Cento setenta países do mundo ratificaron o tratado internacional que prohibe a participación de nenas e nenos en conflitos armados. Dezasete países directamente non o asinaron. Outros dez asinárono, mais non o ratificaron.
Non todas as guerras ou conflitos son iguais. Coñecelos resulta cada vez máis complexo. En cada un hai variedade de exércitos e grupos armados. Cada unha destas partes conta, en menor ou maior medida, co apoio doutros grupos de interese, países ou gobernos directa ou indirectamente intervenientes, o que dota estas crises dunha dimensión global e internacional.
Desde a nosa perspectiva occidental, observamos estes enfrontamentos e ataques armados moi afastados, como situacións que non nos afectan nin directamente nin de forma cotiá, aínda que, polo contrario, somos capaces de rachar as vestiduras lembrando que podemos ser tan vulnerables como a poboación que sofre en primeira persoa as violentas consecuencias das guerras. Se ademais pensamos en nenos, nenas e adolescentes involucrados como soldados en exércitos e grupos armados, chegamos a sentir unha fatal impotencia.>
Na cidade de Pibor, no estado de Bome (Sudán do Sur), aproximadamente 200 nenos e nenas soldados foron liberados a través dun programa de DDR. Entre os máis de 200 nenos soldados liberados había tres nenas. © Nektarios Markogiannis
Máis complexa e global se volve a análise se ademais temos en conta o comercio e a venda de armas nunha maraña de relacións políticas e económicas internacionais e un descarado ánimo de lucro. O armamento ten unha soa finalidade: danar a poboacións, en situacións concretas, ao servizo de intereses económicos e estratéxicos, e iso comporta destrución, morte e devastación en territorios. O desenvolvemento do armamento lixeiro ten favorecido o recrutamento de nenas, nenos e adolescentes.
O recrutamento de persoas menores de dezaoito anos está explicitamente prohibido polo dereito internacional. Non obstante, segue a producirse, e afecta, segundo datos de Unicef, a máis de 300.000 nenos, nenas e adolescentes do mundo.
A Organización das Nacións Unidas informa da existencia de máis de 7000 nenos e nenas recrutados só en 2019, sobre todo na República Democrática do Congo, en Somalia e en Siria. A pobreza, os desprazamentos forzados, a inexistencia de suficientes escolas ou a falta de posibilidades de formación ou expectativas dos mozos e mozas favorecen o recrutamento “voluntario”. Polo contrario, o recrutamento é definitivamente involuntario tras a separación traumática de nenos e nenas das súas familias, cando se producen secuestros ou outras situacións violentas similares. A ONU indica que 1683 niñas e nenos foron secuestrados en 2019, para seren utilizados como soldados, escravos e escravas sexuais en Somalia, República Democrática do Congo e Nixeria.
Un ex neno soldado coloca ben a súa boina mentres asiste a unha cerimonia de liberación de nenos e nenas soldados nas aforas de Yambio (Sudán do Sur), o 7 de agosto de 2018. © REUTERS / Andreea Campeanu
De acordo coa definición internacional de nenos e nenas soldados:
Enténdese por neno soldado todo menor de dezaoito anos vinculado cunha forza armada ou un grupo armado que fose recrutado ou utilizado por unha forza armada ou un grupo armado en calquera capacidade, incluídos os nenos (tanto nenos como nenas), aínda que sen limitarse a eles, utilizados como combatentes, cociñeiros, cargadores ou espías ou para fins sexuais. (Principios de París sobre a participación de nenos nos conflitos armados, 2007).
Podemos entender que non todos os nenos e nenas participan de igual maneira nos conflitos: nenos e nenas poden ser empregados como combatentes, escudos humanos, correos e, no caso das nenas, como escravas domésticas e sexuais.
“Cando me casaron era unha nena. Fixéronme sufrir. Quero ter un futuro mellor. Quero que o Estado Islámico renda contas polo que me fixo”
Unha nena de 17 anos que escapou de Boko Haram (en Nixeria) tras ser secuestrada e permanecer cativa durante catro anos describiu a vida no bosque de Sambisa: “[O meu] malvado ‘esposo’ sempre me pegaba. […] As miñas actividades diarias incluían rezar, cociñar cando había comida, [e] asistir a leccións do Corán. Non nos permitían desprazarnos, nin visitar a amizades. Foi unha experiencia horrible. Fun testemuña de distintos castigos, desde disparos ata lapidacións e azoutes con vara”.
Randa, nena de 14 anos que estivo cinco baixo cativerio do Estado Islámico en Iraq, dixo: “Cando me casaron era unha nena. Fixéronme sufrir. Quero ter un futuro mellor. Quero que o Estado Islámico renda contas polo que me fixo”.
A violencia sexual en contra das nenas, por parte dos propios grupos que as recrutan, ou utilizada esta violencia contra elas como arma de guerra, colócaas nunha situación de especial vulnerabilidade. As rapazas quedan expostas ao contaxio de enfermidades de transmisión sexual e ás súas secuelas, ademais de sufriren lesións e embarazos non desexados, e de expoñelas ao risco de perderen a vida, antes, durante e despois de daren a luz sen atención médica nin coidados sanitarios adecuados á súa falta de madurez física para seren nais. Estas nenas son responsables á súa vez doutros pequenos e pequenas que representan e recordan unha situación traumática difícil de esquecer. Especialmente, son nenas expostas a sufrir o estigma social da maternidade temperá, e son rexeitadas polas súas comunidades e familias de orixe tras os conflitos, durante os procesos de desarmamento e desmobilización, de forma que encontran todo tipo de obstáculos para a súa reinserción social.
Nenas desprazadas internamente, utilizadas en conflitos armados pola milicia local, camiñan polas lindes dun refuxio seguro para nenos e nenas rescatados en Mwene Ditu, na provincia de Kasai Oriental (República Democrática do Congo), o 15 de marzo de 2018. © REUTERS / Thomas Mukoya
Os programas de reinserción que os gobernos e a ONU articulan para reparar estas vítimas, nenas, nenos e adolescentes ex-soldados son de difícil acceso, pero sobre todo para as mulleres novas, que quedan en situación de maior desprotección e desarraigo social e económico.
Pregúntome se, en xeral, a reparación a estes nenos e nenas, e en concreto a dos seus graves danos psicolóxicos, é posible con apoio profesional, garantindo o acceso a terapias psicolóxicas, mesmo psiquiátricas, duradeiras e eficaces. Imaxino vidas truncadas con serias dificultades para un posterior desenvolvemento persoal e proceso de recuperación social. A normativa internacional prevé programas e servizos de reinserción aos que han de ter dereito estas vítimas, e nos que a ONU traballa sobre o terreo, monitorizando e negociando cos países en conflito, onde, a pesar deste labor, se segue a recrutar rapaces e rapazas de menos de dezaoito anos.
“O exército de Nixeria debe liberar todos os nenos e nenas detidos de forma arbitraria e poñer fin a outros abusos que parecen destinados a castigar a milleiros de menores que, en moitos casos, foron ademais vítimas das atrocidades de Boko Haram. Un compromiso coa educación infantil e a recuperación psicosocial podería supoñer o principio dun novo camiño para o nordeste do país.” Osai Ojigho, directora de Amnistía Internacional Nixeria.
A representante especial do secretario xeral para a Cuestión dos Nenos e os Conflitos Armados da ONU, Virginia Gamba, lémbranos que, en 2020, debido á pandemia desencadeada pola COVID-19, e ata hoxe, tivo que suspenderse o traballo de campo para desmobilizar e reparar estas vítimas. Por este mesmo motivo, incrementouse o recrutamento, especialmente tras o peche das escolas, que deixan a nenas, nenos e adolescentes en maior situación de vulnerabilidade fronte á devastadora acción de exércitos e grupos armados.
“Debemos adoptar un papel activo como sociedade civil e pedirlles responsabilidades aos gobernos, empresas de armamento e grupos armados para que poñan fin ao recrutamento de nenos e nenas soldados."
Finalmente, quero lembrar unha cuestión de identidade compartida que nos achega máis á vivencia destas vítimas: en España tamén tivemos un gran conflito armado. Hai oitenta anos vivimos unha guerra (1936-1939). A maioría das persoas de mediana idade crecemos e vivimos entre vítimas, nenas e nenos de entón. Os nosos pais e nais, avoas e avós, durante toda unha vida e en silencio, continuaron sentindo o medo de sobreviviren a un conflito armado. Entón secuestrábase, torturábase, encarcerábase, bombardeábase e privábase a poboación de bens esenciais. Moitos nenos e nenas creceron con medo, sentiron o rexeitamento social e tiveron que superar a perda e a desaparición dos seus familiares, durante anos de negación e amnesia colectiva. Gardaron os seus danos físicos e psicolóxicos xamais recoñecidos, xamais reparados. Entón os adolescentes tamén eran recrutados e recrutadas. Temos aínda viva unha xeración de sobreviventes que foron vítimas e testemuñas de violacións de dereitos humanos e que lles transmitiron aos seus fillos e fillas os seus dós, a súa incerteza e o temor ao abandono. Por este motivo, podemos e debemos desenvolver a suficiente empatía para achegarnos aos danos físicos e emocionais dos nenos, nenas e adolescentes dos actuais conflitos armados.
Debemos adoptar un papel activo como sociedade civil e pedirlles responsabilidades, tanto ao noso goberno como ás empresas de armamento e ao resto de gobernos, ou a quen sexa directamente responsable do recrutamento de nenos, nenas e adolescentes. Ademais, esixamos, ao abeiro da normativa internacional, máis políticas de protección materializadas en recursos destinados á reparación e ao tratamento médico, á educación e á formación profesional para a reinserción destes nenos, nenas e adolescentes, principais vítimas de violencia nas situacións de conflito bélico.