitucional en España manifestouse a favor do establecemento de cotas, sinalando que non vulnera o artigo 14 da nosa Constitución nin o cumprimento de que non haxa discriminación en canto a sexos porque precisamente tenta corrixir unha situación de desigualdade.

Hai voces críticas que din que a discriminación positiva xera máis desigualdade ou que é paternalista. Como valoras estes argumentos?

Son as típicas voces das persoas do patriarcado e o machismo que se benefician desa situación de poder en que non cuestionaron que parten dunha situación de vantaxe e senten como unha ofensa ou ataque a aplicación deste tipo de medidas para corrixir a discriminación. Son medidas que non poden xerar máis desigualdade cando xusto o que van corrixir é unha desigualdade de partida. O que non é natural é a orde de partida que temos. Tampouco é paternalista. Case é máis paternalista ter que depender do visto e prace de homes que moitas veces no mercado laboral teñen menos currículo que as mulleres ás que están entrevistando.

Non debería haber debate sobre “cotas si” ou “cotas non”?

Se hai xente que segue sen comprendelo nesta sociedade, pode habelo. O tema é que realmente non impidan o desenvolvemento e a práctica de leis. Tamén depende de se se prevén sancións ou non. Por exemplo, Noruega si se comprometeu desde o ano 2003 a iso, e as conselleiras en empresas pasaron do 3% ao 40%. Resultados similares tiveron en Italia, Francia, Bélxica, Holanda ou Reino Unido. Creo que cada país ten que establecer a súa propia política de cotas. Oxalá que un día non fixesen falta.

Son as cotas a solución definitiva?

Son parte da solución. O establecemento moitas veces está limitado aos teitos de cristal e non a outras situacións nun mercado aínda máis precarizado. Non son a solución definitiva, mais si a solución mínima e indispensable para comezar a mudar o mercado laboral. A cota é unha parte. Hai que mellorar tamén as condicións deses postos de traballo, de soldo, de horario, de conciliación familiar...

Ana Bernal-Triviño na presentación do seu libro

Ana Bernal-Triviño na presentación do seu libro. © RTVE

Onde podemos ver máis exemplos de discriminación positiva?

Tamén os podemos encontrar no uso da linguaxe, nun uso que non sexa sexista, que non discrimine a metade da poboación. Por todo o que estamos a falar, xurdiu a Lei de Igualdade en 2007, coa intención de corrixir esas desigualdades previas entre homes e mulleres.

Pode a COVID-19 aumentar a desigualdade de xénero e frear, por tanto, a equidade?

Si, de feito, é algo que xa estamos a notar. Desde diversas institucións está comezando a analizarse ese efecto. Se xa hai una situación previa de desigualdade no mercado laboral e nos coidados, a pandemia agravouna. Durante o confinamento, o coidado dos fillos e o fogar caeu case por completo sobre as mulleres, evidenciando unha maior carga mental e psicolóxica nelas. Tamén está o problema da conciliación. Ademais, ás mulleres que sofren maltrato non as beneficia o teletraballo, porque o maltratador controla aínda máis estas mulleres. A pandemia abre un novo marco que temos que analizar.