Amnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsAmnesty IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid IconsCovid Icons

Alumnos e alumnas de bacharelato de artes plásticas do IES María Guerrero de Collado Villalba, serra noroeste de Madrid

Alumnos y alumnas de bachillerato de artes plásticas del IES María Guerrero de Collado Villalba, sierra noroeste de Madrid ,

Frente Viñetista e Amnistía Internacional unímonos para falar de dereitos humanos a través de viñetas, ofrecendo talleres para desenvolver en centros educativos. Historicamente, as caricaturas teñen sido críticas coa opresión e a falta de dereitos humanos, e foron vehículo para difundir ideas contrarias a réximes autoritarios. Alumnos e alumnas do IES María Guerrero de Collado Villalba (Madrid) cóntannos como desfrutaron da experiencia. Animámosvos a facer talleres na vosa zona; tendes toda a información no blog da Rede de Escolas.

O pasado 2 de marzo tivemos un taller de viñetas no IES María Guerrero, de Collado Villalba (Madrid), organizado por Amnistía Internacional xunto con Frente Viñetista, coa temática do cambio climático. Isto xurdiu a raíz dunha proposta que Amnistía Internacional Villalba lle fixo a un grupo de profesores e profesoras vinculadas ao proxecto ECOESCUELAS do noso instituto, que habitualmente colaboran noutras campañas. No taller participamos case 30 compañeiros e compañeiras de bacharelato, e de 3.º e 4.º da ESO.

Para comezar, Mario Grande, colaborador de Amnistía Internacional, expúxonos a problemática xeral do cambio climático e por que se realizaban estes talleres desde Amnistía Internacional. Realmente, consideramos que hai que traballar moito nos institutos para que exista unha implicación das novas xeracións en lograr cambios para evitar os efectos do cambio climático acerca dos que están dando a voz de alarma continuamente os científicos que estudan o clima. Un dos métodos de traballo está baseado na arte, e cremos que as viñetas son un medio moi eficaz para espertar o espírito crítico entre os alumnos e alumnas de todos os institutos. Mario Grande achegounos algunhas ideas sobre as que poderiamos traballar, que estaban relacionadas directa ou indirectamente cos efectos do cambio climático: incendios, deforestación, escaseza de auga, quecemento da terra, contaminación ambiental etc. Iso facilitounos que despois puidésemos pensar sobre ideas para desenvolver as viñetas.


A continuación, Alejandro Falcó participou desde Frente Viñetista. Tíñanos preparada unha exposición cunha serie de viñetas propias e doutras persoas que nos serviron de exemplo para ver os obxectivos e como, a través das viñetas, se poden expresar ideas de forma moi sutil pero moi representativa e que serven para captar a atención das persoas, mesmo máis que a través de informes extensos. Cada unha das viñetas que nos mostrou tiña unha intencionalidade para facernos reflexionar sobre diversos aspectos desde o sentido crítico, utilizando diversas técnicas, tanto artísticas como emocionais. Tras isto, puxémonos a pensar en posibles ideas para desenvolver nas nosas propias viñetas e fomos elaborando bosquexos onde plasmamos diferentes debuxos. Aínda que non deu tempo a terminar, si dedicamos un anaco ao final a que cada un de nós puxésemos en común o noso traballo, indicando en que consistía a idea que queriamos transmitir a través de cada unha das viñetas.

Algunhas das viñetas elaboradas por estudantes. © AI

As nosas profesoras recolleron todos os traballos e dedicamos algunha clase máis para ir terminando cada unha das viñetas. Con todas as creacións preténdese crear un fanzine que sirva para concienciar desde a perspectiva do humor e a creatividade sobre a protección do medio ambiente e o coidado do contorno, visto polos nosos ollos. Entre todas elas, puidemos observar que nos repetiamos, que as nosas imaxes mostraban tres grandes temas:

– O mundo, como imaxe global: vivo, morto, despoboado e repoboándose, que presenta dúas caras ou mundos enfrontados.

– Paisaxes distópicas e desoladas: paisaxes onde non habita ninguén, onde as consecuencias dos nosos hábitos presentan a ausencia de futuro etc.

– A aparición do ser humano: ou ben a súa acción sobre este mundo, e con iso a súa responsabilidade, ou ben como esperanza dun posible cambio.


A intención é imprimilas e crear un pequeno fanzine que se lle poida presentar no instituto ao resto do alumnado, xunto a unha exposición dos orixinais, que, en xeral, superaron as nosas expectativas. Temos previsto realizar a exposición para a semana do 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, para así darlle maior relevancia a esta data e que o resto do instituto poida concienciarse tamén de que temos moito traballo por diante na protección do medio ambiente e dos Dereitos Humanos, que están totalmente relacionados co cambio climático. Os alumnos e alumnas de 4.º da ESO que participamos no taller explicámoslles aos nosos compañeiros e compañeiras de cada un dos nosos grupos o que aprenderamos e impartimos un “minitaller”, para que o resto puidese participar tamén das nosas experiencias e realizase as súas propias viñetas como unha actividade máis da aula, sempre coa colaboración das nosas profesoras de plástica.


A verdade é que a experiencia foi moi interesante e nos serviu para traballar un tema tan importante desde a perspectiva da creatividade e a arte.>