Comeza xa setembro: toca esquecerse das vacacións e volver ao traballo. Un novo curso, novos grupos de estudantes, aulas baleiras que axiña se encherán, programacións pensadas con ilusión, reunións de equipo para organizar os horarios das clases, cambios na dirección... e esa pregunta que revoa pola túa mente: lograrei conseguir os meus obxectivos desta vez?
Alén de todo isto, chega a xente de Amnistía Internacional cun calendario completo de accións cunha chea de temas interesantes e datas para ter en conta. Encantaríache realizar todas as actividades que propoñen, proxectar por fin ese vídeo tan chulo que quedou pendente en xuño e tamén implicar colegas no traballo polos dereitos humanos: como poderei encaixar todo isto nas clases? Ou poderemos facer algo rechamante e compartilo con todo o centro?
Mentres resolves estas dúbidas e terminas de planificar o curso, facémosche a vida máis doada cunhas ideas sinxelas para pólas en marcha. Coma sempre, podes adaptalas ao tempo que tes dispoñible e aos contidos que máis che interesen e modificar os recursos para que resulten útiles. Contámoscho nunha presentación de Canva e tamén podes descargar o pdf (olla no lateral dereito da páxina).
Alégranos terte por aquí de novo. O teu activismo importa. Moito máis do que cres. Adiante co curso 2026-27!
Cando?
Ao longo dos meses de setembro e outubro de 2026.
Tamén podes facer estas actividades en calquera outro momento do curso.
Que che propomos?
Explicar o que son os dereitos humanos a través da Declaración Universal, sexa mediante talleres, actividades prácticas, audiovisuais ou outros recursos dispoñibles na Rede Educativa.
Imprimir carteis da Declaración Universal dos DDHH e deixalos de forma permanente nun lugar visible durante todo o curso. Tamén podes imprimir os pasaportes polos Dereitos Humanos e entregarlle unha copia a cada estudante para traballar con eles en cada acción que levedes a cabo máis adiante.
Explicar o que é Amnistía Internacional, dándolle relevancia ao traballo de mobilización e a como podemos actuar para conseguir cambios reais e lograr un mundo máis xusto. Preparamos unha nova presentación, que podes acompañar con audiovisuais, e tes á túa disposición o curso en liña, dunha duración aproximada de 90 minutos.
Escribir mensaxes de solidariedade dirixidos a nenos, nenas e familias afectadas pola detención migratoria exercida polo ICE nos Estados Unidos.
Esta proposta é só para centros educativos?
Tamén podes realizar as actividades noutros espazos educativos: asociacións xuvenís, cursos de idiomas, centros culturais, clubs de lectura, bibliotecas…

