Finaliza o curso 21/22 e queremos agradecervos todo o voso traballo e esforzo trasladándolle accións e actividades sobre dereitos humanos ao voso alumnado.
Bernardo, liberado
Durante estes meses recibimos boas noticias, especialmente a da liberación de Bernardo Caal, que foi posto en liberdade o pasado mes de abril, grazas en parte á denuncia realizada desde colexios e institutos de todo o país.
“Amnistía Internacional deume esperanza na liberdade e agora son libre. Estou de novo coa miña familia, coas miñas fillas e coa miña parella. Miña nai chorou de alegría ao verme libre. Douvos as grazas a cada un de vós por difundirdes as miñas cartas”, contounos Bernardo á saída de prisión.
Esta non é a única boa nova. Durante estes meses, decenas de centros escolares sumástesvos á iniciativa ‘Contigo unha acollida digna’, na que se propuña correspondencia entre estudantes de centros educativos pertencentes á Rede de Escolas e o programa CONTIGO de Radio ECCA.
Naturalmente, non podemos esquecernos de Ucraína e as mulleres afgás, que ocuparon un lugar central nas propostas que levastes a cabo.
Programando o curso que vén
Durante o próximo curso, proporémosvos traballo polo menos sobre estes temas, por se queredes telo en conta de cara á planificación docente:
Setembro/outubro 2022 Educación das nenas afgás | A situación das nenas en Afganistán segue a ser tráxica, e, como sabedes, o goberno talibán prohibe que asistan ás aulas entre os 12 e os 18 anos. Farémosvos propostas educativas e de acción para visibilizar esta realidade no voso centro educativo. |
Novembro 2022 (25-N) Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller | Durante este mes, farémosvos unha proposta vinculada ao 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Comporase de talleres educativos, que poderedes pór en marcha na clase, e unha acción por casos concretos. |
Decembro 2022 (10-D) Día Internacional dos Dereitos Humanos Xaneiro 2023 (31-E) Día Escolar da Paz e a Non-Violencia | Durante este período, poremos en marcha o noso tradicional maratón de envío de cartas ‘Escribe polos teus dereitos’, no que nos uniremos á petición de centos de milleiros de persoas de todo o mundo para que se respecten os dereitos humanos de defensores e defensoras de dereitos humanos en diferentes países do mundo. Integraremos nesta acción a nosa tradicional proposta de ‘Regala as túas palabras’, na que estudantes e profesorado poderán facer chegar palabras de alento e solidariedade a persoas presas de conciencia en todo o mundo. |
Marzo 2023 (8-M) Dereitos Humanos das Mulleres | En relación co 8 de marzo, Día Internacional da Muller, realizarémosvos propostas para traballar na aula relacionadas con dereitos humanos da muller, eliminar os estereotipos de xénero desde un enfoque de dereitos humanos e actuar por mulleres defensoras de dereitos humanos nalgunha parte do mundo. |
Maio 2023 (17-M) Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia | Con motivo do 17 de maio, Día Internacional contra a Homofobia, a Bifobia e a Transfobia, realizarémosvos propostas educativas relacionadas con diversidade sexual e de xénero, acompañadas dalgunha proposta concreta para actuar a favor do colectivo LGBTI. |
Estas propostas serán complementadas con outros materiais e accións por persoas concretas, que estarán dispoñibles na web da Rede durante o curso. Á volta do verán volveremos contactar convosco para vos informar das novidades na Rede para o próximo curso. Esperamos que pasedes un estupendo verán.